o miolo

o viño é poesía embotellada

O pasado xoves asistimos á última sesión desta tempada de 'Os Xoves de Códax', encomiable iniciativa das adegas Martín Códax na que, máis alá do propio nome da adega, procuran a fusión do viño e a cultura: a poesía -o viño- feita música.

Os Xoves de Codax 00

Os xoves de Códax é un xeito fermosísimo de promoción: ademais de dar publicidade a adega e aos seus viños, Martín Códax dá un importante pulo á música galega.
Como escribe a propia adega na web, trátase de 'a maridaxe entre o albariño e a música de artistas como Sés &Tito Calviño, Mercedes Peón ou Di Elas'.

Os Xoves de Codax 01

Cada xoves de xullo e agosto, ás 20.30, na terraza, hai un concerto de unha hora aproximada de duración.
As entradas son gratuítas e distribúense, para cada concerto, por rigorosa orde de petición: ben por teléfono (986526040), no enderezo electrónico ou a través do Facebook da Bodega.

Os Xoves de Codax 33 

A terraza é un espazo dunha enorme plasticidade, moi fermoso, cunha acústica envexable. As vistas sobre o mar de Arousa, un auténtico privilexio. Se, ademais, a hora coincide coa posta de sol, a atmosfera cóbrese dun feitizo que dispara todos os sentidos e emocións.

Os Xoves de Codax 29Os Xoves de Codax 08

Segundo entras na terraza, a adega ofréceche unha primeira copa de viño. A partir de aí, hai que pagar a bebida, ben por botella ben por copa.
Durante o tempo que dura o concerto un grupo de camareiros anda entre os espectadores ofrecendo pratiños con empanada, queixo, patatillas, froitos secos.... que axuden a baixar o viño.

Os Xoves de Codax 10

O xoves 29, día da despedida, asistimos a un magnífico man a man entre Uxía e Joao Afonso.
Entre o público, unha maioría de xente interesada no concerto, pero tamén unha parte significativa de xente guapa, desa que vai a este tipo de actos a ver e deixarse ver... e, nalgúns casos, a falar, a molestar mentres os artistas cantan cunha evidente falta de todo (de educación, de sensibilidade, de respecto polos cantantes e polo resto do público...). Unha mágoa. 
Foi Uxía Senlle a que para despedir o seu concerto e agradecer á adega a inciativa dos xoves, lembrou aquela famosa frase de R.L.Stevenson de que o viño é poesía embotellada.

Adega Martín Códax
Burgáns 91
Vilariño, Cambados
36633 Pontevedra
Tlf: 986526040
Fax: 986526901
E-Electrónico
Web 
Localización en Mapas de Google

chiringuito coco-bao. a illa de arousa

Despois da visión xeral sobre o conxunto dos chiringuitos de praia da Illa de Arousa, e por recomendación de Flori e Luis -falan del entusiasmados-, hoxe ao mediodía tocunos visitar máis polo miúdo o Coco-Bao, na praia do Bao.

Chiringuito Coco-Bao 01

De entrada salientar que, escriba o que escriba, escoitedes o que escoitedes, estamos a falar dun chiringuito. Nin máis nin menos.
É que case o único que ten de chiringuito de praia o Coco-Bao é a estética.

Chiringuito Coco-Bao 1

A caseta de madeira e feitura rústica co balcón para atender, a pizarra á altura do camiño para captar turistas, o cartel dos xelados, mesas e sillas pregables ciscadas arredor da caseta, sombriñas de cores variadas e rechamantes con cadanseu selo de propaganda, marcas publicitarias por todas partes, nos vasos, nas papeleiras, nos servilleteiros, polas paredes, na carta...

Chiringuito Coco-Bao 3

Cómpre salientar que as mesas están estratexicamente distribuídas para loitar contra o vento que, hoxe en concreto, é moi forte e apenas notamos. Tamén un cuberto para os máis mixiricas ou para condicións excepcionais de auga ou frío.
A partir de aquí entramos nun mundo por descubrir.

