o miolo

casa enrique. cobas

A busca do furancho perdido levounos, hoxe, a un dos máis visibles, a un clásico: Casa Enrique en Cobas.
Está alí, no meollo (ver como chegar aos furanchos de Cobas), na Aldea de Abaixo, a carón de Juan, un pouco antes do de Manolo e Bea, co resto dos furanchos de Covas arropándoo por todos os puntos cardinais.

Casa Enrique Cobas 01   Casa Enrique Cobas 02

Ten aparcamento propio e un xardín que promete ser un auténtico exceso no verán.
Por fóra é algo distinto aos demais; semella máis o bar-tenda de sempre, en concreto o Spar, que aínda mantén a pegatina, e esta pode ser a mellor referencia, que o típico furancho da zona.
De feito entramos por un primeiro espazo no que conviven o mostrador do bar e o da pequena tenda, moi pequeniña, case de supervivencia…

Casa Enrique Cobas 04

A continuación pasamos directamente ao enorme comedor.
É moi grande, de batalla, sen ningunha concesión, vese ás claras que foi ideado pensando na funcionalidade por riba de calquera outro criterio. En todo caso dá un bo aspecto, claro, cos mobeis de madeira novos, limpo, luminoso…
Semella cheo. Nun momento chego a botar contas e calculo que haberá unhas dezaoito mesas ocupadas –aínda libres non máis dun par-, e sobre sesenta persoas a comer, beber e falar ao mesmo tempo.

Casa Enrique Cobas 05

Como a maioría, tinto Barrantes e Albariño.
Pedimos o branco, a botella, da que non chegamos á metade; o viño vén cunha proba de empanada de carne; masa un pouco grosa para os nosos gustos pero xa se sabe que isto do espesor das empanadas vai moito por teimas e zonas… Carmen alaba especialmente o viño; iso quere dicir que non pica en exceso do acedo, que é moi afroitado, amable, en definitiva que entra ben. 
A empanada, polbo, carne con patacas e pementos, tortilla, chuletas…

Casa Enrique Cobas 06

Pedimos tortilla e a carne; a tortilla, pequena, consonte aos dous que somos.

Casa Enrique Cobas 07

Seica o tamaño da tortilla vai como o da empanada, non tanto polo diámetro como pola altura; visualmente semella demasiado fina, tanto que parece seca. Logo a realidade contradí totalmente á feitura: está perfecta; o ovo zumega lixeiramente, a pataca no seu punto e ben embebida no zume, algunhas chispas de chourizo espalladas aquí e alá que dan algo máis que cor, sen cebola, feito que eu aplaudo especialmente pero polo que Carmen pon o seu pero.

Casa Enrique Cobas 08
Casa Enrique Cobas 09

A carne anúnciase exactamente como carne con patacas e pementos, e non como a richada ao uso nos furanchos. De feito é tenreira máis magra, semella un filete de media altura cortado aos anacos. Está rica, moi moi rica; a min, e por diferenciala doutras, gústame especialmente o pemento.

Sen sobremesa (non preguntamos pero si vemos queixo e flan caseiro), sen café (de pota), pagamos 13 euros. Ollo!, trece euros entre os dous, non por cabeza.

Casa Enrique
Aldea de Abaixo. Cobas
363    Meaño.
Teléfono:
GPS: 42º28’41”N   08º46’41”W
Localización en Mapas de Google.

cocido de entroido no robledo

A festa de entroido no instituto foi todo un éxito. Coma sempre.
É a actividade de maior e máis intensa participación de todo o curso.
Iso si, cada vez con menos tradición e máis tendas de chinos. Menos mal que aínda quedan bastantes rapazas e rapaces que aproveitan o día para sacar fóra toda a imaxinación e inhibición que levan dentro, mancheas de talentos ocultos que hoxe si, hoxe poden ser libres.

Entroido 2012 a  Entroido 2012 11

Nós, os profes, imaxino que coma moitos ao longo do país, disfrazámonos de crise.
Non, máis que de crise, dun ensino público podado case ata a raíz a base de golpes de tesoura; de verdade, moito, ata límites que semella un pobre indixente que non ten máis que vagar polo mundo exhibindo unhas vergoñas que desexaría poder gardar para si.

Entroido 2012 05   Entroido 2012 08
Entroido 2012

Ao acabar fomos comer o cocido ao Robledo. Algúns, máis ben poucos, que o forno non está para moito bólo. Poucos pero suficientes para que a comida resultase moi, moi agradable.

