o miolo

cincuenta

O de hoxe é día de aniversario. Día de torta e velas, de viño e rosas, de cumprimentos e happybirthdays, de foguetes, de bombas de palenque, de balances.
Estou a escribir a entrada número cincuenta de Como, logo existo.

cabeceiradefi

Hoxe é día de poñernos diante do espello.
Foron oito meses, innumerables probas, cambios máis ou menos radicais, infinitos experimentos, miles de dúbidas, centos de decisións.
E todo para corenta e nove entradas…
E todo para un único seguidor habitual…

cabeceira

Despois dalgúns tombos, a liña estética ficou perfectamente definida alá polo mes de abril: a base branca (limpeza, claridade, pureza, calma…) adozada cunha picadela de cor, laranxa (activo, expansivo, enerxético, acolledor, cálido, estimulante).
Fonte, Georgia: atractiva, elegante, con riscos pero sen esaxeracións, moi diáfana e lexible. Simple. Fermosa.

cabe_sidebar

Os contidos tamén se centraron aos poucos arredor dese comer para existir pero tamén para chegar un chisco máis lonxe que xa se anunciaba desde o primeiro e titubeante paso
Era un comer caro (Davila Restauración) pero tamén máis barato (Bar restaurante O Tropezón), un comer de deseño (Eirado da Leña) e outro popular (As empandillas de casa Germán), comer simple sopa de letras (Por catro perras),  omnipotente porco (Lacón with grelos), unha boa dose de lingua (Day of the galician letters) ou o que o chef mande cada día (Menú Express). Foi un comer coa imaxinación (Comer e falar), coa memoria (Que tempos aqueles!), coa razón (Algo arredor dos furanchos), e mesmo cun combinado de todas elas (Cociña, cociñas, cantas, cales, unha, todas…).
Case sempre comer a través da obxectividade da miña cámara Lumix (Retratos antigos), a subxectividade do meu corazón (Breve historia da restauración galega) e sen perder nunca de vista a vaidade do propio embigo (Día 7 de decembro de 1980).
En fin, foi comer e beber na Galiza (A Gabeira, El Mosquito, Culler de Pau…) pero, e, como elemento diferenciador e característico, tamén comer no norte de Portugal (Comer no norte de Portugal segundo as guías, Comer no Porto…, O Foz Velha, Cozinha de Sé, Mesa…).

copacubertos

O cincuenta aniversario paréceme a ocasión perfecta para saír do armario e dar un pouco de publicidade ao proxecto, de dar o salto ao baleiro, de espirme diante de vosoutros, de poñerme plasta con coñecidas e descoñecidos para animarvos a todos a que participedes e así tentemos facer disto, entre todas, un proxecto cada vez máis atractivo.

InvitacionInvitacion2

Disque agora só é cuestión de insistir e armarse de paciencia…