o miolo

bouzas está que se sae

O colexio de Vincios foi o meu primeiro destino.
Xa choveu.
Falo de setembro do ano 1983.
Como Carmen tamén pasou por alí, e bastante máis tempo ca min, fixemos bos amigos e amigas.
Toda unha vida. Moitos, a maioría, xa están xubilados; o resto, os que quedamos, xa andamos aí, aí.

La Carpintería 01

Juan, Mª Luisa, Fefa, Bea…
O venres reunímonos un puño daquelas vellas glorias para parolar dos vellos tempos arredor dunha botella de viño e un pincho. Quedamos pola noite, na Carpintería, un local bastante recente en Bouzas.
Está na rúa Alfolíes, ao fondo, case ao pé da igrexa de Bouzas, e ocupa o local dunha vella carpíntería.
A decoración conserva a esencia do taller orixinal; local moi alto, utensilios nunhas paredes pintadas en branco sobre os vellos materiais, mesmo a serra e o vello banco son utilizados como mesas para os clientes.
En xeral resulta acolledor e agradable e, a pesar de estar cheo, nada agoniante.

La Carpintería 05La Carpintería 04

Oferta de tapas para compartir e tamén algúns pratos máis potentes. Durante a semana teñen un menú do día (12,5€) que publicitan a través do facebook.
Eramos 8 e compatimos dúas racións de:

La Carpintería 06
Boquerón cortesía da casa

La Carpintería 07
Croquetas de centola

La Carpintería 08
Chipiróns na grella

La Carpintería 09
Xamón ibérico

La Carpintería 10
Polbo á tixola

La Carpintería 12
Pincho de rabo de touro con foie

En xeral todas as racións estaban ricas; de ter que destacar unha por riba das demais, fágoo co rabo de touro: bocado especialmente saboroso, moi tenro, co toque de foie que non lle quedaba nada, nada mal.

Isto, claro, sen contar os doces.
Seica Elena Garmendia (a dona, el, Rafa Pérez é o cociñeiro) exerce de experta reposteira e ten un obrador no que prepara cada día unha chea de tortas e pasteis que poden facer as ledicias do padal máis tiquis. Torta de violeta, de chocolate belga, de moka…

La Carpintería 19
La Carpintería 14
La Carpintería 15
La Carpintería 16
La Carpintería 17
La Carpintería 18
La Carpintería 20 

En fin, un local moi recomendable para enriquecer aínda máis a xa saientable oferta de Bouzas. Tanto para tomar uns viños coas súas tapas, como para o horario de comidas ou ceas –sen esquecer as copas–, temos moito onde elixir. Desde os máis clásicos –poñamos por caso o Garfo–, ás novas incorporacións que xa se fixeron un nome –o PaTouro, o Ouso–.

Gastrobar Restaurante La Carpintería 
Rafa Pérez 
Reposteira: Elena Garmendia 
Rúa Alfolíes 19
36208 (Bouzas) Vigo
Teléfono: 986 123 103
info@lacarpinteriarestaurante.com
Web
Facebook
GPS: 42º 13’ 33.9”N  8º 45’ 12.1”
Localización en Mapas de Google

Por certo, o nome da rúa, Alfolíes, esperta a miña curiosidade pola máis que probable orixe árabe. Busco información e atopo que, efectivamente, vén do árabe hispano (alhorí) e, á súa vez, do propio árabe (hury), puidendo ter antecedentes no exipcio mhr e no copto ahor. En calquera caso presenta dúas acepcións diferentes: granero ou depósito de gran e almacén de sal.
Non teño datos pero a relación con almacéns de sal paréceme algo máis que probable.
Alfolíes son, tamén, os saquiños que pasaban nas igrexas para que os fegreses depositasen as súas esmolas. A rúa vai dar ao lateral da igrexa, pero esta etimoloxía paréceme menos defendible.
Neste segundo caso, os alfolíes serían herdeiros directos da vella obriga do dezmo da tradición xudea, contemplada en diferentes pasaxes da Biblia.

polo si ou polo non, vai de vivo

De regreso de Oviedo, do concerto de Víctor Manuel (Cen por cen asturianu), estudamos os informes do tempo e o horario de mareas para ver de parar na praia das Catedrais.
Malia masificación deste último verán, as Catedrais é unha desas marabillas da natureza á que, como ao santo Andrés de Teixido, hai que ir unha vez na vida.