IMG_02983

O Robledo está en Prado, na estrada que vai ao Aloia. Por certo, un paseo que paga a pena para relaxar os excesos da crise. Entrar por Vincios, polas canteiras, facer toda a faldra do Galiñeiro, pasar a Prado e seguir ata ao Aloia.
En tempos era unha das miñas andainas favoritas. Pero iso, en tempos…

IMG_0298

O Robledo é da familia dunha das rapazas do instituto, de Verónica, e seica está a coller un pulo que obriga a facerlles unha visita que xa me tardaba. Anúncianse como ‘comidas caseiras por encarga; especialidade en cochinillo e cordeiro á braxa’; sei tamén dunhas chuletas fritidas con patacas e pementos que quitan o himpo; ou doutras carnes ou peixes na braxa... Disque ás fins de semana é de obriga reservar pois parece que empeza a atraer a moita xente guapa da capital.
Prado é un oasis de natureza virxe e isto nótase na materia prima; máis boa man para a cociña caseira, máis Begoña a atender e organizar, e temos a receita máxica do éxito.

IMG_0296 IMG_0295 IMG_0293

Comimos nun comedorciño de fóra, un reservado todo de madeira e unha estufa de leña que reforzaban a sensación de calidez do ambiente.
Realmente cómodo, privado, moi agradable.

IMG_0268   IMG_0272

Hoxe viñamos a polo cocido así que non nos andamos con mexericadas. Tampouco a sopa do propio cocido que nos ofreceu Begoña e que debía de estar de morte… ou quizá mellor de resucitar aos mortos. Viño tinto da casa, augas e gasosa.

IMG_0270 IMG_0271

Cando entrou a primeira fonte, fumegante,  chea de verduras a sobordar –repolo, grelos, patacas, algunhas fabas espalladas por alí-, o que me chegou ao nariz foi o oloriño do cocido do Pinto, a aldea da miña nai; por desgraza un cocido que xa vive unicamente de imaxes, sabores e olores no maxín.

IMG_0274

Logo chegaron as fontes de carne. Creo que non faltaba de nada. Desde a galiña á tenreira pasando polo porco, este, do fociño ao rabo. Orella, parte da cacheira, touciño, pata, lacón, costela, os chourizos… en fin, para que seguir.
E de cantidade… xa non falo… Unha fonte como as que vedes para cada tres.

IMG_0276 IMG_0280

De sobremesa unhas filloas recheadas de chocolate e orellas.
As orellas sensacionais. Masa rica e moi crocante, acabadas de fritir, no seu punto. Para o meu gusto sobráballe o sirope que tiñan por riba (estes bocados gústanme ao natural, só co peso da tradición, sen engadidos innecesarios).

IMG_0288

Xa por fin, cafeses, chupitos e parolada ata ben entrada a tarde.
Xa sabedes como van estas cousas: tentamos arranxar o mundo e non fomos quen nin de arranxar o noso instituto.
E todo por dezaoito euros cabeza.

Café-Bar Robledo
Subida ao Aloia
Prado, Gondomar, (36389)
Teléfono: 986 369 522
GPS: 42° 6' 21.69"N   08° 41' 36.16"W
Localización en Mapas de Google

unha supercomida en maruja limón

Pois resulta que si, que era certo, que o programa completo si se correspondía coa publicidade, que non había letra pequena nin interpretacións dubidosas, que todo resultou como estaba prometido: menú de degustación (todo incluído) para dúas persoas en Maruja Limón, 24,5€ por persoa. 
Que si, que aínda hai quen dá pesos a catro pesetas.

tarxetamarujalimon1

Coñecín Maruja Limón cando aínda estaba no local antigo, alá por un lateral da Gran Vía.
Logo, cando deu o salto á rúa Vitoria, fixemos unha segunda visita.
Gardaba memoria dunha cociña OK, ben, correcta, pero sen sorpresas, sen tocar a fibra sensible.
Malia todo, un restaurante que, despois de recibir a estrela Michelín, ben merecía unha comida para dous por escasos 50 euros.

_1050835

Creo que o local é dos máis minimalistas que teño visto, en especial pola sinxeleza como están vestidas as mesas, todo en branco agás unha poliña con tres follas de camelia. Claro que eu gosto moito destes vasos de balón sen pé.
O servizo correcto, profesional, para as miñas preferenzas particulares, quizá algo frío e distante de máis -en especial a rapaza máis nova, a que nos atende a nós-, pero como xa temos visto (O servizo, correcto?) está característica é a que buscan moitos clientes.

