o miolo

todo un clásico

Guimaraes é unha desas localidades portuguesas que souberon conservar -e mesmo mellorar- o seu núcleo urbano.
Como Viana, como Caminha, como Melgaço ou a propia Valença, por citar só algúns dos que temos máis a tiro de pedra.
Guimaraes ten o valor engadido de que o proxecto de rehabilitación é un dos chanzos que aupou a Souto de Moura a ser merecedor do premio Pritzker 2011.

Guimaraes Capital da Cultura 01

Este ano Guimaraes é capital europea da cultura e loce especialmente esplendorosa.
Xa non sei se comer no S Gião era a desculpa ou o motivo principal da escapadinha, pero o que si é certo é que en calquera dos dous podes degustar un anaquiño da historia de Portugal.

Restaurante Sao Giao 11     Restaurante Sao Giao Tarxeta

Naquel estudo de finais de 2010 sobre Comer no norte de Portugal segundo as guías gastronómicas, o S Gião resultaba ser o segundo mellor restaurante do norte, superado unicamente polo estrelado Largo do Paço. Naquel momento estaba en todas as guías consultadas agás na que realiza a revista Wine para salientar aqueles restaurantes que prestan unha mellor atención ao viño. Hoxe podemos dicir que o Sao Gião xa está nesa selección do Wine con 4 puntos sobre 5.

Restaurante Sao Giao 03 Restaurante Sao Giao 04

O local é fermoso. Moi aberto e luminoso, amplo, requintado, cómodo, dominado pola gran cheminea central hoxe acendida.
A luz, unida ás copas de picos de Vista Alegre en todas as cores, produce un efecto que chama a atención desde o primeiro momento.

Restaurante Sao Giao 10_1050709

A carta é ampla, de corte tradicional sen menosprezar un toque de orixinalidade. Non esquezamos que S Gião foi, en diferentes ocasións, e para distintas publicacións, mellor restaurante de cociña tradicional portuguesa.
Boa carta de viños e bo trato e servizo. Pedimos un Post Scriptum de Chryseia de 2009 (21€), Douro que paga a pena probar pola súa nobreza e corpo; moi rico.

Restaurante Sao Giao 16     Restaurante Sao Giao 17

Entrantes variados e todos moi apetecibles (diferentes afumados caseiros, salmón, peito de pato, lombo de porco…), Carpaccio de boi, sopas, revoltos, grelhados (zanorinhas, setas, queijo, espargos…).
Somos catro e compartimos unhas Croquetas de lagosta, unhas Setas grelhadas e unha Alheira tamén grelhada. Calquera dos tres entrantes no seu punto. Por preferencias persoais quedo coas croquetas e as setas.

Restaurante Sao Giao 18     Restaurante Sao Giao 19

A oferta de peixes é enorme. Son varias as mesas que piden o bacallao na brasa e a máis dun se nos van os ollos. Vieiras á prancha con mollo agridoce, Salmón braseado con risotto de espárragos, rodavallo, linguado ou polbo na grelha, mexillóns ou gambas con masa fresca…
As carnes non se quedan atrás. Pezinhos recheados, tripas á moda de Porto, Peito de pato con mollo de amoras, Posta de vitela con batata a murro, Bife tres pimentas, Confit de ganso, Entrecosto de boi marmoreado, Estufado rico con grao de bico…

Restaurante Sao Giao 20     Restaurante Sao Giao 21

Casualidade pero hoxe todos nos decantamos polas carnes (aínda que asinamos o compromiso de volver a polos peixes).
Luis unhas fantásticas Bochechas de porco preto confitadas.
Luz a tradicional Açorda de outono (de perdiz, setas…). Lembro que foi a miña elección a primeira vez que estiven aquí e, servida como vén dentro dunha bola de pan, resulta absolutamente excepcional. Para degustar con todos os sentidos.
Carmen a Empada de carnes variadas. Ben pero quizá o máis neutro dos catro pratos.
Eu o Folhado de perdiz, un prato exquisito (por desgraza óeme o camareiro e, cun sorriso, chámame a atención polo calificativo que uso: disque en portugués exquisito quere dicir xusto o contrario que para nós).

