o miolo

taberna típica o labrego

Na lista de loureiros, furanchos e herdeiros do Salnés, hoxe tócanos visitar, xunto con Luz e Luís, a taberna O’Labrego, en Curro.
As referencias que teño de Laura e Mayka son moi boas e remóntanse a unha longa sobremesa de Nadal.

Mesón O Labrego

Ao Labrego debemos encadralo dentro do grupo dos herdeiros, daqueles lugares que algún día foron furanchos ou loureiros e hoxe están reconvertidos ao modelo oficial de local por mor da lei.
Hoxe domingo, á tardiña, está ateigado ata a bandeira, imaxino que grazas á oferta e á súa situación estratéxica na unión da autovía do Salnés coa autopista e estrada de Pontevedra a Vilagarcía.

Mesón O Labrego. Interior     Mesón O Labrego. Viño

Malia a cantidade de clientes, o movemento é contínuo e enseguida conseguimos mesa. Se é por xente, aquí hase comer ben.
A oferta é ampla, máis alá da oferta clásica dos furanchos aínda que na mesma liña. Tortillas, calamares, zorza, richada, pementos de Padrón, orella, etc.

Mesón O Labrego. Tortilla     Mesón O Labrego. Croquetas

Pedimos unha tortilla de chourizo, croquetas, zorza e orella.

Mesón O Labrego. Zorza     Mesón O Labrego. Orella

En xeral ben.
A tortilla resulta xugosa e rica, as croquetas, caseiras, moi saborosas. Un pouco por debaixo do resto está la zorza: por esa teima de estimular a bebida a base sal ou picante, resulta forte de máis.

Mesón O Labrego. Mousse

O Labrego ofrece algunhas sobremesas caseiras e decantámonos por dúas mousse de chocolate. Bebemos tinto Barrantes cunha gaseosa e pagamos 33€.
Boa opción no Salnés aínda que un pouco a desmán do circuíto da costa. Máis oferta que nos furanchos puros e a prezos similares.

Taberna O Labrego
Outeda 20 Curro
Barro
Teléfono: 664 363 106
Localización en Mapas de Google
GPS: 42º30’43”N   08º40’27”W

un grande de españa

Pepe

Hoxe, como onte, o título debe levar a confusión.
Malia o que puidese parecer o de grande de España non vai polo benquerido Pepe. Porque si, trátase del, disfrazado de Pepesol, unha suma del mesmo e o tamén xenial e bondadoso profesor Tournesol.
Mais non. Por moito que para min o sexa -aínda que máis nos gustaría ao dous o de grande de Galicia-, son dos que non gosto de facer comungar aos demais coas miñas rodas de muíño.

San Pepe en Alborada 4  San Pepe en Alborada 11

O caso é que hoxe inauguramos nova colaboración: Pepe nos manda datos, fotos e impresións dunha experiencia gastronómica e eu limítome a transmitírvolas no blog.
E para empezar facémolo cun grande de España. Pepe e Merce veñen de pasar uns marabillosos días en Asturias e abren esta colaboración coa súa visita a Casa Gerardo.

San Pepe en Alborada 7p

Pepe é de fiar. Gastronomicamente nacemos, medramos e fixémonos xuntos. Tamén noutros moitos aspectos (como profes, como fotógrafos, como catadores, como lectores, como en case todo…, como amigos) pero isto, hoxe, non vén a conto.
Pepe é o meu alter ego, o meu outro eu, quizá, a estas alturas, unha parte de min mesmo, así que todo aquilo que veña asinado por el eu ratifícoo cos ollos pechados, coma se fose escrito por min mesmo.
E así debedes interpretalo vosoutros tamén.

Aí vai.

pepesolCasa Gerardo – Prendes (Gijón) 23 de xullo de 2011. Por Pepe Fernández

Levaba tempo con ganas de volver a Asturias e dende que inauguraran o centro Niemeyer en Avilés moito máis; así que aproveitamos uns días que nos deixaron libres e fomos visitar o “Y” asturiano, léase Oviedo-Gijón-Avilés.

CG_15  CG4

Á parte da degustación dalgunhas sidrinas da típica rúa Gascona de Oviedo e dos patés, sobre todo os de cabracho e oricios, decidímonos por visitar Casa Gerardo (carretera AS-19 - km 9 - Prendes – Asturias - N 43º33’20.45’’ W 5º45’53.97’’); cociña creativa, de autor sen esquecer os pratos tradicionais (data de 1882)…

(Dada a altura do menú, deixámolo aí, cun chisco de suspense, para unha nova entrega. Seguro que pagará a pena).

de pintxos por pamplona

Nos hoteis de Pamplona, ao chegares á recepción, atopas un plano da cidade xunto cunha guía para gozar dos mellores pinchos en Iruña.
Trátase dunha guía completa –en inglés e español– con todo o que debes saber sobre os vinte e poucos locais de pinchos seleccionados.
Nome, enderezo, teléfono, barrio, horario, prezo medio dos pinchos, descrición, premios recibidos, especialidades e ‘outras ofertas’.

