Onte, na SER, escoitaba un programa adicado na súa totalidade ao tema xenérico da ‘comida’.
Consistía en entrevistas, pequenos informes, participación dos ouvintes, opinións…
Falaban críticos, cociñeiros, proveedores… e usuarios de diferente idade, condición, estatus e crenza.
As conclusións foron múltiples e variadas. Creo que comungo coa maioría delas.
A comida é unha das pouquísimas actividades humanas nas que recibimos información a través dos cinco sentidos.
Logo, cando procesamos esa información, entran en xogo múltiples das potencialidades do ser humano. A memoria, a análise, a síntese, a imaxinación…
A estética, a arte, entra cando o cociñeiro é quen de estimular os nosos cinco sentidos de xeito que a estimulación repercuta no máximo de procesos mentais…
Con todo o que se ten falado das características intrinsecamente humanas, daquelas que nos poden diferenciar do resto de animais (a linguaxe, a capacidade de amar…), en poucos casos escoitamos referencias á capacidade de elaborar os alimentos para logo consumilos.
Cuestión de casualidade (ou non), hoxe leo na prensa a concesión do Premio Lux de bronce na categoría de Bodegóns e Produtos (premios de Asociación de Fotografos Profesionais) ao Estudo Edea, de Vigo.
O premio é por unha fantástica serie de fotos arredor do polbo, da autoría de Chou Pesqueira, para a empresa de produtos alimentarios Fesba.
Quen non se sente estimulado por estas fotografías?
Percibides o oloriño ao polbo?, ao pemento?, ao aceite?… a festa do Santo Patrón?
Sentides o tacto suave, morno, algo apegañento, duriño?
E os estralos entre os dentes?
A min, mentres vexo as fotos, o que me vén a boca é o sabor acre dos foguetes, o po de ducias de pés xirando ao son dos músicos, o aceite requeimado dos churros.
Parabéns polas fotografías.
No programa de redio interviñan varios amigos dunha desas sociedades ou clubes gastronómicos. Disque a súa máxima proclama, máis ou menos, que a comida é o máximo placer que pode gozar o ser humano… cos pantalóns no seu sitio.
o miolo