o miolo

Coñecín o Víctor grazas a Xavier Baixeras, ao seu Diario de Comidas, un libro delicioso. Xa comentei nalgunha ocasión que é un deses libros que me tocou a fibra, dos que afirmas mirando aos ollos, quen me dese telo vivido!

diario-de-comidas-9788482887685

Foi por abril de 2005 e o día resultou redondo.
Dedicamos a mañá enteira á viaxe e a coñecer Póvoa de Lanhoso, primeiro o centro, o castro, e unha vez alá arriba, o castelo, coas vistas inmensas, coas súas pedras nunha orde tan perfecta que fai irreal a realidade. Antes de achegarnos a comer no Víctor aínda houbo tempo para unha escapada a Vieira de Minho para así deixar constancia escrita de que estivemos alí, tamén para poder reservar todas as horas da tarde para o goce da natureza, Caniçada, Vilarinho das Furnas, São Vento da Porta Aberta, Caldas... Xa a media relaxaremos uns sentidos mentres outros espertan andando a rota dos muíños.
Por certo, nalgún momento da tarde houbemos de traspasar a Portela de Homem e aproveito a ocasión para insistir en que son un deses pobres aluados que non entende nin entenderá a diferenza que establecen as linguas entre, poñamos por caso, este Gerês de aquí e o Xurés do lado de alá, sendo alí e acá cuestión de centímetros, dunha simple e delgada raia.

Restaurante O Vitor1

En fin, o tal Víctor resulta ser un mito, e como tal mito non debe ser nin valorado nin explicado, só aceptado, ou, de non ser animal de crenzas ás cegas, que de todo hai na viña do señor, deixalo a un lado do camiño e nin tocalo.

Restaurante O Vitor2 mapaovictor

Disque se trata do mellor bacallau á brasa de todo Portugal.
Xabier Baixeras cualifícao de primoroso, Mourão Ferreira di del que resulta dourado e saboroso, así como grelhado-assado-no-céu, e por fin Jorge Amado, coa súa prosa sobordada de compromiso e sensualidade dedícalle a loubanza que todo cociñeiro soñaría para el, Não existe país no mundo onde se coma tanto e tão bem quanto em Portugal, Não existe restaurante onde se coma melhor do que nesta pequena casa de pasto, escondida entre vinhedos e flores, na aldeia de S Jõao de Rei...

ovictor

O lugar, por dentro e fóra, é quen de engaiolar os escépticos sen por iso acabar de atraelos á fe; para os amantes, un derroche de natureza, de autenticidade, de puro Portugal.
Aténdenos o señor Víctor en persoa cunha proximidade que che fai sentir como en casa; e a fin de contas é que se trata diso: estamos na súa casa, na que nos sentimos felices, na que nos deixamos enganar pola sabedoría do anfitrión e probamos o Quinta dos Arceprestes que nos ofrece, resulta perfecto para arrastrar o excedente de sal do bacallau, ese delicado matiz que lle dá vida. 
E, xa por fin, do gádido, non sei que podo engadir que non estea dito por outros cun chisco máis de labia ca min, se cadra que non creo que volva probar bacallau á brasa noutro punto do universo, que por sempre quero conservar no padal a memoria desta posta xigantesca co seu chorriño de aceite virxe para suavizar.

bacalhau

Despois de comer, un paseo ata á igrexa desta aldeíña encostada e amábel reforza e condensa aínda máis o sabor do bacallauciño. Gabeo da man de Carmen polas costas arriba e reflexiono que nunca escoitara isto de gádido, pero non sei que pasa pero a voltas con este Víctor asoma por todas partes, Gádido, familia de peixes actinopterixios da orde dos gadiformes, Peixe da susodita familia.
Naquela ocasión (ano 2005), sen entrante, os bacallaos, sobremesas, cafés e o mencionado viño, pagamos 20€ por persoa.

gabriela

Por certo, desde aquel sábado de abril, Jorge Amado, a quen tiña algo abandoado, recuperou o seu lugar de honra nas miñas preferenzas literarias en portugués.
Volvo a vivir nun permanente estado de devecer por Gabriela, polo seu arrecendo a cravo, pola súa cor de canela, pola súa prosa natural e lixeira que inunda todos os nosos poros de pura sensualidade.

