o miolo

o pazo da escola

Onte despedimos á nosa compañeira Margarida cunha comida no Pazo da Escola.
PazoDaEscola
O Pazo da Escola é un complexo de turismo rural construído sobre a base dun antigo Pazo da saga dos Mendoza (século XVIII), no barrio de Moreira, parroquia de Mañufe, concello de Gondomar.
Gondomar sempre tivo unha eiva histórica de locais de comida dun certo nivel. Se excluímos os clásicos de toda a vida (o Chaín, o Mineiro, Celso…, algún deles xa desaparecido), pouca oferta máis había. Houbemos de esperar ao Pazo da Escola para toparnos con ‘algo distinto’. Despois, ou un pouco antes, e por fortuna, chegaría algún que outro digno competidor.
Pazo da Escola Edificio Pazo da Escola Hórreo Pazo da Escola Ventá Hórreo
O complexo ten cuartos (todos decorados diferentes e cada un coa sona dun dos barrios de Mañufe), dous comedores (con capacidade total de arredor dos setenta comensais), salón de música, biblioteca…, e 10000 m2 de terreo con xardín, horta, árbores de distintas especies entre as que domina a camelia e as froiteiras (e algunha que outra cepa albariña), construcións típicas (canizo, eira para moer…), animais domésticos en liberdade, etc.
O comedor, como o resto dos espazos, está rehabilitado con extremo coidado, respectando ao máximo a arquitectura e decoración orixinais (mágoa que a exposición de pintura que tiñan no comedor non era moi afortunada…). Un dos laterais está ocupado por un ventanal de lado a lado que, ademais de prestar unha luminosidade moi agradable nos permite, así como quen di, comer directamente no xardín. Carta ampla, centrada nos produtos i elaboracións da cociña tradicional galega, oferta de viños suficiente, servicio correcto.
Pazo de Mendoza Cristaleira Pazo de Mendoza Comedor Pazo de Mendoza Lavabo
A comida, eramos un grupo de quince, estaba pactada de antemán.
Entrantes: empanada de bacallao con pasas, croquetas e uns chipironciños fritidos. De prato probamos tres arroces: de polbo, de marisco e arroz negro de chocos. De sobremesa uns doces variados. O viño foi un rioxa que non estaba mal: Herencia Remondo La Montesa, crianza de 2007 (catro botellas). Cafeses e infusións.
Restaurante Pazo de Mendoza 21 Restaurante Pazo de Mendoza 24 Restaurante Pazo de Mendoza 26_1
Restaurante Pazo de Mendoza 27 Restaurante Pazo de Mendoza 35 Restaurante Pazo de Mendoza 36
Pagamos 25 euros por cabeza. A comida resultou perfecta. De ter que marcar preferencias creo que o mellor de todo foi a empanada e, entre os arroces, o negro.
Sen dúbida un restaurante para volver de cando en vez.
Margarida estaba en idade de xubilación anticipada e solicitou praza de profesora de español en Brasil. Envexo a súa coraxe, a afouteza, a puxanza. Nunca lle asustaron as responsabilidades nin os retos; a dirección do instituto, a concellalía en Vigo, a vida desde uns valores que a maioría das veces nos obrigan a vivir en permanente estado de vixía e de oposición ás maiorías.
Coñecémonos desde o oitenta e tres, e desde entón, e desde barcos inimigos profundos (incomprensiblemente os máis profundos, CCOO e CIG), aprendimos a respectarnos, logo a admirarnos, a apreciarnos, e por fin, e ao noso estilo, a querernos.
Con Margarida (e de Margarida), aprendín e reforcei toda unha serie de valores aos que a día de hoxe xa non sei  renunciar, son eu mesmo. O amor pola lingua galega, o feminismo, o respecto, o sentido da xustiza, o compromiso, a rectitude, a integridade como persoa,…
Grazas, Marga… e que te vaia bonito.
Restaurante Pazo da Escola 
Barrio Moreira 10
36388 Mañufe (Gondomar) 
Tfno: 986 369 282 
Enderezo-E: info@pazodaescola.com