Restaurante Sao Giao 22  Restaurante Sao Giao 25

As sobremesas son o exceso absoluto.
Gianduja semi frio de avela e limao, Pudim abade de Priscos, Canilhas com leite creme, Sorvetes variados, Queijo da serra com compota de abobora ou figos, etc…

Restaurante Sao Giao 23   Restaurante Sao Giao 24

Pedimos (orde das fotos), Semi frio de baunilha e framboesa, Tainori con gelado de tangerina,  Areado de maça com gelado de baunilha e Orizaba semi frio de chocolate branco e framboesa.
O meu tainori está, sinxelamente, fantástico.

Restaurante Sao Giao 27   Restaurante Sao Gião 28

Cos cafés pagamos 37 euros por comensal.
Tendo en conta o menú, a atención recibida, o espazo, a historia… paréceme un prezo moi razoable.

O S Gião é un restaurante que resulta altamente recomendable; dentro das súas características, coincido cos que o sitúan como a mellor oferta do norte de Portugal.

Restaurante S Gião
Avda. Comendador Joaquim de Almeida Freitas, 56
4815-270 Moreira de Cónegos
Guimarães
Telf: 253 561 853
Móbil: 917 541 548
E-Electrónico: rs.giao@gmail.com
GPS: 41.379964ºN  08.354723W
Localización en Mapas de Google
Michelín: BigGourmand
Repsol: 1 Sol
Guía BCBM: Garfo de Ouro
Wine: 4puntos/5
Guía José Silva: Destacado
Os 101 mellores restaurantes de Portugal (Mesa Marcada): Posto 21 con 41 puntos)

rías baixas, territorio gastronómico

Hoxe hei de comezar dicindo que, no referido ás redes sociais en internet, son un analfabeto absoluto.
Si, claro, andan por aí o meu Facebeook, o meu Twitter, un Foodspotting bastante abandonado…, pero aí están, berrando a miña incompetencia a base de palabras non pronunciadas e contidos baleiros.

riasbaixasgastronomicas

Vén o anterior a conto de que grazas ao Facebook de Arantxa Costas (Don Chiringo: primeira visita, de voda), descubro este fermoso vídeo.
Rías Baixas, Territorio Gastronómico, é unha produción de [sic] para Turismo Rías Baixas que transforma en audivisual o libro do mesmo título que asinan Jorge Guitián (o Gourmet de provincias) e Manolo Gago (Capítulo 0) na súa vertente escrita, Francesc Guillamet na parte das fotografías, e o estudo uqui-cebra en todo o que afecta ao deseño e maquetación.


Rías Baixas, Territorio Gastronómico

Aínda non coñezo o libro fisicamente, pero polo pouco que teño visto, pola categoría dos autores en todas e cada unha das súas facetas, pola fermosura do vídeo, polo nivel gastronómico deste recuncho do noso País, o libro promete.
Trátase dun percorrido pola cociña dos nove cociñeiros galegos (casualidade?) que, pertencendo ao Grupo Nove, teñen o seu restaurante nalgún punto da xeografía das nosas Rías Baixas.
Por orde aparición no vídeo: Pepe Solla, Iñaki Bretal e Roberto Filgueira, Xosé Cannas, Antonio Botana, Alberto G. Prelcic, Javier Olleros, Rafael Centeno, Pablo Romero e Yayo Daporta.

image

Ah! E que non se me esqueza.
O vídeo, nos seus títulos finais, amosa a etiqueta de Creative Commons, feito que nos anuncia que, coas limitacións lóxicas de recoñecemento, pode ser reutilizado.
Para os pobres loucos que pensamos que a Cultura debe estar nos antípodas do negocio, da industria, do capital, para os que estamos convencidos de que a cultura e a propiedade intelectual en internet deben cambiar de xeito radical, é de agradecer.

loureiro rustibodega de ángel

Do furancho de Ángel, o que nos tiña chegado, por Laura e Mayka, era a sona das súas espectaculares caniñas recheadas.
Daquela, hoxe, unha vez levantada a veda, alá nos fomos Carmen e mais eu a comer.

adolfo     Loureiro de Angel 01

O de Ángel é un dos furanchos de Cobas, na zona de Aldea de Abaixo.
E hoxe, sábado ao mediodía, ía bastante ben servido de clientes, así que o aparcamento que ten xusto enfronte resulta máis unha necesidade que unha excentricidade. Quero lembrar que no momento de máxima intensidade habería unhas dez mesas ocupadas cunha media de catro persoas por mesa. A dilixencia da única persoa a servir e da cociña evitan demoras excesivas.

