o miolo

restaurante dop. porto

O restaurante de Rui Paula en Porto ocupa unha parte do Palácio das Artes, con fronte ao Largo de Sao Domingos, unha das zonas máis quentes da cidade.
Porta con porta coa tenda de Paulo Lobo, a carón do rehabilitado Mercado Ferreira Borges, fronte á sede do Instituto dos Vinhos do Douro e Porto, San Francisco, Palácio da Bolsa, rúa das Flores… e a cen metros do Cais da Ribeira.
Nesta ocasión descubrimos, ademais, unha tenda de obxectos e mobles creativos, con especial atención ao mundo de Álvaro Siza Vieira. Take Away Porto, no lateral do Palácio, na rúa Ferreira Borges s/n.

_1050200

O DOP é un restaurante de corte moderno nun contorno tradicional; pedra, madeira, tons brancos, iluminación moi dosificada, mínimos detalles que estorben a degustación da comida. Dúas alturas, unha, a de arriba, para fumadores.

_1050180   _1050100

A sensación en todo momento é de tranquilidade, de sosego, dun coidado intimismo, de acollemento… sensacións moi agradables para enfrontarse a unha boa comida.
O servizo é magnífico, impecable, atento e próximo pero sen atosigar, sen excederse en ningún momento das súas funcións. (ver savoir-faire).

_1050103   _1050108

Comezamos polos presentes do chef, o viño espumante rosé do que xa vos falei (ver savoir-faire) e dous minibocados: un ‘hambúrguer’ penso que de farinheira branca cociñada (o meu coñecemento dos diferentes enchidos portugueses non chega para poder asegurar), e un ‘hot dog’ no que o pan semellaba dúas patatillas moi crocantes cun bocadiño dalgún tipo de bacon cun aire de mostaza no interior. Calquera dos dous, orixinal, sorprendente e moi, moi rico.

_1050116   _1050118

A entrada de Carmen é unha ensalada de lubrigante con vinagreta de cítricos. Eu tomei os ovos de codorniz con vieiras e vinagreta de mostaza. A vieira forma un gran conxunto co ovo e o aire de mostaza, sen pasarse co contraste de sabores, moi delicado, aterciopelado en boca, riquísimo. O lubrigante de Carmen, perfecto, con certa tendencia ao oriental, o lubrigante cun aire de tempura, de acompañamento unhas follas de pasta filo recheadas con queixo fresco aromatizado; a vinagreta de cítricos á contraste ao bocado.

_1050124   _1050133

De prato, Carmen un peixe sapo con pure e salsa de trufa, e eu o bacalhau cociñado a 55º acompañado de puré de garavanzo (grão-de-bico). O bocado de tamboril sóubome a gloria, ben de cocción, de textura, e moi substancioso.
O bacallao (acabarei por converterme nun experto en bacallaos) na liña esperada, simplemente fantástico; branquiño, sedoso, no seu punto de coción e sal, desfacéndose en lascas perfectas…

_1050140_1050145_1050151

As sobremesas (que como xa comentei viñeron acompañadas dun par de copas de Porto), unha auténtica festa para os sentidos. Para empezar, un bocado sorpresa: explosión de frambuesa; eu, a homenagem á améndoa do Douro e Carmen o bosque de chocolate con xelado de eucalito; calquera dos dous, suma de bocados variados xogando con sabores, texturas e, no caso do chocolate, temperaturas; bocados inolvidables: nube de améndoa caramelizada, escuma, tella, boliño de améndoa…

_1050160

Como xa comentei, aínda nos trouxeron un bolo de chocolate: chocolate negro por fóra e torta de chocolate e manteiga por dentro. Boísima. Tamén un par de bombóns co café.
Por certo, que xa me quedaba atrás, bebimos auga e dúas copas do Douro tinto de Rui Paula. Gustoume.
Por todo o anterior pagamos algo menos dos 60 euros cada un.

_1050143

De ter que pór un ‘pero’ á comida, non estou moi certo de que se trate de casualidade, é que tres dos catros pratos levan como acompañamento distintas variacións de puré.
Estamos ante unha observación para falar máis polo miúdo e que, creo, ten bastante que ver coa reflexión de fondo sobre a restauración portuguesa e a guía Michelín. Prefiro deixala para unha próxima entrada con protagonismo propio.

_1050175   _1050168   _1050173

En calquera caso adiantar que este DOP de Rui Paula é un deses restaurantes dos que saes pensando que a vermella non está a tratar nada ben á restauración portuguesa.
O local é amplo, fermoso, cómodo, á altura das máximas esixencias. O servizo, perfecto, moi profesional sen perder a personalidade propia. Carta e tratamento do viño excepcionais (acada 4,9/5 puntos na valoración da revista Wine). Carta ampla tanto en pratos soltos como tamén en menús (Douro, Do mar, Das Artes).
E, por riba de todo, a cociña; imaginativa sen esquecer a tradición trasmontana de Rui Paula, elaborada en base a produtos de primeira cualidade tratados con puntos de cocción e técnicas moi salientables para chegar a resultados en todos os casos implecables, en moitos, perfectos.
Certo que leva pouco máis dun ano en funcionamento e que as guías –es especial a vermella-  son remolonas á hora de incorporar novidades, pero non é menos certo que este foi tempo suficiente para facerse unha sona e un oco protagonista na  maioría das referencias da gastronomía portuguesa de elite.

Restaurante DOP
Degustar e Ousar no Porto
Chef Rui Paula

Largo de São Domingos, 18 (Palácio das Artes)
4050-545 Porto
Teléfono: 22 201 4313
Móbil: 91 001 4041
E-Electrónico
Web
GPS: 41º08'34.07"N  8º36'52.75"W
Localización en Mapas de Google
Revista Wine: 4,9/5
Entra na Guía BCBM
(O DOC é Garfo de Ouro 2011)