IMG_0421IMG_0441

E, xa postos, para calquera amante da gastronomía galega tamén é obriga achegarse cando menos unha vez na vida ao restaurante Nito, na baixada á praia de Area, en Viveiro.
Nito vén ofrecendo unha cociña tradicional galega, baseada no produto, desde o ano 1970. Con case 45 anos de vida, non resulta nada fácil manterse na elite sen afrouxar nin un ápice nos principios que lle son esencia.

Nito
hotel_nito
nito_comedor
(Fotos da web do hotel)

Todo o contrario. Nito (xunto co seu complemento o hotel Ego) sabe manterse e actualizarse como poucos. Ocupa un edificio de estética moi actual e e loce unha coidadísima decoración interior acorde coas formas externas.

O comedor é amplo, luminoso, cun enorme ventanal aberto directamente ao mar, unha zona de terraza exterior e unha agradable zona de tránsito. Dado o día cambiante que temos, e pese a que a reserva era para a terraza, ao final optamos por esta zona intermedia.
Ao longo da comida pasamos por unha infinidade de vistas diferentes, desde o sol máis radiante a unha tremenda treboada adornada con luces e sons.

IMG_02782IMG_02862

A carta de Nito é clásica e, salvo apetitosas excepcións de auténticas carnes de Lugo, está baseada no mar.
Os entrantes van desde o marisco (ameixas, nécoras, percebes, zamburiñas…) á ensalada mixta, pasando polo caldo galego, os pementos recheados de marisco, o polbo á galega ou as croquetas e empanada caseiras.
Para o prato forte as recomendacións baséanse no bonito de Burela; pero tamén a pescada do pincho (á galega, á prancha, rebozada, á bilbaina), o linguado, a robaliza, o pixín…
Entre as carnes, diferentes cortes e preparacións da tenreira: costeleta, filete, escalopíns ao Tío Pepe, asada, solombo, entrecosto… 
Destacable adega. Bebemos auga e unha botella pequena de Lagar de Pintos.
O servizo é excelente. Entre a próximidade e a calor que lle corresponde como restaurante de hotel, e a profesionalidade dun local de categoría.

IMG_0459IMG_02842

Empezamos cunhas ameixas á prancha. Afeitos á ría de Arousa, poucos bivalvos hai que nos poidan sorprender; pero estas, grandes, carnosas, practicamente naturais, no seu punto de prancha… están, simplemente fantásticas.
Pasamos a compartir un salpicón de lumbrigante. O de salpicón é un falar. En realidade estamos ante unha boa ración de talladas de lumbrigante aderezadas cunha vinagreta suave e equilibrada. Auténtico bocatto di cardinale.

IMG_0462IMG_0463

Para o prato forte decidimos ir polas especialidades de Nito, Carmen polo bonito, neste caso en rolo, e eu polas luras frescas da ría na súa tinta.
Acerto pleno. O rolo de bonito, sen perder a esencia propia do peixe, é o xeito máis zumarento como se pode cociñar o bonito, e este de Nito é único.
Das luras só dicir que estaban case para untar. Unha ledicia.

IMG_0464IMG_0466

Para a sobremesa, Carmen o Xeado de chocolate e eu o Crocante de mazá.
Os doces son quen de manter o nivel medio da cociña de Nito.