Restaurante Mruja Limón
Aperitivo: Tomate mariñado con queixo de cabra, escarola e millo

Restaurante Maruja Limón
Entrante 1: Tartar de tenreira con queixo parmesán

Restaurante Maruja Limón
Entrante 2: Vieira con touciño de porco confitado e froita da paixón

Restaurante Maruja Limón
Entrante 3: Xema callada, setas de tempada, beicon e bechamel suave de trufa

Restaurante Maruja Limón
Peixe de mercado: Robalo asado con alcachofas

Restaurante Maruja Limón
Carne: Lombo de vaca salteado con patacas e trufas de mostaza

Restaurante Maruja Limón 
Sobremesa 1: Chocolate, branco e negro, con aceite de cacahuete

Restaurante Maruja Limón 
Sobremesa 2: Vainilla, mazá asada e canela

Restaurante Maruja Limón
Petit Fours: Trufa de chocolate e tella

Desde o primeiro bocado (e en especial o  primeiro bocado, sensacional, merecedor de superar o de ‘aperitivo’ e converterse en prato por dereito propio), un menú fantástico da cabeza aos pés. Non sei se quedarme coa mestura mar-cortello (sabedes da miña debilidade polo touciño… se é acompañado dunha deliciosa vieira, xa non che quero contar nada!), coa orixinalidade-acerto dun ovo callado distinto aos demais, co saborosísimo robalo ou co impecable lombo de vaca coas súas explosivas esferas de mostaza.

_1050842 _1050845

O das sobremesas merece un punto e á parte.
Para un lambón coma min, o goloso de chocolate é suficiente presentación; pero é que, ademais, o sabor, a textura, o contraste… de cada bocado lévame á gloria. E, logo, a vainilla cos tropezóns de mazá e o aroma a canela pechan o círculo á altura do primeiro trazo.

En fin. Esquecede o de OK.
Maruja Limón é un superrestaurante cun supermenú que paga ben a visita e mesmo pide unha ou varias repeticións.
No meu ranking particular, sen dúbida unha das mellores comidas dos últimos meses. Orixinal, sen estridencias, completa, equilibrada, moi natural, sen artificios innecesarios e, sobre todo, moi, moi rica.
Ollo, estades avisados, igual que nós: prometen renovar a superoferta.

Maruja Limón
Rafael Centeno

Rúa Vitoria 4
36201 Vigo
Teléfono: 986 473 406
Enderezo-E
Web
Michelín: 1 estrela
Repsol: 1 sol
Verema: 8,5
Lo mejor de la gastronomía: 7
Gourmetour
El Viajero-El País: 1 copa

pesos a catro pesetas

Pois resulta que agora, cando xa nin hai pesos nin pesetas, chega Internet e vén tirar por terra a tradición case milenaria dos nosos avós de que ninguén dá pesos a catro pesetas. (Claro que non son eu quen para garantir que os pesos que nos estaban a vender fosen realmente de cinco pesetas).

planeo-logo   letsbonus

Pois resulta que hai uns meses Carmen recibiu a invitación -non sei como nin por que nin de parte de quen- para entrar nunha páxina de sona Planeo. E resulta que tampouco sei a maneira, pero os ventos favorables levaron a súa navegación a outro sitio ao que lle din LetsBonus.
Planeo e LetsBonus son dous dos lugares de moda coñecidos como de ‘compra colectiva’. O concepto é sinxelo: eu fago de intermediario e compro produtos moi concretos en cantidade suficiente como para logo poder vendelos a un prezo significativamente reducido con respecto ao que sería o ‘normal’ de venda ao público. E fágoo a través de Internet, feito que reduce aínda máis o prezo ao eliminar unha boa chea de custos intermediarios.

marujalimon

Pois resulta que hai uns meses, e tras o gancho que prometía ‘48% Descuento. Menú gastronómico en un restaurante con Estrella Michelin. ¡La cocina hecha arte! Compra un plan de 95€ por sólo 49€’, atopamos que se trataba do restaurante Maruja Limón. A oferta resultaba tentadora e concretaba os detalles dun menú máis que apetecible:

Aperitivo del día
Tartar de terneta parmesano y hojas de mostaza
Vieira con tocino de cerdo confitado y fruta de la pasión
Yema cuajada , setas de temporada , beicon y bechamel suave de trufa
Pescado de mercado , jugo de asado y pimienta verde
Costilla de cerdo celta a modo de cocido gallego
Goloso de chocolate
Vainilla , manzana asada y canela
Pan , Petit Yours , Café y vino blanco (Albariño)

E resulta, tamén, que por se aínda non fose suficientemente atractiva a proposta, van i engaden ‘sorprende a aquella persona especial, ya que con la compra de un menú gastronómico para ti, te regalamos otro’.
En fin, que o anterior menú completo en Maruja Limón (unha estrela Michelín) para dúas persoas, polo prezo de 49 euros.

tarxetamarujalimon1tarxetamarujalimon2

Debo recoñecer que fixen a reserva, ala por outubro ou novembro, cunha mosca a comerme a orella e aínda convencido de que ninguén dá pesos a catro pesetas.
Onte, xoves, e despois de reservar comentando as circunstancias, alá nos presentamos a ver que daba de si o mundo das webs de superofertas.