Chiringuito Coco-Bao 02Chiringuito Coco-Bao 03

O primeiro, a carta. Moi ampla e cun par de pinceladas de orixinalidade que serven para afastala radicalmente da normalidade. A cociña, dentro da tradición, aporta leves toques de diferencia, un chisco de aneto empoado por aquí, un pouco de vinagre con personalidade propia esparexido por alá. O servizo, amable e próximo, solícito e rápido, atento á túa satisfacción e desexos, recomendando as especialidades ou os produtos especiais da xornada.
Malia o día -moito vento, finais de agosto, martes, apenas xente na praia- e os moitos lugares cos que conta, está practicamente cheo, pero apenas hai que esperar, o ritmo da cociña e do servizo son óptimos.
Onde moitos locais de máis categoría e ínfulas (baldeiras) mesturarían ás tolas os  compoñentes para elaborar, por exemplo, unha simple ensalda, no Coco-Bao esméranse por seleccionalos, por casalos, por cortalos, por distribuílos de xeito que forman un conxunto colorista e harmónico.

Chiringuito Coco-Bao 13Chiringuito Coco-Bao 14

Para beber pedimos un par de 'tintos de verán', versión moderna e reducida da clásica sangría. Frío e pecando de dozura entra ás mil marabillas.

Chiringuito Coco-Bao 04Chiringuito Coco-Bao 05

As principais novidades da carta son as ensaladas -orixinais e variadas- e as algas. Estas están presentes en varias das ensaladas, nun revolto con gambas, tamén mesturadas con gambas ao allo ou simplemente rebozadas e fritidas ('espagueti do mar rebozado'). Optamos por unha ensalada con algas, a que bautizaron como 'Ensalda do mar' e que, ademais da leituga e a alga -himanthalia-, leva tomate, cebola, lombarda, gambas, meixóns e mexillóns; como condimentos, aceite e vinagre de boa calidade, algo de allo e aneto. O resultado, unha ensalada moi variada e diferente, ben conxuntada, moi rica.

Chiringuito Coco-Bao 11

A continuación pasamos a unhas croquetiñas.
Metade de mexillón e metade de marisco, están moi boas. Coa envoltura crocante e por dentro cremosas, untuosas, identificables, moi saborosas.

Chiringuito Coco-Bao 06

Ameixas ao aneto. Trátase dun prato especialmente recomendado. As ameixas son rubias e de primeira (non en van as rapazas do Coco-Bao no seu 'tempo libre' son mariscadoras -ver 'E aínda din que o peixe vai caro'-), e a preparación escapa da uniformidade da 'mariñeira' (que por certo cada quen interpreta como entende e quere). O mollo non é moi gordo e o aneto esparexido por riba é o que dá consistencia ao prato. Realmente moi boas.

Chiringuito Coco-Bao 07Chiringuito Coco-Bao 08

De sobremesa un marabilloso flan de queixo que, en si mesmo desdí a súa orixe de doce dun simple chiringuito.

Chiringuito Coco-Bao 15

Por todo o anterior (un de cada da ensalada, das croquetas e das ameixas, dous tintos de verán, dous flans e un café) pagamos 17€ por cabeza.
Seica 17 euros por persoa nun chiringuito de praia podería semellar un pouco moito, pero se temos en conta a xenerosidade das racións, o produto utilizado, a atención, a orixinalidade e o esmero na cociña... o prezo antóllaseme bastante máis axustado.
O Coco-Bao, un chiringuito de praia na Illa que de chiringuito apenas ten o nome; un descubrimento que vén enriquecer a oferta gastronómica de Arousa; moito máis que recomendable e ao que -segundo o noso particular criterio de valoración- sen ningún xénero de dúbidas volveremos.

Chiringuito Coco-Bao
Praia do Bao.
A Illa de Arousa.
Teléfono: 661 215 052
Teléfono: 686 175 232
GPS: 42° 32' 46.73"N   8° 51' 46.83"W
Localización en Mapas de Google

Ultimamente teño a teima (ver) de procurar na miña redacción o máximo axuste á norma e vocabulario da Real Academia Galega.
Como non teño clara a súa utilización, busco a 'legalidade' da palabra chiringuito. 
Chego á conclusión de que, de ser puristas, na raia do fundamentalismo, que non é o caso, en galego non deberiamos utilizar o termo 'chiringuito': non está no dicionario da RAG. Tampouco o atopo no Dicionario de dicionarios da USC nin no meu de cabeceira, o impreso de Ir Indo.
Se o que fago son equivalencias co castelán, ao introducir chiringuito no Tradutor da UVI devólveme 'chiringuito', pola contra, o Tradutor da Xunta devolve 'quiosco'.
O RAG define 'quiosco' como: 'pequena construción instalada ao aire libre para a venda de periódicos, caramelos, etc.'
A RAEL di de 'chiringuito'; 'quiosco o puesto de bebidas al aire libre'.
Se falo dos 'chiringuitos de praia' cun castelán, un asturiano ou mesmo co meu xenro galego, todos imos saber de que estamos a falar. Teño para min que o de 'quiosco de praia' pode levar a confusión, mesmo para un galegofalante; quen máis quen menos asociaremos o quiosco á definición da RAG, á parte que fala da venda de periódicos.
Utilizo, pois, e con todas as consecuencias, a palabra 'chiringuito' coa esperanza de que nalgún momento os académicos a inclúan, por uso, nos dicionarios do galego.

