o miolo

Para os máis escépticos que aínda seguen a ver aos veciños do sur por riba do ombreiro, para todos aqueles para os que a memoria histórica non é máis que unha anécdota que caeu no esquecemento –e que mellor así–, está, tamén, o xeito de ser e estar dos irmáns portugueses.

portadosol

Andabamos por Santarem, admirando as fantásticas vistas do Tejo desde as Portas do Sol, cando nos deron as dúas.
Entre a oferta da zona tiñamos pensada A casa da Emilia, en Alpiarça, con moitas e efusivas recomendacións; así que puxemos a traballar o TomTom e alá nos fomos, a facer unha ducia de quilómetros do Portugal máis rural, máis interior… sen contar con que estabamos a luns.
E, claro, o restaurante estaba fechado.
Co ruído do coche e o de tentar abrir a porta, asoma por alí un home en chandall que, amablemente nos explica que a segunda feira é o descanso do persoal. Daquela pedimos que nos recomende outro restaurante da zona no que comer coas mesmas garantías que nesta casa da Emilia. O home empeza a pensar e, despois dun bo pouco, di que a súa dona –Emilia, a cociñeira– non está na casa, pero que se a nós non nos importa comer da cociña da súa sogra, el está disposto a facer de camareiro.

 IMG_0218

Opuxémonos todo o que nos daba o corpo (non somos moito de ningún tipo de excepción no trato e menos, aínda, nas que vés interromper o descanso de calquera currante), pero cando xa nos vimos moi perto de ferir a hospitalidade do home, houbemos de acceder.
O home é o Mário en persoa, alma mater deste local que abriu alá por 1998 aproveitando a perda do posto de traballo (neste caso unha sorte), e o bo facer culinario da familia da súa dona (a Emilia).

IMG_0220   IMG_0222

O local, por fóra, é a típica casa ribatejana: porta, ventá, portón de acceso ao patio interior, nunha ruela longa e branca. O comedor, reducido, acolledor, cálido, a extensión do comedor da casa da familiar. Coa súa lareira, o chineiro, as madeiras nobres mesmo no teito, os manteis de pano, os recordos familiares colgados das paredes, na repisa da cheminea…
O comedor, o trato, a cociña… todo nesta Casa da Emilia é familiar. En especial a comida; para os entendidos da zona, trátase da cociña da túa nai ou da túa avoa.
En Alpiarça ou en Tombuctú non hai mellor afago.

O Mario, home falador, afable, cultísimo, amante do propio, recita de viva voz o menú con especial atención para os pratos reibatejanos, ou, máis ben, alpiarçianos.
Relata –con acaloramento–  a composición, orixe e tradición de cada un deles.

IMG_0227

Deste xeito deixámonos seducir polo guisado de borrego que era servido no almorzo dos días de casamento. O cordeiro pasou varios días por un adobo con diferentes herbas, antes de ser guisado a lume moi, moi lento. Vén con pataca cocida e o resultado é fantástico, a carne solta do óso, tenrísima, con moito sabor e ningún bravío; a pataca co mollo, boísima.

IMG_0234 De segundo, outra das especialidades da zona: os pasteis de masa tenra, especie de empanadillas recheadas de carne picada; o éxito do prato está, sen dubida, nunha masa perfecta, absolutamente marabillosa.
Pero neste caso a excepcionalidade estaba tanto na esencia do prato coma no acompañamento: a miga fervida, base que foi, da dieta diaria das xentes do campo alparçiano entre outubro e abril.
Os ingredientes, ‘couve braba’, pataca, broa de millo, dentes de allo, auga e aceite; todo a cocer, a esmagar e a remexer ata acadar o resultado que vedes na foto, un bocado diferente dos que compensan todos os quilómetros percorridos para degustalo.

IMG_0236

No tocante ao viño, o noso anfitrión trae directamente á mesa catro botellas de tinto da adega local: Pinhal da Torre. Son catro viños rexionais do Tejo que van desde os 10 aos 50 euros e que o Emilio describe polas súas cualidades. Decantámonos polo máis asequible de prezo (Vinha do Alqueve 2012) que resulta óptimo para a ocasión.