Guía de Pintxos de Pamplona

Despois de todo o día no coche e do desastre de comida na área de servizo decidimos homenaxearnos ás primeiras de cambio cunha cea de pinchos.
Disque o modelo polpular é a peregrinaxe por unha das zonas tradicionais (a zona centro, arredor da mítica rúa da Estafeta).
Media bebida e un pincho en tantos locais como che dea o corpo.
Pero tamén son moitos os bares que ofertan un ‘menú de degustación de pintxos’.
Un destes, o Chelsy, está fronte por fronte ao noso hotel, na rúa Iturrama 20.

Bar Chelsy Carta  Bar Chelsy Interior  Bar Chelsy Exterior

A guía anima dicindo que se trata dun establecemento con ‘gran dedicación ao pincho’, que conta cunha ‘gran barra na que se poden atopar pinchos desde parrulo, changurro, bacallao ou crêpes, ata xamón ibérico’, que as especialidades son o ‘Petit suisse de parrulo con fungos’ e o ‘Langostino agridoce con espárrago trigueiro e cabaciña’, que ‘dispón de carta de pratos combinados e bocadillos e de dous menús de pinchos de 11,20 e 15,30 euros’. O prezo por unidade vai dos 1,60 aos 3,00 euros.

Bar Chelsy Clientela Bar Chelsy Clientes Bar Chelsy Barra Bar Chelsy Pizarrón

Pedimos un de cada un dos dous menús de degustación de pinchos que, cun ritmo un chisco acelerado, desenvólvense segundo vén a continuación:

Milfollas de pataquiñas con micuit de foie e vinagreta de Módena Milfollas de pataquiñas con micuit de foie e vinagreta de Módena (1º)

Foie fresco á prancha con cabelo de anxo Foie fresco á prancha con cabelo de anxo (2º menú)

Langostino agridoce con espárrago trigueiro e cabaza Langostino agridoce con espárrago trigueiro e cabaciña (1º)

Alcachofas con langostinos Alcachofas con langostinos (2º)

Popieta de brandada de bacallao, pil pil e pisto  Popieta de brandada de bacallao, pil pil e pisto (1º)

Crêpe de mexillón con prebe de setas Crêpe de mexillón con prebe de setas (2º)

Pemento recheo de peixe e crema de marisco Pemento recheo de peixe e crema de marisco (1º)

Canelón de mousse de morcilla Canelón de mousse de morcela (1º)

Torrada Torrada (2º)

Tella con xeado e laranxa Tella con xelado e laranxa (1º)

Como vedes, un límite moi difuso e impreciso entre pintxo, pincho, tapa, ración, etc.
En todo caso unha bacanal para os sentidos, o paraíso para moitos comellóns: dez bocados a cada cal mellor en doses mínimas pero suficientes para derrotar ao gusaniño nocturno dunha soa sentada.
Certo que os dez pinchos non alcanzan o mesmo nivel. Pero, e neste caso inclúo aos premiados, a vara de medir non está tanto no propio éxito do pincho como nos gustos individuais de cada comensal.
No meu caso a curva de sabores comeza a baixar desde o principio, alcanza a zona media coa crêpe e sitúase baixo mínimos na morcela; malia o seu éxito nesta zonas, a morcela é un dos bocados máis afastados das miñas preferencias en sabores e texturas. Logo, cos doces, recuperaría –case– o seu mellor nivel.

Rúa do Laurel Logroño   Calle Laurel Logroño   Menú na rúa do Laurel   Calle Laurel

Logo, tres noites despois, repetimos modelo na zona do Laurel en Logroño.
Algún día haberá que falar máis polo miúdo de toda esta moda dos pinchos, tapas, racións ou como queiramos chamalos.