Mapa de praias da Illa de Arousa 2

A Illa ten innumerables praias. Chiringuitos, só nunha mínima parte delas.
Basicamente atopamos os chiringuitos concentrados nas praias que dan ao norte da Illa, ao continente, e máis concretamente nas que están ao sur da ponte -esquerda- segundo entramos na Illa; son as praias, por así dicilo, máis turísticas, aquelas ás que se pode chegar mesmo a pé de praia co coche.
Fóra destas están o chiringuito de Cabodeiro e o de Area Secada.

Cartel Senda Costa Illa

Na liña de costa que vai desde a ponte ata a rotonda de entrada ao parque natural de Carreirón (máis, menos, dous quilómetros e medio) teño contado ata nove chiringuitos. Ademais están os dous campings e o Oasis, que non son propiamente chiringuitos pero, en especial os primeiros, si presentan unha oferta asequible para unha xornada de praia; o segundo, o Oasis, ultimamente está a ofrecer menú do día.

Chiringuito no BaoChiringuito na praia Camaxiña 1

Entre os chiringuitos hainos que responden á definición textual da RAEL (bebidas e xelados), e unha maioría que tamén dá comidas.
Entre os de comidas cada un ten as súas peculiaridades. Está, por exemplo, o chiringuito Lavanqueira, que presume da súa paella de fin de semana a 3,5€ a ración, o da praia Camaxiña, coa carpa máis ampla e confortable para os días de vento, ou El Chozo, co seu anuncio de polbo, sardiñas e churrasco.

Chiringuito LavanqueiraChiringuito El Chozo 3

Teño referencias concretas da fiabilidade de tres dos chiringuitos.
O Chibao, no aparcamento da praia do Bao, primeiro á esquerda segundo pasamos a ponte, é quizá o máis concorrido. Ten oferta clásica: polbo, navallas, xoubas, mexillóns, espetada... Merendamos seis: dúas de polbo, dúas de chinchos e unha de calamares, de bebida seis cañas; ben, sen grandes espaventos pero ben, calidade e prezo do que debe ser un chiringuito. Pagamos sete euros por cabeza.


Do Chiringuito Con do Cocodrilo faloume Alba. Oferta ampla e tradicional, sen moitas complicacións pero mantendo un nivel de cociña ben aceptable. Polbo, sardiñas, tortilla, filete ou lombo con patacas, navallas, ensalada, fideo con ameixas... moita variedade con prezos arredor dos 7 euros de media.
O Con do Cocodrilo é o segundo chiringuito se empezamos a contar desde a rotonda de Carreirón, nun extremo da praia das Salinas. Por certo, o con, o crocodilo, é dos máis fermosos e espectaculares da Illa.

Chiringuito Con do Cocodrilo 2Chiringuito Con do Cocodrilo 3

O último descubrimento é o Coco-Bao. Faláronnos del, aínda onte, Luis e Flori, cada vez máis asiduos nas nosas escapadas polo Salnés con Luz e outro Luis; así, xa podo aprezar o seu bo criterio gastronómico e a fiabilidade dos comentarios. Falan dun chiringuito especial, na praia do Bao, o último segundo tiramos cara a Camaxe.
Carta moi ampla e un chisco fóra do común dos chiringuitos (por exemplo pola utilización de algas); cociña especialmente coidada, servizo por riba da media, presentación dos pratos moi esmerada... Toman unha ensalada mariñeira (con algas e diversidade de moluscos), unhas ameixas á mariñeira (as rapazas que levan o local son mariscadoras da Illa)...
Malia todo disque o prezo está na media dos chiringuitos.

Chiringuito Coco-Bao 3Chiringuito Coco-Bao 1

En próximos días temos pensado probar o Coco-Bao para falarvos máis polo miúdo e acompañar o comentario con fotos.
 Mapa en Google da localización dos Chiringuitos da Illa de Arousa.

e aínda din que o peixe vai caro...

