o miolo

tempos de cambio

 Despois de seis anos e medio de Como, logo existo, chegou o momento do cambio.
En esencia, seguiremos a ser o mesmo: das cousas do comer en Galicia e no norte de Portugal.
O mesmo... pero abriremos un pouco máis as portas ás nosas filias, a fotografía, a arquitectura actual, algunhas cousiñas que se che pasan pola cabeza...
A partir de agora estamos en:

Como, logo existo

Novo deseño (aínda en construción), nova casa (agora, xa, propia), novo proveedor (WordPress)...
En fin, moitos cambios para que todo poida seguir igual.
Mentres non nos redirecionemos todos, e mentres acabamos de pulir o novo espazo, manteremos aberto este recuncho.

Ou, o que é o mesmo, aquilo de falar da feria segundo che foi nela.
Ademais dos tópicos, modas, costumes e outras bagatelas, é o outra das grandes trampas coa que nos atopamos cando se trata de valorar un restaurante: a subxectividade. Abonda unha mínima parvada, un detalle nimio, o aleteo dunha mosca para encumbrar ou botar polo chan a credibilidade dunha casa de comidas.

crucerail

Isto das opinións funciona como as bólas de neve: é suficiente cunha pedriña, unha pequena saída do rail, unha elección equivocada para que a partir de aí o camiño se torza por completo e acabes onde non querias: valorando todo en negativo.
E tamén o contrario.
Un día de sol, a simpatía do persoal, unha especial predisposición poden axudar a limar asperezas e que todo che conduza a unha valoración en positivo na que esqueces as pequenas (ou non tan pequenas) eivas.

A Ponte

Foi así que nesta fin de semana decidimos saír do círculo de preferencias, abrir os ollos a novas refencias e repensar o tema das segundas oportunidades.
E foi así que o domingo acabamos facendo unha magnífica comida, e a moi bo prezo, no Bar O Risón, na Illa.

eltuno

Hoxe luns, para algúns afortunados ponte das Letras Galegas, era o momento de probar o número un dos restaurantes da Illa de Arousa segundo os internautas de Trip Advisor: o restaurante O Tuno.
Previa reserva, alá nos fomos con Maru, Diego e os dous rapaces.

O local, coidado, pero non di moito. Estética clásica, de mesón, con detalles mariñeiros polas paredes. Arredor de dez mesas no comedor interior e a terraza, no paseo do Cantiño, aproveitada ao máximo. Por certo, en hora punta, e a pesar de ser luns, practicamente cartel de completo.
As rapazas que nos atenden, extremadamente amables, próximas, solícitas, cunha preocupación extrema polo benestar dos nenos.

O Tuno A Illa 10

A carta é moi ampla. Baseada no produto do mar, aporta pequenos detalles de diferenza: o paté de mexillón, un salteado de polbo e lagostinos ou ese brazo de xitano de marisco que figura no prato do día de hoxe (primeiro, segundo e sobremesa, 10€). Pero, ademais, unha oferta moi significativa de carnes que van desde o churrasco (tamén un menú do día con churrasco, ensalada e patacas fritidas por 9€) a un chuletón de boi (43€), pasando pola grellada de carne (12€ persoa). Prato combinado por 7€.
Logo, o típico: ameixas (13€), mexillóns (5), pescadiños da ría (5€), pementos de Padrón (4)… Grellada de peixes (12€ persoa), arroces (marisco 15€/p, choco 8€/p, lumbrigante 24€/p), fideuás (ameixas 9€/p, mexillóns 8€/persoa) ou os peixes (rodaballo 18€, espada 15€, robaliza 18€…) preparados a gusto do comensal.

O Tuno A Illa 12 O Tuno A Illa 13

Para entreter, e por conta da casa, o paté de mexillón: realmente rico.

O Tuno A Illa 15 O Tuno A Illa 17

De entrantes tiramos por unha de Polbo á feira, unha de Croquetas de marisco e unha de Luras rebozadas. O único puntiño negro da comida foi o polbo un chisco duro; non moito, pero faltáballe ese punto para poder dicir que estaba perfecto (que si podemos afirmar tanto das croquetas como das luras).

O Tuno A Illa 19 O Tuno A Illa 22
O Tuno A Illa 23 O Tuno A Illa 20

De prato, dúas de Fideuá de ameixas e dúas de Arroz de marisco.
Houbo división de opinións. Quen dixo que o arroz estaba espectacular, fóra de serie, e quen opinou que a realmente fantástica foi a fideuá.
Discusión inútil. Tanto un como a outra simplemente fantásticos. Ao arroz non lle faltaba de nada (cigala, lagostino, navalla, ameixa, mexillón), estaba meloso, no punto exacto e, sobre todo, saborosísimo.
Para min o prato do día foi a fideuá. Cociñada tipo paella (totalmente seca, punto polo que alguén deu o votou ao arroz), a pasta estaba, como poucas veces, ao dente, cunha consistencia moi difícil de lograr. E, por riba de todo, como no arroz, o mellor de todo, un sabor delicioso.
Podo afirmar, e sen moitas dúbidas, que estamos ante o arroz de marisco e a fideuá máis ricos que probei, a día de hoxe, na Illa.

