Na pasada ponte fomos comer a un dos locais de moda en Portugal, o DOC.
O DOC está, literalmente, sobre o Douro.
E antes de pasar a contar o que foi unha das comidas do ano, quero render unha pequena homenaxe a esta zona de Portugal que tanto quero e que o ten case todo.
Digamos que Saramago, na súa Viagem a Portugal, viaxando as terras entre Vila Real e Peso da Régua, escribe ficar “uma vez mais pasmado diante dos vinhedos, sem dúbida é esta a oitava maravilha do mundo”.
O Douro viñateiro é paisaxe labrada a pulso pola man do home. O río, os socalcos, as viñas, as oliveiras, as quintas… forman un todo homoxéneo e compacto que eu, personalmente, non me canso de admirar.
Percorrer a EN-222 entre Peso e Pinhão é o máis parecido que coñezo ao paraíso. Claro que posto a comparar ben podo facelo coa viaxe en tren pola beira contraria. Ou co paseo en barco polo medio e medio do río…
O Douro ten todo.
É, sobre todo, paisaxe. En Galafura, na EN222, no São Salvador do Mundo, na estrada que baixa de Alijó a Pinhão, nos Arribes, en Santa Leocádia… En primavera, coas viñas a rebentar, e tamén en outono, ou en decembro, en febreiro, tanto ten, coas amendoiras en flor, os campos sementados de papoulas ou os cumios do Marão tinguidos de branco pola neve…
Ten arte rupestre (Foz Coã) e tamén rabiosamente actual (Santa María de Marco de Canavezes), e ducias de pontes, de igrexiñas románicas, de mosteiros herdados dos monges brancos, de quintas barrocas…
Ten cultura, Torga, Camilo, Araújo Correia, Eça…
Ten devoción, por riba das demais, nos Remedios de Lamego.
Ten Tarouca, Ansiães, Pesqueira, Ucanha…
Adegas de firmas multinacionais e pequenas quintas que venden azeite e vinho directamente do produtor.
Ten a estación de Pinhão, a Casa do Douro, as igrexas de Armamar, as Virxes de Cárquere, a torre de Ferreirim, as ruínas de Salzedas…
E, claro, gastronomía.
E, por riba de todo, o Douro é viño.
Branco, Tinto, Tawny, Rubi, Espumante…
o miolo