"Flor de maio" é o título dunha das mellores novelas de Vicente Blasco Ibáñez. Data de 1895 e enmárcase no 'realismo costumbrista e social' do autor. 
A historia desenvólvese no arrabalde natal de Blasco, O Cabanyal, en Valencia, lugar de pescadores. Tamén pasa por ser unha das mellores novelas xamais escritas sobre a vida das xentes da mar.
Nunha pasaxe, o protagonista de terceira xeración, o Pascualet, morre na faena.
A tía de Pascualet láise e expresa a súa rabia de xeito inequívoco: "Que viñesen aquí todas as raposas que regateaban ao comprar na peixaría! Aínda lles parecería caro o peixe? A duro debía custa a libra!".

Sorolla_Peixe caro

No mesmo ano 1895, Sorolla, paisano e amigo de Blasco Ibáñez, representaba a escena da morte do Pascualet nun cadro no que dous compañeiros, entre peixes, apeiros e tristura, tentan inutilmente revivir o corpo do amigo na bodega do barco.
Sorolla púxolle por título 'E aínda din que o peixe vai caro". Pódese ver no Prado.

Mariscadoras na Illa de Arousa 22

A frase fíxose famosa e foi utilizada por outros artistas para resumir de xeito expresivo a extrema dureza da vida na mar, máis ben, o recoñecemento case nulo que sofren as xentes de mar.
Adóitase asociar ao alto prezo que cobra a mar en forma de vidas humanas. Pero non hai que chegar a tales extremos. A vida da mar é brutalmente dura en si mesma, non precisa da traxedia para realzala. Na novela de Blasco Ibáñez non é necesario chegar á pasaxe da morte do Pascualet, abonda con ler a crueza en todos os capítulos anteriores. 
Non hai prezo que pague o custo do peixe.

_1100620

Todo isto vén a conto de que o outro día fun facer unhas fotografías ás mariscadoras da Illa de Arousa. Disque unha imaxe vale máis que mil palabras, así que aí deixo algunhas das escenas.

Mariscadoras na Illa de Arousa 14

Pero, ás veces, as palabras tamén son necesarias.
Cando falan de que o reloxo non conta, que quen manda é a marea e que se ela di que hai que empezar ás seis, ás seis e media, ás sete... hai que achantar e así debe ser.
Cando din que a climatoloxía non existe, que tanto ten verán como inverno, chuvia como sol, frío, néboa, treboada, vento, do nordés do sur ou do oeste. Tanto ten. 
Cando resumen os longos meses nos que hai que sementar, coidar, vixiar, dar mecos sen nada a cambio, para, chegado o momento, poder recoller.
Cando acusan coa palabras máis odiada e temida: furtivo. Profesional. Domingueiro. Inconsciente. Ladrón. Soparaunarroz. Chapuzas. Todos iguais.
Horas enteiras coa auga ata a cintura. Cravando o rastro no fondo con toda a forza dos brazos, afundíndoo co pé, remexendo a area cunha imposible mestura de enerxía e delicadeza, tirando a forza de riles para subir o rastro cheo de area... e atopar que vén baleiro de ameixa... que hai que comezar de novo... e repetir... e cravar... e afundir... e subir... e de novo a empezar... unha e mil veces.
Ou esas mesmas horas que agora se transforman en minutos, en inerminables segundos; dez, quince, vinte mil segundos un tras outro, todos seguidos sen paréntese, sen acougo nin descanso, co espiñazo dobrado, cos riles a piques de estoupar, rañando na area, removendo, escarvando... para ver de sacar media ducia de ameixas.

Mariscadoras na Illa de Arousa 34Mariscadoras na Illa de Arousa 32Mariscadoras na Illa de Arousa 38Mariscadoras na Illa de Arousa 36 Mariscadoras na Illa de Arousa 33Mariscadoras na Illa de Arousa 40

 

Mariscadoras na Illa de Arousa 19Mariscadoras na Illa de Arousa 12Mariscadoras na Illa de Arousa 21Mariscadoras na Illa de Arousa 20 

Mariscadoras na Illa de Arousa 44

O triste do caso é que logo, en efecto, o peixe vai caro.
Pero o prezo que eu, que ti abonas, non repercute no mariñeiro que paga coa vida, na mariscadora que paga coa propia saude.
Non. Son outros. Os intermediarios, os distribuidores, os que cobran na conta final do restaurante... todos os listos que se benefician da inflacción que sofre o prezo do peixe polo simple feito de pasar polas súas mans.