Web: Pazo da Escola
GPS: 42º 6’296”N  8º 46’ 25”W
Localización en Mapas de Google
Só dúas palabras para completar o post de onte (11 restaurantes a não perder no Porto em 2011)
Por que once restaurantes?
Por que non dez, máis redondo…
Ou doce, a ducia perfecta, ou trece, tentando aos fados, ou oito, redondo por partida dobre, ou cinco, para devanarse os sesos…
Obvio. Entramos no dous mil once.
E seica o once será o número da sorte da gastronomía portuguesa neste dous mil e once.
Porque como ben nos lembra a guía de lecer myguide.pt nun recente artigo (11 de xaneiro, Gastronomía: as nossas estrelas segundo o Guia Michelin 2011), son ‘once os restaurantes nacionais que constan na rigorosa edición de 2011 da Guía Michelín’.
Casa da Calçada  Quinta das Lagrimas
Atendendo ao que marca o alfabeto (non coñezo máis que dous deles para poder escribir cun outro criterio) as once estrelas portuguesas da Michelín son:
Vila Joya (Chefe Dieter Koschina; Albufeira, Algarve, único con dúas estrelas),
Amadeus (Siegfried Danler-Heinemann; Almancil, Algarve),
Arcadas (Chefe: Albano Lourenço, Consultor: Joachim Koerper; Coimbra, Beiras),
Fortaleza do Guincho (Antoine Westermann; Cascais, Lisboa),
Henrique Leis (Henrique Leis; Almancil, Algarve),
Il Gallo d’Oro (Benoît Sinthon; Funchal, Madeira),
Largo do Paço (Ricardo Costa; Amarante, Porto-Douro),
São Gabriel (Torsten Schultz; Almancil, Algarve),
Tavares (José Avillez; Lisboa),
The Ocean (Hans Neuner; Porches, Algarve),
Willie’s Restaurante (Willie Wurger; Vilamoura, Algarve).
Así, a bote pronto, dúas observacións.
A primeira: Dieter, Siegfried, Hans, Torsten… Austria, Alemaña, Francia, Brasil… Na lista unicamente atopamos dous cociñeiros portugueses (e, para iso, un deles baixo consultoría foránea).
A segunda: de once restaurantes, sete están dentro de complexos hoteleiros.
Volveremos sobre o tema. Seguro.
A versión on-line do Escape, de data 8 de xaneiro, (o Escape é a guía do lecer do xornal Expresso), presenta un enriquecedor artigo con este mesmo título: 11 restaurantes que non te podes perder no Porto de 2011.
Os 11 restaurantes, na mesma orde que os presenta a reportaxe, aínda que sen especificar o criterio para compoñer o listado, son: Pedro Lemos, DOP (irmán xemelgo do DOC), Shis, Mesa, Sessenta Setenta, Foz Velha, Grappa, Clube da Gula, bbgourmet Bull&Bear, Portucale, e Paladar da Alma.
Restaurante Foz Velha   Restaurante Shis  Restaurante Mesa
Se o criterio para ordenalos fose o prezo medio que apunta a propia reportaxe, no lugar de honra estaría o Paladar da Alma (arredor dos 12 euros); a continuación o grupo dos que andan sobre os 25 euros por comensal (Bull&Bear, Clube da Gula, Grappa e Mesa). Xa máis carillos, sobre os 35 euros, o Sessenta Setenta, o Shis e o Foz Velha. Para un día especial o DOP e o Portucale (45 euros). E, xa por fin, no furgón de cola (ou de locomotora, segundo a lúa vaia de crecente ou decrecente), Pedro Lemos, 50 euros.
Clube da Gula
Segundo o tipo de comida, Clube da Gula, DOP, Foz Velha, Pedro Lemos, Mesa e Sessenta Setenta,  son locais onde, en maior ou menor medida, se pretende dar un toque creativo-actual ás raíces gastronómicas portuguesas. Máis tradicional (o restaurante de sempre de Porto) e o Portucale. O Grappa é de comida italiana con influenzas arxentinas. No Shis conviven a cociña portuguesa, a asiática e a italiana. Por fin, o Bull&Bear actual é máis unha petisqueria que un restaurante, petiscos, racións, tentempés…. Nesta mestura de motivacións gastronómicas con xeografía, a ruptura coa materia está no Paladar da Alma, restaurante vexetariano.
…………………………………………………………………………………….
Por certo, no Escape atopo tamén un Roteiro por 11 locais para beber té e quecer a alma. Dos once, cinco están no Porto.
Á cabeza, a Casa de Chá da Boa Nova, en Leça, local para degustar o té desde dentro dunha construción que xa forma parte da historia da arquitectura moderna (Siza Vieira, ou de como integrar a construción na paisaxe).
Casa de Te da Boa Nova
Moi na liña, pero radicalmente diferente, a Casa de Chá da Fundación Serralves, nos xardíns, fiel tamén ao contorno, á súa raíz perdidamente romántica.
O Verde Tília – Casa de Chá. O último, á última. Requinte. Móbeis de deseño, tés traídos de Francia, vaixela de Vista Alegre…
Rota do Chá, en Miguel Bombarda, destila a esencia da zona, cultura, etnia, vangardimo, inconformismo…
Sukiya, na zona de Antas, é un algo de todo dentro dunha fermosa caixiña xaponesa, fiel ao seu nome. Casa de té, bar, restaurante tradicional portugués, librería, tenda gourmet, enoteca centrada no Douro, sala de eventos culturais….   
O té en Portugal, en especial na zona do Porto, está un chanzo máis arriba do que pode ser unha simple cuestión de modernidade ou esnobismo, é unha herdanza máis do paso dos ingleses polo Douro. Así, con variacións ou adaptacións ao modelo propio, en moitos dos locais podemos acompañar o té cos británicos scones.
Ou senón, e no mellor dos casos, cun bolo de chocolate, cunha nata, cunha fatia de bolo rei, cun bolo de arroz, de amêndoa, de ovos moles, de bolacha…
(A referencia ao té, cunha lembranza especial para Luz e Luis)