Loureiro de Angel 05     Loureiro de Angel 06

Local moi amplo, con predominio da madeira e numerosos detalles decorativos da tradición rural galega. Magnífica reconversión ao concepto de taberna. Unha lareira acendida nun curruncho dá calor física e tamén ambiental ao enorme baixo.

Loureiro de Angel 08     Loureiro de Angel 09

Como manda a tradición do auténtico furancho, antes de que pidamos xa nos traen as dúas cuncas de albariño e un pratiño con xamón asado.
Inmellorable comezo de festa.
Oferta típica: tortilla, polbo, richada, zorza, cordeiro, galo...

Loureiro de Angel 11      Loureiro de Angel 12

Seica xamais aprenderemos. Pedimos a tortilla e a zorza e o rapaz que nos atende avisa e anota pola súa conta que as dúas pequenas, que vai ser moito… Unha vez máis o tempo daralle a razón.
A tortilla está, sinxelamente, espectacular. Sen dúbida unha das mellores do Salnés; e mira que xa che temos catado un par delas…
Ben feitiña, no punto, ben callada mais tamén xugosísima, especialmente saborosa.
Un dez para a tortilla.

Loureiro de Angel 14     Loureiro de Angel 13

A zorza mantén o nivel da tortilla. Carne magriña, adubada no punto exacto, sen ese exceso de picante que disque lle botan para tirar da fecha e que ao final esmaga a bondade de pratos que poderían ser de alta cociña. As pataquiñas, acabadas de fritir a lume non moi vivo, co leve mollo da zorza, segue a parecerme un bocado exquisito.
Sendo unha barbaridade para dúas bocas pequenas como as nosas, ao final, e aos poucos, case damos conta de todo.
No tocante a temas do bandullo, ás veces non hai mellor valoración.

Loureiro de Angel 15

Claro que aínda quedaba o pracer máis doce: as sonadas caniñas.
Estamos ata arriba pero pedimos unha para cada un… por aquelo de probar...
Aquí si que o Ángel se sae completamente da normalidade dos furanchos. Frescas, crocantes, con leve toque de limón, a suavidade da crema… estas canas pásanse catro pobos por diante da vulgaridade da sobremesas ao uso nos furancho.
Ademais, e por se fose pouco, tamén ofrecen mousse de chocolate, puding, outra torta caseira non lembro moi ben de que…
Como para repetir outro día só a base de albariño e doces.
Con café (de máquina), pagamos 19 euros entre os dous. O motivo definitivo para anotar que hai que deixarse caer a cada pouco por este furancho de Ángel que xa pasa ao pelotón de avantaxados dos nosos furanchos de cabeceira. 

Furancho de Ángel
Aldea de Abaixo 9
Cobas. Meaño.
36 Pontevedra
Teléfono: 670 518 577
GPS: 42.478958ºN  08.777874ºW
Localización en Mapas de Google

Leo, nunha das miñas fontes favoritas, o Boa Mesa do Escape (Expresso), unha reportaxe sobre restaurantes low cost en Lisboa e Porto. 12 restaurantes nos que comer por menos de 10 euros (6 en Lisboa, 5 en Porto e 1 en Setúbal),
(Se está interesado neste artigo, tal vez che podería interesar outro informe do Escape analizado por Como, logo existo hai cousa dun ano: 11 restaurantes a non perder en Porto en 2011)

expresso

Os de Lisboa e Setúbal quedan un chisco fóra dos intereses deste blog pero, por un se acaso, e como non deixa de ser un destino habitual para moitos galeguiños e galeguiñas, aí van como referencia:
- Cantina Lx, Alcántara, Lisboa.
- Padaria Portuguesa, Lisboa.
- Grande Palácio Hong Kong, Praça do Chile, Lisboa.
- Adega Leo do Petisco, Setúbal.
- Caxemira, Martim Moniz, Lisboa.
- Deli Delux, Santa Apolónia, Lisboa.
- Cervejaria O Germano, Marvilla, Lisboa.

escape2

Pero pasemos, utilizando a mesma orde do Escape, aos que realmente nos interesan: os 5 restaurantes de baixo prezo en Porto.