O Tuno A Illa 27 O Tuno A Illa 28O Tuno A Illa 29

Para as sobremesas: unha torta de tres chocolates, o flan de augardente, flan de queixo e xelado.
Non tomamos cafés pero si nos obsequiamos cunha botella de Santiago Ruiz (15€). Ademais, augas e refrescos. Racións moi abundantes; co arroz ou a fideuá para dous comen perfectamente tres persoas (de feito levamos un bo táper de cada para a cea).
E con todo o anterior, pagamos 112€, ou o que é o mesmo, pouco máis dos 22€ por cabeza. Broche perfecto para unha comida fantástica.
Absolutamente recomendable. Creo que vai quedar como o noso preferido cando haxa que homenaxear ás visitas que nos veñen á Illa.

O Tuno
Paseo do Cantiño 21
36626. A Illa de Arousa.
986 527 446
649 17 72 83
GPS: 42.563297N,  8.869087O
Facebook
Cociña. Tradicional. De mar.
Prezo: 10-35€

Estamos de fin de semana na Illa.
Fin de semana relaxado no que pretendemos nin cociñar nin conducir.
Como solución de urxencia boto man de min mesmo e do historial deste blog.
Así, atopo que, despois de xa máis dun lustro, os nosos movementos deambulan por unha especie de sota-cabalo-rei plagado de re-visitas marcadas pola moda e a inercia.

copacubertospost

Desde a primeira aproximación, alá por abril de 2010, de título Comer na Illa de Arousa, os nomes son repetitivos. Que se A Salga, Punta Cabalo, Saratoga … e, como non, a meca da restauración da Illa: pois iso, A Meca.
Salvo algunha incorporación puntual que, aos poucos, pasa a formar parte da elite dos habituais (O Pescador, O Con do Sol, Coco Bao), escasa novidade.

cabe_sidebar

Así que desta, pensando en ampliar horizontes, pregúntolle a TripAdvisor polo que opinan os internautas das opcións para comer en Arousa cun mínimo de garantías. A sorpresa é morrocotuda. Na cabeza, de primeiro, o bar mellor valorado en Trip-Advisor é… o restaurante O Tuno.
Mea culpa.
Fartos de pasar y pasear polo Cantiño apenas tes ollos para A Meca.
O Tuno, un máis; un dos moitos bares que ateigan o paseo portuario de calquera poboación costeira de Galicia. Á sombra dos grandes nomes mediáticos, sen prestarlle maior atención e sen darlle a mínima oportunidade.
Outro tanto, e tamén no Paseo do Cantiño, poderiamos falar de O Risón, quinto en TripAdvisor. (Os outros tres dentro do podio de cinco serían, por esta orde, A Meca, A Salga e Punta Cabalo).

cabeceira

Erro gravísimo para un blog que pretende estar ao día e que ten na Illa de Arousa un dos seus puntos máis quentes.
Erro que podemos achacar á moda, á inercia, ao mito do valor seguro, elementos que, como vemos, poden resultar letais para quen quere e pretende saber o que de verdade se coce.
Erro que había que subsanar e que subsanamos nesta ponte.

O Risón A Illa 02

Para empezar, o domingo, achegámonos ao Risón.
No aspecto material, pouco que dicir: fotocopia de tantos que naceron con pouco máis que a pretensión de bar de viños. Local pequeno, sen estética definida, e una solicitada terraza na beirarrúa estirada ao máximo. O domingo, contra as dúas, xa había que facer cola para conseguir mesa (dentro e fóra).

O Risón A Illa 06

Pedimos unha caña, un Rioxa, e a ver que hai por aí. Mentres, e para abrir boca, obséquianos cunha tapiña dunha ensaladilla-salpicón que sabe a gloria.

O Risón A Illa 08 O Risón A Illa 10

Logo, xa en serio, unha tapa de polbo. Realmente bo. No seu punto de cocción, ben sazonado, non moi picante… Un bo polbo mesmo para o alto nivel que se respira en Arousa.

O Risón A Illa 11 O Risón A Illa 15

De prato, guiso de sargo. Rico, moi rico; na liña desas cataplanas portuguesas que tanto nos gustan: a base do mollo un tomate bastante rebaixado pero nitidamente saboroso. Ademais do peixe e a pataca, navallas e ameixas. Un plato digno de repetir.

O Risón A Illa 16

De sobremesa un moi digno flan de café.
Así, como volo conto, foron 44€, ou, o que é o mesmo, 22€ por cabeza. Contando con que o guiso para dous está nos 30€, os 14 restantes quedan para as bebidas, o polbo, o pan e as sobremesas. Paréceme un prezo moi axustado.

O Risón A Illa 01

A carta é ampla e típica. Polbo (11€), ameixas (12), navallas (12), zamburiñas (14), luras (9€)… E de prato, caldeirada de peixe para dúas persoas (40€), guiso de sargo, de peixe sapo ou de robaliza, para dous, 30€; sargo á prancha (18€), robaliza o linguado na prancha (20€) etc.