o placer global

Onte, na SER, escoitaba un programa adicado na súa totalidade ao tema xenérico da ‘comida’.
Consistía en entrevistas, pequenos informes, participación dos ouvintes, opinións…
Falaban críticos, cociñeiros, proveedores… e usuarios de diferente idade, condición, estatus e crenza.
As conclusións foron múltiples e variadas. Creo que comungo coa maioría delas.
A comida é unha das pouquísimas actividades humanas nas que recibimos información a través dos cinco sentidos.
Logo, cando procesamos esa información, entran en xogo múltiples das potencialidades do ser humano. A memoria, a análise, a síntese, a imaxinación…
A estética, a arte, entra cando o cociñeiro é quen de estimular os nosos cinco sentidos de xeito que a estimulación repercuta no máximo de procesos mentais…
Con todo o que se ten falado das características intrinsecamente humanas, daquelas que nos poden diferenciar do resto de animais (a linguaxe, a capacidade de amar…), en poucos casos escoitamos referencias á capacidade de elaborar os alimentos para logo consumilos.
premios_lux
(Fotos da Web do Estudo Edea)
Cuestión de casualidade (ou non), hoxe leo na prensa a concesión do Premio Lux de bronce na categoría de Bodegóns e Produtos (premios de Asociación de Fotografos Profesionais) ao Estudo Edea, de Vigo.
O premio é por unha fantástica serie de fotos arredor do polbo, da autoría de Chou Pesqueira, para a empresa de produtos alimentarios Fesba.
Quen non se sente estimulado por estas fotografías?
Percibides o oloriño ao polbo?, ao pemento?, ao aceite?… a festa do Santo Patrón?
Sentides o tacto suave, morno, algo apegañento, duriño?
E os estralos entre os dentes?
A min, mentres vexo as fotos, o que me vén a boca é o sabor acre dos foguetes, o po de ducias de pés xirando ao son dos músicos, o aceite requeimado dos churros.
Parabéns polas fotografías.
No programa de redio interviñan varios amigos dunha desas sociedades ou clubes gastronómicos. Disque a súa máxima proclama, máis ou menos, que a comida é o máximo placer que pode gozar o ser humano… cos pantalóns no seu sitio.