Bugo Burgers

Encabeza o listado o Bugo Art Burgers. No meollo do barrio das artes, na mesma rúa Miguel Bombarda (ver mapa). Moito máis que hamburguesas, na liña de novidade e risco que caracteriza a todo o barrio. Para deixarse sorprender.
Burgo Art Burguer
Rúa Miguel Bombarda 598
4050-379 Porto – Portugal
Tel. +351 22 606 21 79
GPS: 41º08’58”N  08º37’27”W
E-Electrónico
Web
Localización en Mapas de Google

saborXpresso

O SaborXpresso. No centro máis céntrico, a Praça da Liberdade (ver mapa). Diferentes espazos, diferentes ofertas, diferentes prezos. No piso baixo comida rápida e económica con opción ao prato do día. No piso superior comedor tradicional.
SaborXpresso
Praça da Liberdade 66-68
Santo Ildefonso
4000-322 Porto
Tlfno: 351 932883731 
GPS: 41.146489N / 08.611789W
E-Electrónico
Web
Localización en Mapas de Google

cepa torta

O Cêpa Torta. Un clásico da Foz (ver mapa) que de cando en vez asoma nas guías e recomendacións para comer en Porto. Disque é lugar de reunión habitual para estudantes e xente nova por mor dos seus prezos: o prato do día (cociña tradicional) sae sobre os 6 euros. Tamén comida á carta. Na rúa da Sra da Luz un chisco máis popular que o que está na rúa Gondarém.
Cêpa Torta
Rúa de Gondarém 843
4150 Porto
Tfno: 226181056
GPS: 41.159951ºN  8.682996ºW
Facebook
Rúa Senhora da Luz 258
4150 Porto
Tfno: 226189284
GPS: 41.15137ºN / 08.676671ºW
Localización en Mapas de Google

o buraco

O Buraco. A máis pura tradición da gastronomía portuguesa (rexional) na zona centro, moi próximo ao mercado do Bolhao (ver mapa). Para tomar unhas tripas, o arroz de pato, lulas, peixe fresco… sen luxos pero a prezos que son de auténtico escándalo. Un lugar xenuíno.
O Buraco
Rúa do Bolhao 95
Santo Ildefonso
4000-112 Porto
Tfno: 222 006 717
GPS: 41.151172ºN / 08.607472ºW
Localización en Mapas de Google

shis

O Shis. Pouco queda por dicir do Shis (ver entrada), outro clásico nunha das zonas máis concorridas da cidade: a Foz (ver mapa). Neste caso indicar que ofrece un Brunch completo a partir de 6,60 euros. (Br/eakfast + L/unch = Brunch; da tradición anglosaxona tan presente en Porto: a cabalo entre almorzo e xantar; no caso do Shis, máis preto do pequeno almorzo que da comida en si).
O Shis
Rúa do Coronel Raul Peres
Esplanada do Castelo - Foz do Douro
4150-623 Porto
Tfno: 226 189 593
GPS: 41.149273ºN / 08.675969ºW
E-Electrónico
Web
Localización en Mapas de Google

a taberna rural. meaño

Viña moi recomendada por Carlos Núñez (Pombo), natural destas terras, e por fin fomos catar esta Taberna Rural sita en As Covas, Meaño (non confundir con Cobas, tamén en Meaño, lugar habitual das nosas visitas pola súa riqueza furanchil: O de Juan, As irmás, Gardenia…). 
Na elección algo inflúe, tamén, que do que se trata é de inaugurar a nova tempada.

