Un dos problemas menores de quen ten moito (incluídos problemas), é que ás veces perde a referencia real da súa riqueza.
Poucas nacións hai no mundo que acumulen tantos tesouros (naturais, culturais, persoais, históricos) como a nosa Galicia.
Así é que, por desgraza pero tamén por lei humana, unha parte importante do noso patrimonio permañece descoñecido para a maioría de nós.
San Simón fica, coma un galeón arrogante, no fondo da ría de Vigo, moi preto da praia e do porto de Cesantes (Redondela), punto de partida inevitable das barquiñas que alí nos poden levar.
O pasado 17 fixemos unha visita a San Simón e Santo Antón cos nosos alumnos de cuarto. Porque San Simón, en realidade son dous, San Simón, o grande, e Santo Antón, unidos por unha ponte de dous ollos que debería estudarse como exemplo de como construír respectando o contorno.
Entre as dúas illas son apenas dous quilómetros cadrados, pero pouquiños casos hai nos que tan pouca superficie poida falar de tanta riqueza e tanta historia.
Non existe constancia material pero non cabe a mínima dúbida de que as illas foron utilizadas xa polos primeiros galegos e por todos os pobos que con posterioridade quixeron colonizarnos.
As primeiras referencias efectivamente constatadas lévannos á Idade Media da man dunha das moitas comunidades de freires dos que, daquela, comezaban a espallarse por medio universo. Franciscanos, Beneditinos, Pascualinos, talvez Templarios, tanto ten! Antes ou despois e ata o século XVIII uns e outros sucedéronse para salvagardar a pervivencia dunha incorruptible fe popular no San Simón.
Mentres, e por tempadas, San Simón foi, hoxe refuxio de corsarios e mañá acubillo para os habitantes da enseada que pretendían protexerse deses mesmos piratas.
Co gallo da guerra de Sucesión, San Simón convértese en testemuña de privilexio da batalla de Rande.
No século XIX pasa ao control do estado e nace o mito do lazareto, en realidade lazareto pero tamén centro de corentena para todas as xentes que chegaban ao porto de Vigo.
Cárcere franquista no final da guerra e nos primeiros anos da postguerra.
Centro de vacacións para a garda persoal de Franco.
Internado para orfos do mar…
En 1997 declárase Ben de interese cultural e decídese a recuperación dos espazos de san Simón e santo Antón a través dun Plan Director que se encarga a César Portela. A partir de aquí, e a través da Fundación, San Simón e Santo Antón son centro de actividades culturais, educativas e de investigación con especial énfase para as relacionadas co medio mariño e a propia historia das Illas, na que a memoria histórica ocupa lugar de preferencia.
A San Simón podes ir, simplemente, a pasear.
A ver amencer, a estudar a flora, a deixarte embeber polos aromas, a coñecer a súa historia na aula de interpretación, a ver esculturas, a rezar a san Simón, a manter viva a memoria, a soñar, a ler desde dentro do escenario no que se desenvolve esa mesma novela que estás a ler…
o miolo