comer no camiño

Nesta ocasión o título agocha unha dobre intención.
Todo depende de que falemos de camiños ou do Camiño.
E hoxe calquera dos dous tería sentido válido.
Camiño de Santiago Camiño a Santiago Frechas no Camiño de Santiago Caminho de Compostela
Onte chegamos de facer o Camiño…
Desta foi en coche, en oito etapas con final en hoteis de catro estrelas, sen cansazos nin suores, con motivacións disimuladamente culturais (convertendo a fotografía e a gastronomía en elementos básicos da cultura).
2290 quilómetros e 2485 fotografías…
Pintxo en Pamplona Lechazo en Carrión dos Condes Bonito en Burgos Cocido Maragato en Castrillo dos Polvazares
Comimos pintxos en Pamplona e pinchos na rúa Laurel de Logroño.
Comimos cocido Maragato.
Comimos Lechazo-churro en campos de Castela.
Comimos un menú centrado na cereixa.
Comimos bacallao á rioxana.
Comimos o menú de degustación do restaurante Alhambra de Pamplona.
…E cerramos a festa na Parada das Bestas de Palas de Rei.
Aos poucos, temos todo o verán por diante, irei desvelando algúns dos mellores momentos do noso Camiño Gastronómico a Compostela.
Paisaxe por San Xoán da Pena Campo de Mirasois cerca de Mansilla das Mulas Viñas na Rioxa Río Louseiras en Samos
Na outra vertente da cuestión, hai ocasións, nesta viaxe foron tres, nas que a comida che pilla en ningures. Ves que son as dúas, as dúas e media, as tres… e ti liado coas igrexas, os castelos, as paisaxes e as fotos. Cando aterras de novo, cando volves ao mundo das necesidades fisiolóxicas primarias é cando pensas, ‘e agora que?’
Estamos a falar de comer no camiño ou na carreteira.
A primeira comida, en autopista, no Autogrill Iberia do Desfiladeiro (Área de Servizo na AP1, nos arredores de Pancorbo), foi un fiasco absoluto. Prato do día: combinado de xamón ibérico (un pouco de xamón fritido, un ovo, algunhas patacas e pemento) con iogurt natural (pan e bebida á parte), total 9,50 persoa.
Igrexa de San Xoán da Pena Igrexa de Eunate Igrexa de San Martín da Escalada Igrexa de san Nicolás en Portomarín
Xusto ao día seguinte inauguramos o camiño co tramo Jaca-Pamplona. A hora da comida pillounos desviados, visitando san Xoán da Peña e a santa Cruz de Serós (por certo, ambas as dúas visitas moi recomendables). Estiramos o tempo ata chegar a comer a Ponte la Reina (de Jaca), ben pasadas as tres. Paramos no primeiro local á entrada da vila ao pasar a ponte, á dereita, ‘Mesón de la Reina’. Comida de batalla perfecta. Menú do día con primeiro, segundo, sobremesa, pan, bebida e café (para cada un dos tres pratos do menú, seis ou sete opcións de elección), total 12,5 euros cada un. Comida caseira (menestra, croquetas, ensaladilla, pata de cordeiro estufada en viño, natillas…) ben elaborada e racións moi abondosas.
Todas as comparacións son odiosas?
Peregrino no Camiño de Santiago Peregrino no Caminho de Santiago Peregrino no Camiño a Santiago Peregrino a Compostela Peregrino
Onde está a clave? Como facer para acertar?
Simplemente teño para min que non existe a poción máxica. Se acaso, a sorte mal disimulada baixo o apelativo de ‘intuición’.
Existen guías específicas con recomendacións para comer en carretera. Non é o caso. Non podemos converter o coche nunha sucursal da nosa libraría turística. Os libros son para os preparativos, a viaxe é para viaxar.
Esperando o cliente na praza do Castelo de Pamplona Sesión fotográfica na praza de san Xosé de Iruña Visita á catedral de Pamplona Violoncelista diante da catedral de Jaca
Existen vellos aforismos como aquel que recomendaba parar alí onde houbese moitos camións. Na maioría dos casos tampouco nos valen. Nunca mellor dito, resultan ‘vellos’, son doutros tempos moi distintos aos actuais.
Agardando os encerros en Puente la Reina O sr Xosé dando corda ao reloxo da torre da igrexa de Sahagún Un alto para lembrar a paisaxe De turismo fronte á catedral de León
Claro que sempre gardo na recámara o infalible recurso de preguntarlle a Vicente. Vicente é, en cada caso, aquel lugareño que vai comer onde comen as xentes do lugar… É o máis fiable… pero tampouco nos vale en moitos dos casos. Nos asolados campos de Castela, aos corenta grados das tres da tarde (ou nos morriñentos bosques da Galiza ás dez da noite dun inverno asolagado), Vicente está ben protexido das inclemencias do tempo na súa casa.
Festa maragata en Castrillo dos Polvazares Meditando sobre a grandeza da natureza no Cebreiro De paseo pola ponte sobre o Órbigo Camiño de misa en Sarria
En fin, como vedes, camiños, haber hai moitos…
Nos próximos días andaremos xuntos algunhas das etapas do Camiño de Santiago Gastronómico.