Como valoración e orientación final, unha opinión nítida e contundente: a comida no Risón estivo, cando menos, á mesma altura que as últimas que fixemos na Meca.

Bar O Risón
Paseo do Cantiño 11
36626. A Illa de Arousa
GPS: 42.563202N,  8.867823O
610 290 947
Cociña: Tradicional. Cociña do mar.
Prezo: 12-35€

Na última edición da Feria Internacional de Turismo de Madrid (FITUR), a Deputación Provincial de Pontevedra presentou, como un dos motivos centrais da campaña promocional, a Arquitectura contemporánea nas Rías Baixas: espírito creativo.
DipticoDepuProArquitectura
Unha selección de obras e arquitectos que deixaron pegada e se converten nun motivo máis para atraer a visitantes de fóra (e, por que non? tamén de dentro).
Moitas das obras xa pasaron por estas páxinas:
Museo de Pontevedra
Que vergoña!
Museo de Pontevedra. Sexto edificio.
Jesús Ulargui Agurruza e Eduardo Pesquera González
Pazo da Cultura Pontevedra
Cociñando contos
Pazo da cultura.
Manuel de las Casas

Un tesouro agochado na Illa de Arousa 
Casa consistorial e Multiusos.
Manuel Gallego Jorreto.
Concello de Lalín
Un agarimo na Feria do cocido
Casa do concello de Lalín.
Luis Mansilla e Emilio Tuñón.

A Illa de San Simón
Rehabilitación dos espazos da Illa de San Simón.
César Portela.
Centro de saude de Domaio
Gastronomía e Arquitectura
Centro de saúde de Domaio.
Irisarri e Piñera
Departamentos de pescadores no porto de Cangas
Gastronomía e Arquitectura
Departamentos de pescadores no porto de Cangas.
Irisarri e Piñera.
Equipamento do porto de Beluso
Gastronomía e Arquitectura
Equipamento do porto de Beluso.
Irisarri e Piñera
Onte tocounos visitar un deses locais que temos ao alcance da man e que conxugan a perfección gastronomía e arquitectura.
La Ultramar Web 01
Onte comimos en La Ultramar, o espazo gastronómico de Pepe Vieira no Museo de Pontevedra.
La Ultramar 15
En palabras propias, ‘La Ultramar é ante todo unha taberna, de estética desenfadada e cunha cociña de contraste que pasa do bocadillo de luras a, por exemplo, o steak tartar. Tomando o produto local como punto de partida acompañando sempre dunha excelente bodega’.
Pois iso mesmo. Aí van algunhas das creacións de Pepe Vieira para esta Taberna La Ultramar (fotos da propia web do local).
La Ultramar Web 06 La Ultramar Web 08 La Ultramar Web 09
Verduras asadas na chama, con lascas de parmesán e xema de ovo; tomate plastificado con crema untuosa de tetilla, albahaca e vinagreta de flores. Na foto do centro o Sándwich Katz New York con pan de espeleta, queixo de tetilla, pepinillo encurtido e mostaza. Dourada fritida en fariña de garavanzo pomelo.
La Ultramar 17 La Ultramar 18
Pedimos o Ovo fritido do revés, con pataca puré e trufa de verán para compartir de primeiro. O ovo vén encapotado e con pemento por riba. Sabores da infancia. Na miña casa era habitual botar pemento por riba do ovo fritido e, por riba deste, unhas pingas do aceite de fritir o ovo. Moi rico.
La Ultramar 21 La Ultramar 20
De prato, a sartén de croca asada na grella. No seu punto e deliciosa (non apta para amigos da carne sanguenta, aínda que non poñen reparos en pasala máis).
La Ultramar 25 La Ultramar 24 La Ultramar 26
De sobremesa a Tarta Sacher: puro chocolate con confitura de framboesas, Marabilosa. Unha práctica perfecta da teoría da deconstrución na gastronomía moderna.
La Ultramar 27 La Ultramar 28
Bebemos Carmen caña e eu copa de viño da Ribera do Douro e pagamos 23€ cada un. Gustoume. De principio a fin. O local, encadrado pola austeridade da pedra, das arcadas, dos arcos de media punta…, resulta moderno, divertido, acolledor. Na proposta culinaria nótase a man de Pepe Vieira. E agradécese. Son fanático deste cociñeiro e desde onte teño un motivo máis para mantelo no pedestal: a mestría para converter a cociña do Camiño da Serpe nunha proposta divertida e asequible, sen perder a calidade.
Absolutamente recomendable.
La Ultramar 12 La Ultramar 11
La Ultramar Pepe Vieira
Museo Provincial (Edificio Sarmiento)
R Padre Amoedo Carballo, 1-3
36002, Pontevedra
986 857 266
GPS: 42.433270N,  8.642174O
www.laultramar.es
Facebook
Cociña: De contraste. Actual. Divertida.
Prezo: Entre os 2o e os 35€. Entradas sobre os 7-9€; pratos principais 12-15€; sobremesas desde os 3 aos 6€.
Peche: Domingo noite. Luns.