Restaurante O Victor
São João de Rei
4830 Póvoa de Lanhoso
Tfno: 253 909 100
Fax: 253 909 101
GPS: 41º37'20"N   8º17,37"W
E-Electrónico
Web
Localización en Mapas de Google
Boa Cama Boa Mesa
Restaurantes de Portugal (José Silva)
Guía Repsol

restaurante a meca. sinxeleza e produto

Alégrame que empece a asomar, aínda que timidamente, por aí nalgunha guía. En concreto en 'Disfrutar Galicia. Guía de restaurantes 2012" de La Voz de Galicia.
Presenta A Meca como 'cociña caseira que sabe a mar a prezos razoables, bon produto e a man de Mari Carmen Outeda aos fogóns. O polbo á Illa e os guisos de peixe son de primeira, sen esquecer as sortes do marisco'.

 xoubasrianxo

Lembro a anécdota do verán pasado. Define ás claras o que a maioría na Illa pensa da súa Meca.
Carmen foi á praza a comprar unhas xoubiñas para comer fritidas e logo escabechar. Había dous montes; un, abundante e a un prezo razoable; outro moito máis escaso e cun prezo bastante (moito) máis alto. A peixeira foi clara, leva destas (as caras), e argumentou sen paliativos, son as de A Meca.

Restaurante A Meca02

Onte, aproveitando a visita de Diego, Maru (Roi) e Carmen e tamén o primeiro raio de sol, baixamos ata A Meca. O día non estaba moi alá pero comemos fóra; dentro, imposible.
Primeira recomendación: nos días turísticos, ou ben reservas, ou ben vas moi cedo, ou ben esquéceo; pero morrer de fame non vas morrer, apúntate a outro dos que están no paseo do Cantiño (se te fías de min, primeiro o Club(e) e segundo A Salga).

Restaurante A Meca03

Onte estreamos carta.
A pizarra segue no seu lugar, cantan as especialidades como sempre... pero agora presumen, tamén, de carta impresa.
Todo máis detallado e sen perigo de fallos de memoria.
Comezamos cos calamares (para min imprescindibles), cunhas zamburiñas á prancha (fantásticas) e polo que para moitos é o buque insignia de A Meca: o salpicón, hoxe de peixe-sapo (tamén pode tocar de marisco).

Restaurante A Meca04Restaurante A Meca05

O salpicón é tan sinxelo como eficaz: cebola moi picadiña, o pixín en anacos respectables, moito ovo e unhas olivas; todo regado de aceite e vinagre en abundancia e proporcións que dependen da man executora.

Restaurante A Meca06Restaurante A Meca07

De segundo tampouco podían faltar o arroz de marisco e os fideos con ameixas. Hoxe o arroz estaba especialmente bo, pero ante a dúbida, eu sempre tiro polos fideos.

Bebimos refrescos, caña, auga e un par de copas de viño e pagamos 20€ por cabeza.

Mariñas en Cabodeiro03Mariñas en Cabodeiro08

En fin, segue a ser a mellor oferta de A Illa.
E, de paso, que tal unhas fotos na praia de Cabodeiro?

Aprendín de novo aquilo de que hai que dar ao César o que é do César, así que vaia por diante que descubrín este Açuda de Ponte de Lima grazas ao meu compañeiro Lino. Resultou ser unha desas recomendacións que debes agradecer, cando menos, cunha mínima mención.

_10908012 _10908011

O Restaurante Açude está en Ponte de Lima, do 'outro' lado da ponte e do río, nunha beira felizmente adicada ao lecer, con piscina, camiños para pasear, zonas de descanso, bar, restaurante..., e, en especial, esa zona de xardíns onde, anualmente e entre maio e outubro, celebran o Festival internacional de jardins.
Estivemos hai un par de anos e asegúrovos que é unha ledicia.

