Disque na sociedade actual un dos poucos valores seguros que permanecen inalterables ao paso do tempo é a familia.
Na ponte do Pilar, e sendo fieis aos valores da tradición, organizamos en Vigo unha xuntanza de curmáns Lacaba.
A min, que estou de prestado, de consorte, e recoñecendo que non, que non foi masiva, deume a impresión de que si, de que os que estabamos pasámolo moi ben…
O que si podo garantizar é que o que foi comer, comemos francamente ben.
Tanto para a cea do sábado como para a comida do domingo tiramos por valores seguros. Por dous deses restaurantes que están aí, aos que non vas cada mes e ás veces nin cada ano… pero que sabes que podes botar man deles para un compromiso especial, que non van decepcionar.
Como a familia.
A cea do sábado foi fotocopia da de hai dez anos: en Canido, no Basilio, empanadas (de xoubas e de zamburiñas, por certo, exquisitas, das máis ricas en quilómetros á redonda), unhas luriñas fritidas cun aire de cebola, arroz de lumbrigante e cañas, filloas (nata, mel e chocolate negro fundido) e torta de queixo.
Viños (branco albariño e tinto Ribera, un Romántica, crianza de 2011 que me gustou moito), cafés e chupitos: pagamos 38€ por persoa (prezo que, para a calidade do produto, a elaboración, as cantidades e os tempos que corren, pareceume excelente).
Sen ningún tipo de dúbida respondeu con creces á nosa confianza de ‘valor seguro’
O festa do marisco deixámola para o domingo.
E para que fose completa desprazámonos ata a Centoleira, en Beluso.
Tamén un pincho de empanada (neste caso mestura de millo e centeo), unhas tostas de paté de mexillón, uns mexillóns en vinagreta… e sobre todo a enorme cesta de marisco. Camaróns, cigalas, nécoras, lagostinos e caranguexo real.
Todo de primeira, directamente do viveiro á cazola con auga de mar, no seu punto exacto de cocción e sal… Todo un festín.
A min, perosalmente, isto do caranguexo real non che me acaba de convencer (disque as comparacións son odiosas, pero neste caso hai que facelas, simplemente, por alusións: o caranguexo real queda a medio camiño –en ambos casos coas de perder– entre a centola e o boi; non goza da delicadeza e o sabor daquela, pero tampouco da intensidade e a consistencia deste).
En fin, fóra o caranguexo (a centola está en veda), a cesta de marisco é moi, moi recomendable.
Logo, quen máis quen menos xa sen forzas, un abadexo á tella que a pesar da saturación dos sentidos pareceume certamente moi rico.
Para as sobremesas, un combinado de doces para sacar o himpo a calquera –e facer oco onde non o había–: empanada de mazá, bolo de chocolate, torta de améndoa e torta de queixo ao forno, todo regalado ben con viño do Porto ou ben con viño brano doce de Alicante.
Co viño (Bouza do Rei), os cafés e os chupitos (cando puidemos poñernos de pé para dar un paseo polo porto de Beluso pasaba ben das 7), dicía que pagamos 55€ por cabeza. De novo seguridade e garantía a un prezo ben apetecible.
Restaurante Basilio-Toralla
Praia de Canido 217
36390 Vigo
986 490 061
902 303 353
web
GPS: 42º11’35,2”N 08º47’51,6W
Restaurante A Centoleira
Praia de Beluso 28
36937 Bueu
986 323 481
639 707 038
web
xulio@acentoleira.com
GPS: 42º19’57,4”N 08º48’00”W