IMG_0232 

Como exemplo definitorio do estilo deste restaurante –tradición, acollemento, delicadeza, certo requinte– quero salientar o xeito de presentar a auga; sendo auga mineral normal, de botella aberta diante de nós, chega á mesa nunha xerra coberta por un pequeno pano bordado.

IMG_0241IMG_0245

A sobremesas non representan un punto e á parte, senón que dan continuidade á comida e ao concepto de tradición local. A proposta é ampla e variada e acabamos compartindo o Pão de ló de Alpiarça de chocolate e unha especie de pudim con mollo de xema de ovo por riba: dozaría portuguesa en esencia, raiando o empalagoso, pero moi adictivo.

IMG_0249IMG_0262

Xa co café, unha saborosa selección de doces tradicionais de Alpiarça: uns quadradinhos, uns eses e unhas ferraduras.

Comida excepcional, desas que paga a pena repetir, pola que pagamos apenas 20 euros cada un.

A casa da Emilia
Emilia Freilão
 
R Manuel Nunes Ferreira 101
2090-115 Alpiarça
243556316-965440145
Horario: 12.30-15.00 e 19.30-22.00
Descanso semanal: luns
Localización en Mapas de Google
GPS: 39°15'31.1"N 8°34'50.3"W
Facebook
Michelín: BibGourmand
Repsol: Recomendado
BCBM
Lifecooler

para que a história não esqueça…

P1140417

O motivo da escapada de dous días a Portugal era Peniche; e, máis concretamente, a súa fortaleza.
Porque alí, na praça forte de Peniche (primeiras pedras en 1557 e dende entón o sufrimento dos avatares dunha historia case inexpugnable) estivo entre 1934 e o 25 de abril de 1975, a prisão política de segurança máxima do Novo Estado.
E hoxe, en lugar de botar terra por riba para non reabrir feridas que en realidade os irmãos portugueses nunca chegaron a pechar, transformaron a fortaleza de Peniche en museo da memoria.
Para que a historia non esqueza.
Que envexa!

Para que remexer no passado, abrir de novo a ferida?
Para lembrar os mortos e os vivos. Para lembrar os
que não vergaram e também os que fraquejaram mas
afrontaram de novo. Para soltar com esta voz antiga um grito.

(António Borges Coelho, no mar oceano)

carcerebn4carcerebn
carcerebn2Carcerecarcerebn3

Do museo, apenas os exteriores, o ‘parlatório’, as celas de castigo (o ‘segredo’) e unha chea de testemuñas dos moitos resistentes que deixaron alí os mellores anos da súa vida (os máis afortunados) ou mesmo a vida enteira.
Suficiente para descubrir os horrores dunha ditadura tan brutal como a propia.
Mais eles, os irmãos portugueses, souberon protexer a memoria da súa historia.
Para que non se esqueza. Para que non se manipule.
Para que non se repita.

E no medio da devastación absoluta, da memoria en branco e negro, a proba de que no horror tamén pode haber restos de fermosura e plasticidade, formas e cores que invitan a un cálido paseo rodeado de reflexión.
As que seguen son fotos do pequeno promontorio adentrado no mar no que estaban as celas de castigo así como o interior de dúas delas hoxe reunidas nun ‘segredo’ común.

carcere2
carcerecorcarcerecor2

Sen menosprezar a Caldeirada de peixe de Nau dos corvos, antes da visita, no cabo Carvoeiro, ou o Leitón confeitado na súa graxa ao aroma de laranxa de Nardi (Hervás-Cáceres) despois do paseo polo Jerte, a intención era deixar constancia da máis festexada das comidas da viaxe, a de A Casa da Emilia, pero, a verdade, o corpo non dá para moitas festas. Queda, pois, para un próximo día.

o rexurdir de o croque

Celia Cabrera e Mallo acadaron certa sona en Vigo desde o seu Croque do Museo do Mar. Cando rematou a concesión, centraron o seu empeño no Croquetas (casco vello)e agora veñen de retomar a marca ’Croque’ no novo local da avenida da Hispanidade.