Xardín de Coia 26

Dicir que o xardín que hai en Coia, diante da igrexa do Rocío, procede do Festival e é un agasallo de Ponte de Lima aos vigueses.

_1090794_1090785

Entrando xa en fariña, o primeiro argumento en favor do Açude xira arredor do contorno e da propia estética do local.
O edificio está en plena natureza, a dez ou quince metros da auga do Lima, terreo que se converte nunha lixeira pendente de césped que acaba no mesmo río e que invita a unha boa sesta para facer a dixestión.

_1090749 _1090752

O material indiscutible do edificio, e como non podía ser menos para adaptarse ao medio, é a madeira. O comedor principal, no primeiro piso, é unha longa galería onde todo se transforma en madeira con excepcionais vistas ao río.
Resulta especialmente acolledor e agradable. Único para gozar con calma dunha comida tradicional, para compartir unha boa parolada, para demorarse interminablemente co café e o chupito.

_1090760_1090758 

A carta é tradicional da zona; vai desde unha carne con denominación propia (Posta à Açude), o Cabrito Assado, ou o Arroz de Pato à Antiga, ata un Arroz de Sarrabulho com rojões (fin de semana) que din é unha das estrelas. A proposta de peixes tamén destaca: os bacallaus (com Broa ou á Lagar), o Arroz de Tamboril, o Polvo à Lagareiro... e, como non, os peixes de río en tempada, un Sável com Arroz de Debulho ou o que pasa por ser outro dos distintivos da casa, a lampreia.

_1090762

Un aspecto a ter moi en conta no Açude son as entradas. Primeiro, sáense un chisco do común e da simple tradición, e, segundo, vén á mesa unha rapaza cunha bandeixa con todos os pratiños do día e ti elixes pola feitura e as explicacións da moza; o tradicional queixo, orella en vinagreta, favas con fumados, polvo, ovas, cogumelos, camarão, as inevitables pataniscas de bacalhau, algunha salada...

_1090767

Saltamos os entrantes e imos directos a un magnífico bacallao con broa. Trátase dunha espectacular posta para os dous, servida con pataquiñas asadas e brócoli. A posta, dunha altura considerable, acerta cen por cen co punto de sal; a súa separación en lascas é impresionante, á brancura inmaculada, a preparación... En fin, un resultado certamente único.

_1090771 _1090768

A oferta de sobremesas caseiras de novo sensacional. O máis puro e empachoso Portugal (os Pudim, Abade de Priscos e Prior de Miranda), as froitas (ao natural, en macedonia, as peras bébedas, a mazá asada...), os queixos, o bolo de bolacha, baba de camelo, leite creme, mousse de chocolate, etc.

_1090774_1090778

Carmen a tarta de galleta e eu o pudim prior de Miranda (o tradicional, cun toque a coco e con pasas salteadas). A cociña dos doces, na liña dos salados: realmente especial, cunha cualidade moi destacable.

Boa oferta de viños portugueses das distintas denominacións de orixe. Pedimos un discreto branco da cooperativa.
Servizo correcto aínda que ás veces cae un chisco na morosidade da paisaxe. 
Cos cafés pagamos vinte euros cada un, que en proporción coa comida, non está nada, nada mal.
Un restaurante, sen ningunha dúbida, moi recomendable.

Restaurante Açude
Arcocelo (Centro náutico)
4990 - 150 Ponte de Lima
Tlfn-Fax: 351 258 944 158
Móbil: 351 925 017 856/7
E-Electrónico
Web
GPS: 41º45'55"N   8º35'29"W
Localización e Mapas de Google
BCBM: Si
Tripadvisor: 2º de Ponte de Lima (o que máis valoracións ten, media 4,5)

Antes, cando non existía outra oferta de formación que a propia cociña da vida, non había mellor escola que un pesqueiro de tamaño medio. Sacar o máximo dunha despensa limitada e con ela restaurar forzas e contentar a un puño de homes rudos e esixentes despois de render nun dos traballos máis duros que quedan, é un reto diario con parada e fonda tres veces ao día.