Confraria do tabernáculo da santa sede     Catecumenón Carlos Núñez (Pombo)     Catecumenón Carlos Núñez (Pombo)

No tocante a cuestións de pitanza, as recomendacións de Carlos Núñez (Pombo) adquiren categoría de lei. Lembrádeme que vos fale algún día deste entrañable Carlos Núñez (Pombo), da súa sapiencia gatronómica, das súas receitas, da confraría da que é avantaxado catecumenón (A confraría do tabernáculo da santa sede).

Taberna Rural 01     Taberna Rural 02

A Taberna rural ocupa un dos anexos do Pazo de Lis (no edificio principal do pazo podemos visitar o Museo da muller labrega, que nunca está de máis, para saber quen somos e en especial de onde vimos).

Taberna Rural 03     Taberna Rural 04

A primeira impresión é que non sabemos moi ben onde nos metimos.
Contorno e acceso señoriais, apetecible terraza para o verán, enteira en mobles de vimbio, decoración sen pretensións pero con sentido nun estilo típico de taberna rural: madeira e pedra adozados con pequenos detalles que marcan diferenzas…
Tan pronto che reciben, e logo, cando estudas o menú, todo regresa ao seu leito: sabes que non estás equivocado.

Taberna Rural 17

Oferta típica de furancho: a súa tortilla, os calamares, os pementos de Padrón, a zorza, a richada… E tamén a quintaesencia do furancho: os viños de colleita propia, neste caso albariño, caíño e tinto barrantes.
Pero, ademais, algún que outro retrinco ás preparacións tradicionais como ese Polbo braseado con queixo de tetilla, os patés caseiros (de centola, de pemento do piquillo, de atún e mexillón) ou os mexillóns á Taberna Rural (unicamente en inverno).
E, ademais, tapas da cociña galega máis popular, como algún que outro bivalvo (a navalla, a zamburiña, o mexillón…), o polbo á galega e sen estridencias, a empanada de millo, empanadillas caseiras, croquetas do cocido, orella…
E, para os que buscan a aposta segura, ensaladas, brochetas e diferentes táboas de embutido, queixo ou paté.

Taberna Rural 09

Pedimos o albariño e, mentres agardamos, tráennos un pratiño con olivas e queixo.
Polbo braseado con tetilla, empanadillas (tres por ración. Hoxe tocan de bonito e de calamar e mesturamos dúas e unha). De prato forte, a richada.
Somos avisados de que semella un pedido excesivo para dúas persoas (agás que nos consideremos comedores de dente olímpico). Como non é o caso, senón todo o contrario, de polbo será soamente media dose. (Servizo amable e próximo, pendente en todo momento de como van as cousas)

Taberna Rural 12     Taberna Rural 11

O polbo é todo un descubrimento. Aderezado ao xeito clásico co pemento e un aire de aceite, co seu imprescindible toque de picante moi suavizado e compensado polo queixo fundido que leva por riba.
As empanadillas moi ricas; pola masa, pero especialmente polo recheo; no caso das de calamar, tal cal o calamar guisado que faría Carmen.

Taberna Rural 13

A richada é richada. Para ben e para mal ten moita competencia na zona.
Está boa, pero é que por aquí hai algunhas que resultan xeniais. Mellor as pataquiñas rebrandecidas co mollo que a propia carne ou os pementos.
Malia estar advertidos e ter reducido a ración de polbo, da richada queda, non quero esaxerar se digo que, a metade da fonte.

Taberna Rural 15

Non hai espazo para a sobremesa, pero a oferta caseira resulta máis que tentadora. Flan de café, tarta de galleta, tartas de queixo (de forno e de neveira), tarta de piña, queixo con marmelo, tiramisú, pannacotta…
Si café, e ademais como manda deus: de pota.
Ao final pagamos 16€ cada un. Ben de prezo. Se contamos que co quedou da botella de viño e da richada, e con pouco máis, faciamos sitio a Luis e Luz, os cálculos lévannos arredor dos dez euros por barba, que entra dentro dos límites do furanchos da zona.
Volveremos. Seguro.

Taberna Rural
As Covas 3
Meaño (36968)
Tlf: 606 330 512
GPS: 42º29’43.24”N  08º 47’ 42.42W
Localización en Mapas de Google