o miolo

rías baixas, territorio gastronómico

Hoxe hei de comezar dicindo que, no referido ás redes sociais en internet, son un analfabeto absoluto.
Si, claro, andan por aí o meu Facebeook, o meu Twitter, un Foodspotting bastante abandonado…, pero aí están, berrando a miña incompetencia a base de palabras non pronunciadas e contidos baleiros.

riasbaixasgastronomicas

Vén o anterior a conto de que grazas ao Facebook de Arantxa Costas (Don Chiringo: primeira visita, de voda), descubro este fermoso vídeo.
Rías Baixas, Territorio Gastronómico, é unha produción de [sic] para Turismo Rías Baixas que transforma en audivisual o libro do mesmo título que asinan Jorge Guitián (o Gourmet de provincias) e Manolo Gago (Capítulo 0) na súa vertente escrita, Francesc Guillamet na parte das fotografías, e o estudo uqui-cebra en todo o que afecta ao deseño e maquetación.


Rías Baixas, Territorio Gastronómico

Aínda non coñezo o libro fisicamente, pero polo pouco que teño visto, pola categoría dos autores en todas e cada unha das súas facetas, pola fermosura do vídeo, polo nivel gastronómico deste recuncho do noso País, o libro promete.
Trátase dun percorrido pola cociña dos nove cociñeiros galegos (casualidade?) que, pertencendo ao Grupo Nove, teñen o seu restaurante nalgún punto da xeografía das nosas Rías Baixas.
Por orde aparición no vídeo: Pepe Solla, Iñaki Bretal e Roberto Filgueira, Xosé Cannas, Antonio Botana, Alberto G. Prelcic, Javier Olleros, Rafael Centeno, Pablo Romero e Yayo Daporta.

image

Ah! E que non se me esqueza.
O vídeo, nos seus títulos finais, amosa a etiqueta de Creative Commons, feito que nos anuncia que, coas limitacións lóxicas de recoñecemento, pode ser reutilizado.
Para os pobres loucos que pensamos que a Cultura debe estar nos antípodas do negocio, da industria, do capital, para os que estamos convencidos de que a cultura e a propiedade intelectual en internet deben cambiar de xeito radical, é de agradecer.