Vigo-OCroqueVigo-OCroquetas

Hai uns días reunímonos un puño de amigos para unha celebración especial e o organizador (grazas Chiño polo traballo) pensou no Croque; eramos perto dos corenta e a decisión foi por un menú de prezo medio-baixo (25€).

O Croque Xubilación Magis 02
Empanada de pescada, grelos e piñóns en pan de millo

O Croque Xubilación Magis 07
Surtido de Croquetas de xamón e ovo, centolo e cogumelos

O Croque Xubilación Magis 05
Mexillóns en escabeche caseiro

O Croque Xubilación Magis 08
Tosta de cebola caramelizada e queixo rulo de cabra

O Croque Xubilación Magis 11
Arroz mariñeiro con mexillóns, zamburiñas, luras e lagostinos

O Croque Xubilación Magis 13
Torta de queixo ao forno con noces e redución de Porto

O Croque Xubilación Magis 14

No tocante ás bebidas, un branco (Torre la Moreira, albariño de Arbo), un tinto (Araco crianza 2012, Rioxa Alavesa), augas, refrescos, cervexas… Cafés e chupitos.

De entrada, trátase dun menú pouco habitual para grupos numerosos e que eu, personalmente, agradezo. Acorde coa oferta propia de O Croque estamos ante a opción de primar a calidade por riba da cantidade á hora de tentar manter uns prezos contidos. 25€ é un número moi razoable para unha comida de grupos e antóllaseme especialmente axustado ao que realmente ofrece.
Obviamente non se trata de croquetas conxeladas a rachar, senón de pequenas delicatessen que forman bocados únicos (unha de cada variedade por persoa); os mexillóns son grandes, fermosos, deses que realmente enchen a boca (dous ou tres por comensal)… A ración de arroz é comprida, abundante (mais sen opción a repetir).
En xeral, e dacordo coas coordenadas anteriores, gustoume a comida. Os bocados estaban todos a un bo nivel; quizá o máis ‘normal’ foron os mexillóns (por unha banda non son moito de mexillóns e, por outra, ao escabeche faltáballe un chisco de vida en forma de vinagre –ou quizá é que un son un pouco avinagrado de máis–). No extremo contrario, e tendo en conta as dificultades, o arroz gustoume especialmente; no seu punto de cocción, meloso, saboroso, con moitos tropezóns…. En fin, pareceume unha experiencia moi recomendable.

emilio

A escusa da reunión era compartir co profesor emérito Emilio Fernández Zunzunegui (Magis), e dun xeito desdramatizado, o seu salto sen rede da vida laboral activa á mal chamada das clases pasivas (a deserción da tiza, que dirían outros).
O acto converteuse nunha homenaxe a un puño de homes e mulleres que de xeito teimudo construíron o sindicalismo do sector educativo galego desde unha perspectiva de clase ata levalo ata o edificio que hoxe é a Federación de Ensino das CCOO de Galicia (Pepe Paraños, Ricardo Gurriarán, Lola Baltar, Benxa...).
E para moitos dos que estabamos alí, para min en concreto, Magis é especial.
Por Magis cheguei eu ao mundo sindical; é, polo tanto, non o meu pai (que estamos demasiado próximos) pero si o meu irmán maior. Alguén a quen admiro e aprezo… a quen quero. Podería encher ducias de folios con eloxios e cualificativos, pero nin é o momento nin o lugar. Soamente dúas notas.
Unha: todo o que puidese escribir resúmese no que soño cada noite (e procuro cada día) puidese chegar a converterse no meu propio epitafio. Emilio é unha boa persoa
E a segunda: grazas, Magis.

O Croque
Avenida da Hispanidade 83
36203 Vigo
986 094 125 / 633 294 747
Web
info@apiques.com
Facebook
GPS: 42º13’36.7”N   08º43’38.3”W
Localización en Mapas de Google