 

Non estamos ante un restaurante barato. Polo menú anterior, café incluído, pagamos 60€ cada un.
60€ por persoa xa é un prezo considerable, dun restaurante por riba do normal, superior á media en todas as súas características, o espazo, o servizo, o produto e elaboración. E é que Nito cumpre con todos os requisitos; é un deses locais que pagas sen miramentos, convencido de que está no seu prezo xusto.
Sobre todo se falamos do menú, do salpicón de lumbrigante (35€ ración) e das exepcionais ameixas (uns 250 gr. a 80€ o quilogramo).
No meu estudo de restaurantes galegos (lembro: elaborado a partir de presenza en guías gastronómicas e en blogs en Internet), Nito ocupa o primeiro lugar entre os locais de cociña tradicional, 11º no listado total, só por debaixo dos ‘estrelados’ e lugares actuais de culto.

Restaurante Nito
Praia de Area
Viveiro 27850
Telefono: 982 560 987
Fax: 982 561 762
info@hotelego.es
Web
C,LE: 11º lugar de Galicia
Repsol: 1 sol
Verema: 8.2
Michelín: Si
6º lugar entre as marisquerías de España en Madrid Fusión 2014

cen por cen asturianu

Debo recoñecelo. Sen medias tintas. Son fan incondicional de Víctor Manuel.
Como non selo dun tipo que escribe esas letras coas que me idenfico máis que se as tivese escrito eu mesmo?
Cada un é como é, Onde caben dous caben tres, Digo amor e digo liberdade, Todos temos un prezo ou Nada sabe tan doce como a súa boca, son frases, títulos de cancións de Víctor Manuel, que xa levo impregnadas no meu ADN.
Aínda é máis. Ás veces dáme por imaxinar que o Juan de O Cobarde non é outro que eu mesmo, que a canción, de principio a fin, do primeiro ao último verso foi escrita pensando nas miñas teimas.

Victor Manuel 1Victor Manuel 2

O pasado venres 12, en Oviedo, Víctor Manuel celebraba os seus 50 anos sobre o escenario. E, para acompañalo, unha chea dos seus amigos, dos meus ídolos. Milanés, Serrat, Aute, Miguel Ríos, Rosendo, Ismael Serrano… Xentes tan diversas como Miguel Poveda, Wyoming o Soleá Morente. E alí estabamos nós, tamén, no medio de case tres hora ininterrompidas de puro éxtase.
Inolvidable.
A interpretación final de Asturias, con todos os invitados e o público acompañando a Víctor Manuel, fanme devecer por un Víctor de Galicia e en galego.

 IMG_0352

O sábado pasamos o día en Oviedo –exultante no primeiro día das festas de san Mateo–. Para comer achegámonos aos arredores da rúa Gascona: o bulevar da sidra.

IMG_0471

Levabamos unha nota, de Rafa Palacio, pero non demos coa recomendada casa Marcial, así que, xa sen referencias, procuramos un local fiándonos da intuición e de que a oferta da pizarra para atraer turistas fose o menos turística posible, que tirase ao máis tradicional.
E así caímos nesta sidreria La Manzana.

IMG_0350IMG_0348

Como iamos a o que iamos, comemos cunha botella de sidra (e unha de auga).
Estaba rica. Fresquiña e no seu punto de batido.

IMG_0333

O pincho da casa do día, unha tosta con bonito e un delicado mollo de tomate e redución de módena. Rico rico.

IMG_0334

Serviron a fabada como manda a tradición: por unha banda as fabes e por outra o compango. Estaba boa, moi boa. De sabor, de punto de cocción, de textura, de gordura, de untuosidade…
Pero a sorpresa do día estaba por vir.
Xa que estabamos no país do 40 queixos, despois da fabada pedimos unha táboa de queixos asturianos.
Aí tendes o que nos trouxeron:

IMG_0338
IMG_0343IMG_0341 

Era, en efecto, unha táboa: unha gran táboa de madeira na que viñan cinco pratos, cada un cun ou con dous queixos diferentes (en cantidades xenerosas), un puño de froitos secos, unha rodela de mazá e unha porción de marmelo ou marmelada axeitada a cada queixo concreto.
Unha gozada.
Cabrales, Afuega'l pitu (con pemento picante e sen pemento), Pría… Marmelo de mazá, doce de abóbora, marmelada de framboesa…

En fin, case sen querelo, acertamos de pleno; unha moi boa comida cen por cen asturiana pola que pagamos 19€ por cabeza.

un menú de bonos no pandemonium

Na procura de éxitos anteriores (Maruja Limón, Pepe Vieira, Yayo Daporta), cando nos chegou información duns bonos para menú de degustación en Pandemonium compramos seis para celebrar alí a fin de tempada de verán.
Coma sempre, Flori, Luz, Luis, Luis e nós.

Pandemonium

A oferta consistía en tres aperitivos, cinco pratos, sobremesa e unha bebida; todo o anterior por persoa e por un prezo de 29,5€ cada un.
Pandemonium é un local extremadamente coidado nos pequenos detalles; a enorme parede lateral decorada cunha interpretación do Xardín das ledicias do Bosco, fala dunha sensibilidade especial non presente noutros locais de pretensións. As cores, os cadros orixinais, algunha escultura…

Pandemonium 03Pandemonium 06

Para beber, auga, dúas copas de albariño e unha botella de Viña Amezola (Rioxa, crianza de 2009). O tinto, moi bo e seica cunha atraente relación calidade-prezo.

Pandemonium 15Pandemonium 16Pandemonium 17

Os entrantes consisten nunha crema de anchoa con guacamole, uns mexillóns con alga wakame e un tartar de bonito.

Pandemonium 18
Guiso de pataca con zamburiña e espárrago trigueiro

Pandemonium 19
Navallas con touciño

Pandemonium 20
Roupa vella con garavanzos

Pandemonium 21
Bonito de Burela con vinagreta cítrica

Pandemonium 22
Roast beaf de vaca galega

Pandemonium 23
Pastel fluído de chocolate con xeado de chocolate

Desde o punto de vista da cociña, a comida gustoume; uns pratos máis e outros menos, como é lóxico, pero a un nivel que podería xustificar os recoñecementos que si reciben outros compañeiros do grupo nove.
No plano positivo, o mar e terra das navallas, a roupa vella e, en especial, un logradísimo guiso de pataca coa vieira.
No extremo contrario poría os entrantes. Xa sabedes que non son moi amigo das algas e a crema de guacamole non me dicía moito.
Claro que máis de un dos meus compañeiros de mesa valora o mexillón con wakame como un bocado moi especial, dos mellores da degustación.
Isto vai cos gustos de cada quen…

Cuestión á parte é a satisfacción global. Clara división de opinións.
A miña. A comida antollóuseme tirando a escasa; certo que cumpría coa publicidade da oferta en número de pratos, pero as cantidades estaban por debaixo das expectativas; así, por exemplo, os chamados ‘entrantes’ eran practicamente iguais aos ‘pratos’, apenas existían diferenzas; agás a vieira co guiso de patacas, o resto de pratos de carne e peixe non levaban ningún tipo de acompañamento.

Segundo a publicidade, e copio textual, o menú de degustación de 140€ a parella, pasaba a un prezo de 59 (58%, 81€ de aforro).
29,9€ por persoa polo menú que comimos está ben, paréceme un bo prezo, coñezo a oferta, vexo o que como e sei o que pago. Un menú de degustación curto a un prezo inferior al menú de degustación.
Pero se polo menú de onte me cobran os 70€ que se supón que era o seu prezo real segundo a publicidade…

Síntoo, pero, así, non.

Restaurante Pandemonium
Antonio Botana
Rúa do Albariño 16
36630 Cambados
Teléfono: 986 543 638
Web
antoniobotana@gmail.com
GPS: 41,512064N   8,814583ºW
Localización en Mapas de Google