Na lista de loureiros, furanchos e herdeiros do Salnés, hoxe tócanos visitar, xunto con Luz e Luís, a taberna O’Labrego, en Curro.
As referencias que teño de Laura e Mayka son moi boas e remóntanse a unha longa sobremesa de Nadal.
Ao Labrego debemos encadralo dentro do grupo dos herdeiros, daqueles lugares que algún día foron furanchos ou loureiros e hoxe están reconvertidos ao modelo oficial de local por mor da lei.
Hoxe domingo, á tardiña, está ateigado ata a bandeira, imaxino que grazas á oferta e á súa situación estratéxica na unión da autovía do Salnés coa autopista e estrada de Pontevedra a Vilagarcía.
Malia a cantidade de clientes, o movemento é contínuo e enseguida conseguimos mesa. Se é por xente, aquí hase comer ben.
A oferta é ampla, máis alá da oferta clásica dos furanchos aínda que na mesma liña. Tortillas, calamares, zorza, richada, pementos de Padrón, orella, etc.
Pedimos unha tortilla de chourizo, croquetas, zorza e orella.
En xeral ben.
A tortilla resulta xugosa e rica, as croquetas, caseiras, moi saborosas. Un pouco por debaixo do resto está la zorza: por esa teima de estimular a bebida a base sal ou picante, resulta forte de máis.
O Labrego ofrece algunhas sobremesas caseiras e decantámonos por dúas mousse de chocolate. Bebemos tinto Barrantes cunha gaseosa e pagamos 33€.
Boa opción no Salnés aínda que un pouco a desmán do circuíto da costa. Máis oferta que nos furanchos puros e a prezos similares.
Taberna O Labrego
Outeda 20 Curro
Barro
Teléfono: 664 363 106
Localización en Mapas de Google
GPS: 42º30’43”N 08º40’27”W