o miolo

de voda en don chiringo

Don Chiringo Voda 03

Organizar unha comida de grupo sempre é un compromiso.
Se o grupo é heteroxéneo a cousa complícase. E de pouco vale pensar no alivio que supón que non se trate dun grupo numeroso.
Organizar  unha reunión familiar é dobre compromiso.
Pero se do que se trata é de comer despois dunha cerimonia de voda civil na que un dos contraentes é o teu irmán maior, pasa dos cincuenta, vive (case) nos avións, e ten (case) todo o que se pode querer e ter nesta vida, a dificultade alcanza o límite da misión imposible (case).

Don Chiringo Voda 04

Cando me tocou pensar na comida para despois da voda de José e Alfonso, enseguida e non sei por que, non hai moito que o ceñecemos (ver) , veume á cabeza Don Chiringo.
Eramos poucos, as previsións apuntaban a non máis de dez: a familia máis, máis directa e un único amigo, este que para os afortunados sobrevive á distancia, aos anos e ás incontables diferencias e ás desavenencias irreconciliables. Román.
Poucos… pero cada quen, aínda que irmáns, fillos do seu pai e a súa nai.
Dicir que desde o primeiro correo electrónico, a atención, as facilidades e o trato que recibín de Arantxa e Santiago foron excepcionais. Pola profesionalidade, si, pero sobre todo pola calidez, por ese facerte sentir un cliente especial, único nese momento.
Non houbo ningún problema e pronto chegamos ao acordo dun menú de 35 € que Arantxa modelou con arrobas de enxeño e sabedoría para dar resposta a todo tipo de teimas, alerxias e gostos individuais que hai no grupo.
Aí o vai.

Don Chiringo Voda 08     Don Chiringo Voda 09

Comezamos cun aperitivo de lacón prensado. Moi rico. Cun toque de salgadura extra que salientaba aínda máis os sabores.

Don Chiringo Voda 11     Don Chiringo Voda 10    Don Chiringo Voda 12

Tres entrantes. Tres iconas de Don Chiringo que están a alcanzar unha máis que merecida sona. A empanada de polbo e queixo (un bocado especialmente memorable), o pincho de calamar á prancha sobre pemento verde e sobre cama de cebola pochada e tosta de pan (foi o bocado máis excitante da nosa primeira visita) e unha das teimas de Alfonso, un deses pratos que deleitan o momento e logo dan que falar: a ensalada na súa bóla de cristal, neste caso tirando aos sólidos de parrulo. Á hora de bater a ensalada todo son festas.

Don Chiringo Voda 13     Don Chiringo Voda 14

De peixe, a metades entre o bacallao e o robalo, para adaptarnos a todos os gostos. Calquera dos dous no seu punto, cociñados con técnica e toda a man necesaria para manter o sutil sabor de cada quen.

Don Chiringo Voda 15

A carne, unhas carrilleras de tenreira galega (a fazula, a bochecha do animal) magnificamente traballadas con viño tinto. Con bocados así estou disposto a retomar en calquera momento a miña esquecida carreira de carnívoro impenitente. Tenras, suaves, melosas, un bocado exquisito.

Don Chiringo Voda 16    Don Chiringo Voda 17

Como estamos a 23 de decembro, ás portas do Nadal, había que conxugar a estrela do momento, o xeado de turrón, co protagonista de sempre, o chocolate; é Arantxa quen propón dúas sobremesas diferentes, cada unha co seu protagonista e o seu propio armazón de acompañamentos.
Sen desmerecer a crema de chocolate, quen arrasa é o turrón.
Tanto que José, experto cociniñas dotado dun sexto sentido gastronómico excepcional, lle pide a receita a Arantxa. En contra de calquera tipo de divismo ou egocentrismo explica a receita do xeito máis natural… e logo tráea escrita nunha tarxeta. Detalles que marcan a clase e a diferenza.

Don Chiringo Voda 20   Don Chiringo Voda 19   Don Chiringo Voda 21

No tocante aos viños quen manda é Santiago. Comezamos cun Ribeiro branco: Cunqueiro Milenium 2010, pasamos a un tinto, tamén do Ribeiro: Abadía de Gomariz 2009, e acabamos cun Ribera del Duero La Planta 2009. Calquera dos tres á altura da comida aínda que posto a elixir, eu quedo coa conxunción perfecta do Cunqueiro coa ensalada e do Ribera coas carrilleras. Pero isto, claro, é cuestión de gustos persoais.

Don Chiringo Voda 18

Xa cos cafés, Arantxa regálanos cun turrón de chocolate da súa autoría que levanta auténticas paixóns.
En definitiva, eu, como organizador dentro do grupo, quedei como un auténtico señor. Non escoitei máis que parabéns e eloxios para o local, para o servizo, a comida, os pratos, todos e cada un. A satisfacción era evidente mesmo para aqueles que, a estas alturas, xa son difíciles de sorprender.
Cando transmito as felicitacións e o meu agradecemento a Santiago e Arantxa, recibo como resposta que eles se deben a min, por ser o organizador e a persoa que en todo momento contactou con eles, e que o que máis lles vale é a miña opinión, a miña satisfacción.
Pois o dito. Todo Perfecto. Grazas. Moitas grazas por todo.