o miolo

savoir-faire

Non é de ningún xeito circunstancial que para escribir en galego sobre un restaurante portugués nunha cidade de tan fonda tradición anglófona, parta de un título en francés.
Savoir-faire. Ou sexa, intraducible de xeito textual. Como a nosa ‘morriña’, ou a ‘saudade’ que compartimos cos irmáns portugueses.
Savoir-faire, mestura de normas de educación, delicadeza e sabedoría para intuír, en cada ocasión, o xeito máis oportuno de proceder. Ou algo parecido, que así, e sen prentender sentar cátedra, é como eu o vexo.

Formula for perfect handshake
imaxe de: lenguaje corporal.org

Din as malas linguas aquilo de que cando vas con cativos a un establecemento hosteleiro ou de restauración, hai tres xeitos de ser recibidos: os ingleses diríase que ‘odian’ aos cativos; os españois seica non pasamos de ‘aturalos’ con resignación, e disque os portugueses adoran aos meninos e, así, convértenos no centro de atención. Podo dar fe.

niños prohibidos

A portuguesa é unha sociedade máis educada, máis respectuosa, máis delicada, máis detallista no trato e nas formas, que outros moitos pobos de corte occidental; diría que ás veces, ata límites que raian o apoucamento ou mesmo a submisión, terribles eivas sociais que tanto eles coma nós, os galegos, aprendimos a sufrir a golpes de historia.

Restaurante DOC 7

Vén todo o anterior a conto da nosa comida de aniversario do 6 de decembro.
O ano pasado viaxamos ao Douro para celebrar no DOC os trinta anos  de casados. Quedamos tan contentos que nesta ocasión decidimos probar o local que Rui Paula abriu no Porto a finais de 2010, o DOP, Degustar e Ousar no Porto.

Restaurante DOP. Rui Paula. Porto

O motivo do meu asombro e agradecemento empeza cando a rapaza encargada da sala vén tomarnos nota do menú. Queda ollando para nós e con toda a corrección do mundo e un sorriso engaiolante afirma que nos coñece… ata cabos na memoria e di que si, que nos lembra de comer no DOC… segue a fiar moi, moi fino e di que foi cousa de hai un ano, ao mediodía, case non había máis clientes… que tomamos o menú… que estabamos alí para celebrar ‘algo’.
Parabéns, un dez para esta moza cunhas cualidades que a converten nunha xoia para ocupar o posto que ocupa nun restaurante de prestixio. Un dez, tamén, para quen tivo o ollo necesario para poñela neste lugar.

_1050103  Restaurante DOC 37

Así, cando ela confirma que somos ‘repetidores’ e nós o motivo de tanta festa, avisa para que nos traian unhas copas dun espumante bruto rosé para que brindemos antes de comer.
A comida transcorre sen novidade.
Logo, chegados ás sobremesas, o DOP obséquiannos con dúas copiñas de Porto (un Tawny e un Ruby) para continuar coas brindes.
A continuación traen un doce fóra de carta: un bolo de chocolate (cuberta de chocolate por fóra e biscoito de chocolate e manteiga por dentro). E se o ano pasado a mensaxe no prato era de ‘felicidades’, este traía escrito ‘gracias’… (obrigado por voltar a celebrar conosco um dia tão especial para vocês).

_1050160   Restaurante DOP. Copas de Porto

Por último, cando xa non quedaba espazo para as sorpresas, aínda nos aparece o camareiro cunha bolsiña e, dentro, un viño branco do Douro, do embotellado polo propio Rui Paula (para que continuemos a brindar na casa, disque). Se está tan bo como o tinto co que comimos, augura unha brinde sensacional.

Vinho Branco Rui Paula 2010

Nunca nos pasara nada igual e dubido que nos volva pasar.

Na próxima entrega (Restaurante DOP. Porto) contareivos polo miúdo o que deu de si a comida no DOP.
Con estes antecedentes, vaia por diante que tentarei ser obxectivo pero non prometo nada.