O Xantar de Otelo 1

Foron moitos os que así naceron e así morreron.
Algúns, os menos, souberon (ou puideron) ancorar a tempo e facerse un oco en terra. Manolo foi un deles. Ademais de escola, tiña man, unha man incrible; posuía ese don natural que converte o bo en excepcional, o rico en marabilloso.
Que tería sido de Manolo de nacer noutro momento máis oportuno! E de poder ter unha formación antes de embarcar na escola da vida! E de gozar dun pouco máis de sorte! En fin. Hoxe lembraría del algo máis que un nome e unha chea de sabores.

Manolo fíxose na cociña dun barco.
Logo, cando alguén da empresa (MAR) uliscou que o seu olfacto culinario destacaba por riba dos demais, levouno para o Puesto Piloto do Calvario, en Vigo; de aquí saltou ao que habería de se converter nun dos buques de aire fresco que foron aqueles Amigos da Cociña Galega: o Puesto Piloto de Alcabre.
En poucos meses independizouse e colleu a concesión do bar da estación de Redondela. E así, unha triste cantina de estación pasou a ser un centro de peregrinaxe gastronómica. Sei de gourmets de toda Galicia que se deixaban caer por alí só polas súas croquetiñas, polo seu xeito maxistral de resolver un simple empanado, polos arroces, por todas as variacións dun sinxelo peixe, ou dunha carne...
Xa ao final deu o salto a Vigo e puxo o seu restaurante na rúa Bolivia.

O Xantar de Otelo 2 O Xantar de Otelo 4

Fronte por fronte á estación de Redondela está O Xantar de Otelo, un local deses que se din de sempre, dos que se fan un nome a base de traballar con lucidez o peixe que eles mesmos pescan na ría, un dos poucos que, apenas sen mudar máis alá da pintura dende os anos setenta, acaba por facerse un oco na selecta e imprevisible Michelín (Bib Gourmand).

O Xantar de Otelo 3

A carta é típica de Redondela. Algún marisco, entradas tradicionais, moito peixe, un par de carnes seleccionadas e sobremesas caseiras. Carta de viños suficiente, con presenza especial para os galegos. Servizo correcto, acorde coas características do local. Prezos moi axustados.

O Xantar de Otelo 5

Compartimos unha abundante ración de empanada de zamburiñas que está fantástica. Masa finiña, en absoluto seca pero tampouco graxenta, compango perfectamente tratado no que a presenza de zamburiñas non é, como ocorre en demasiados casos, unha simple anécdota disimulada entre a cebola. Carmen, ela mesma auténtica mestra das empanadas, propón realizar un ranking deste prato que nos entusiasma aos dous; convenimos en que as comparacións non serían doadas, pero que esta ocuparía un lugar importante.

O Xantar de Otelo 6

De segundo, chocos, como non podía ser menos; Carmen cunhas pataquiñas fritidas maxistralmente e eu, máis conservador, co seu arroz branco. Malia o tamaño, para min un chisco grandes, non defraudan.

O Xantar de Otelo 8
O Xantar de Otelo 9

A carta de sobremesas, ademais dun par de clásicos, está baseada nas receitas dese moderno cociñeiro que se chama Thermomix. Carmen tira pola típica torta de galleta e eu pola de tres chocolates.
A oferta non destaca pola súa orixinalidade pero o que si é certo é que as receitas están desenvolvidas con exactitude matemática e o resultado final resulta notable.
Con auga e senllos vasos dun Ribeiro que me soubo moi ben, pagamos dezaoito euros cada un.
Unha proporción prezo-calidade que fai deste Xantar de Otelo un lugar destacado en Redondela, sen dúbida, para repetir.

Restaurante O Xantar de Otelo
Avenida da Estación de Ferrocarril, 27
36800 Redondela.
Teléfono: 986 401 520
Web
GPS: 42º17'08"N  08º37'08"W
Localización en Mapas de Google
Michelín: Bib Gourmand