Hoxe venres espertei reconvertido á confianza de que isto da economía non hai quen o entenda. A oferta resultou cen por cen como estaba redactada.
Todo absolutamente nítido.
Todo absolutamente veraz.
Todo -menú, preparacións, atención- como se realmente tivesemos pagado o prezo que marca a carta polo menú gastronómico.
Unha comida excepcional (atentos que en breve poderedes ver as fotos) en Maruja Limón polo prezo exacto de 24,5€ por persoa.

Aínda é máis. Antes de comer marcan claramente as condicións (que non escapan un ápice das contidas na publicidade), pero dándonos a opción de pasarnos a un viño tinto. Logo, ao marchar, e despois de preguntar se todo foi correcto, anúnciannos que en breve publicarán unha nova oferta e que esperan contar de novo coa nosa confianza.

Unha supercomida en Maruja Limón.

os 10 preferidos da mesa marcada 2011

Fiel á súa cita desde hai tres anos, o blog Mesa Marcada vén de publicar o seu ranking de restaurantes de Portugal.

Web

O Mesa Marcada son Duarte Calvão e Miguel Pires (os dous recoñecidos críticos e escritores gastronómicos) e Rui Falcão (periodista e crítico de viños).
Desde hai tres anos elaboran unha lista dos mellores restaurantes de Portugal á que veñen de engadir a de mellores chefs, viños e enólogos. A selección faise en base aos votos de diferentes profesionais da gastronomía e enoloxía.
Este ano, en concreto, para a relación de restaurantes, invitaron a sesenta profesionais da gastronomía portuguesa a que elaborasen o seu listado, ordenado, dos dez mellores restaurantes de Portugal.
Entre os votantes hai chefs, críticos gastronómicos, xornalistas, persoeiros da cultura con afección ao garfo, etc.
O resultado final responde á suma do total de puntuacións, outorgando 10 puntos ao destacado no primeiro lugar por cada votante, nove ao segundo, oito ao terceiro, etc.

Segundo os votantes hai tres restaurantes en Portugal que destacan por riba dos demais: o Panorama do Sheraton Lisboa, o Fortaleza do Guincho na praia do Guincho e o Vila Joya de Albufeira; os tres superan os 200 puntos.
Temos que baixar ao posto 7 para atopar o primeiro restaurante da nosa área de influenza: o Yeatman de Vila Nova de Gaia (112 puntos).
Na lista de honra dos dez primeiros están, tamén, e empatados, o Largo do Paço da Casa da Calçada (Amarante) e o Pedro Lemos de Porto os dous con 102 puntos.

Web

1. Panorama (Sheraton Lisboa) – Lisboa - 281
2. Fortaleza do Guincho – Praia do Guincho – Cascais - 251
3. Vila Joya - Praia da Galé – Albufeira - 245
4. Ocean (Vila Vita Parc) - Porches - Armação de Pera - 182
5. Assinatura – Lisboa - 150
6. Feitoria – Lisboa - 113
7. The Yeatman - VN Gaia - 112
8. Largo do Paço (Casa da Calçada) – Amarante - 102
8. Pedro Lemos – Porto - 102
10. Bocca – Lisboa - 94

14. DOP – Porto - 56
20. DOC – Armamar - 42
21. S Gião - Moreira de Cónegos - 41
29. Ferrugem – Famalicão - 25
33. Mesa – Porto - 20
40. Foz Velha – Porto - 17
40. Shis – Porto - 17
48. Paparico – Porto - 11
49. Cafeína – Porto - 10
53. Arcadas da Capela – Coimbra - 9
53. Geadas – Bragança - 9
60. Porto Novo – Porto - 8
68. Restaurante do Palace de Vidago – Vidago - 7
77. Brasa - Macedo de Cavaleiros - 6
83. Adega do sossego – Melgaço - 5
83. Cais da Villa - Vila Real - 5
83. Doca X – Matosinhos - 5
83. Terra – Porto - 5
100. Góshò – Porto - 4
100. O Carvalho – Chaves - 4
100. Rogério do Redondo – Porto - 4
110. A Carvalheira - Ponte de Lima - 3 
110. Flor de Sal – Mirandela - 3
120. BB Gourmet Bull & Bear – Porto - 2
130. Adega de São Nicolao – Porto - 1
130. Cozinha da Terra – Paredes - 1

Tres curiosidades a xeito de disque-disque.
O considerado polos propios portugueses ‘entendidos’ como mellor restaurante de Portugal, O Panorama, non aparece na Vermella.
Pola contra, dentro das poucas estrelas que recibe Portugal, está o Arcadas da Capela, de Coimbra, que no listado dos ‘entendidos’ (a maioría do sur) non pasa do lugar 53.
Por último chama a atención que moitos, a maioría dos grandes restaurantes de Portugal son restaurantes de hotel; concretamente, dos dez primeiros unicamente dous, o Feitoria e o Bocca, son independentes; curioso, non si?