o miolo

Na entrada anterior (A voltas con furanchos e loureiros –de novo-) faciamos un breve percorrido pola lexislación que regulou os furanchos en Galicia ata a publicación da Lei 7/2011 de Turismo de Galicia.

En marzo de 2012, e ao abeiro da mancionada lei, a Consellaría da Presidencia presenta o borrador dun novo Decreto polo que se regularían os furanchos da comunidade autónoma de Galicia.
Neste borrador persiste a filosofía de que os furanchos non son ‘establecementos de restauración’ pero si locais que realizan unha actividade de especial ‘interese e atractivo turístico’ e que, polas súas características, precisan dunha regulación específica.
Esta regulación, en esencia, viría a definir o que é un furancho ou loureiro, ditaría normas sobre apertura e funcionamento (cantidade anual de viño que pode vender, período de apertura, concellos nos que, por tradición, se poden abrir furanchos, normas esixibles de hixiene e seguridade… e, especialmente, redactaría de xeito exhaustivo relación de infraccións e sancións correspondentes para os furancheiros máis díscolos.

Furancho de Juan 10

O borrador foi moi protestado tanto por furancheiros como por hostaleiros.
Un punto crítico era aquel no que se facía alusión a un Anexo de Concellos nos que, por tradición, se poderían abrir furanchos. O listado de concellos elaborouse en base aos concellos nos que, de acordo co decreto de 2008, houbo solicitudes de alta de funcionamento de furanchos. (Non esquezamos que daquela houbo numerosos locais que se reconverteron a outras categorías de restauración).
Así, nesta tesitura, concellos clásicos como o considerado ‘fundador’ (Meaño), Ribadumia, Cangas, Meis ou a propia Pontevedra quedaban excluídos para o rexistro de novos furanchos.

Furancho de Juan 12

Seica as críticas foron tan suculentas que houbo un lavado total de cara.
No tema máis sensible da cuestión, o que está no eixo de toda discusión, o acompañamento sólido para o viño, parece ser que hai unha normativa de rango superior (directiva da Comunidade Europea) que, sempre que se manteñan as normas sanitarias e de hixiene, prohibiría prohibir (sempre quixen utilizar esta cacofonía por repetición), si, prohibiría prohibir o que pretendía o borrador de proxecto: que nun furancho se elaborasen alimentos.
Na última proposta, a que está agora enriba da mesa para alegacións, os furanchos pasarían a ser ‘casas particulares’ que ofertarían viño de colleita propia acompañado dunha carta de, como máximo, 5 tapas que se elixirían por concello entre a proposta de 11 da Xunta (táboa de embutidos e queixos, pementos de Padrón, orella-chourizo, zorza-raxo, costela, ovos fritidos, sardiñas ou xureis á braxa, callos, tortilla de patacas, empanada-empanadillas e croquetas de bacallao).
Polo que se sabe, cada furancho só podería abrir tres meses entre xaneiro e xuño, e, en casos extremos e por motivos sanitarios do viño, existiría a posibilidade de prórroga  ata o 31 de xullo.

Furancho de Juan 09

E así andamos, con ese período de funcionamento que marca a Xunta a piques de rematar, un ano máis, e sen unha lexislación clara que regule os loureiros.
Pero iso si, que quede claro, estamos a falar da normativa para furanchos, non de todos aqueles locais que no seu momento naceron como furanchos e, aos poucos e por méritos propios, foron reconvertendo a sona, que non a esencia, a outros modelos de establecementos de restauración.
Hoxe, para as autoridades, son bares… Para moitos de nós seguen a ser o Furancho de Tal ou o Loureiro de Cal.
E mal que lle pese a algúns dos locais da competencia (quizá tería que ter escrito da ‘incompetencia’) son locais legais, cumpren a normativa e manteñen o bo viño, a rica tapa e a prezos que non teñen rival.

Semella unha sorte de marea vermella que afecta aos círculos da restauración galega dun xeito cíclico. (Algo arredor dos furanchos).

Hoxe, coa tempada de furanchos en plena efervescencia, cómpre entrar de novo no miolo da cuestión. Disque a colleita do ano foi considerada como de histórica nas Rías Baixas e o bo viño pide consumidores.

Loureiro 8

E resulta que a cuestión non é nada fácil.
Se nos limitamos á regulación legal dos loureiros vemos que esta sofre os mesmos viavéns que na opinión pública ou no gremio de hostaleiros (ou será ao revés?).
A primeira referencia (aínda que moi, moi indirecta) aos ‘furanchos’ nun texto lexislativo, é na Lei 9/97 de 21 de agosto de ‘ordenación e promoción do turismo en Galicia’. Esta lei definía as diferentes caracterizacións das empresas de restauración (restaurantes, cafetarías e bares); non mencionaba os furanchos pero si abría as portas a definir ‘novos grupos’ e categorías de establecementos de restauranción.

Ao abeiro da Lei 9/97 publícase o Decreto 116/2008 de 8 de maio, que inclúe e regula a normativa que debe cumprir unha nova categoría de establecementos de restauración; e aquí si, aquí ‘furancho’ e ‘loureiro’ reciben primeiras augas legais coa súa incorporación ao DOG. O Decreto céntrase en pór por escrito as características do que vén sendo o modelo tradicional de furancho: local para vender excedentes de viño caseiro, non embotellado, que non se pode acompañar con ningún tipo de alimento elaborado no propio local. Os furanchos, para poder abrir, deberían rexistrarse e cumprir os lóxicos requisitos sanitarios.

O 27 de outubro de 2011 ábrese un novo capítulo coa aprobación da Lei 7/2011 de Turismo de Galicia que chegaba para derogar e substituír a todos os regulamentos anteriores en materia de turismo. Nesta lei, e como por arte de birlibirloque, o modelo de local denominado ‘furancho’ pasa, de novo, ao limbo das inxustizas; agora os establecementos de restauración recoñecidos en Galicia volven a ser, unicamente, as cafetarías, os restaurantes e os bares. 
A lei, na súa declaración de intencións, entende que os furanchos non son ‘locais de restauración’ e polo tanto non deben ter presenza nunha norma que regula o turismo en Galicia. Para poder continuar coa súa actividade os locais denominados furanchos ou loureiros deberían reconverterse a algunha das tres categorías establecidas.

taberna do carril

Tiña moitas referencias desta taberna, en especial doutros blogueiros.

Taberna do Carril 02

E todas boas, na mesma liña, todas fan referencia a un lugar para comer marisco de primeira a prezos asequibles; non regalado, que as milagres pouco teñen que ver coa realidade do prezo do marisco, pero si para darse un gusto de cando en vez.

Taberna do Carril 04 Taberna do Carril 11

O local é típico, de taberna actualizada non hai moito tempo. Limpo e curioso. Quedo prendado dunha colección de fotografías que colgan da madeira da que están revestidas as paredes.
Carta recitada con presenza dominante do mar.
Pedimos un combinado de marisco para catro.

Taberna do Carril 06

Percebes (acabados de cocer), cigalas, camaróns e centola.

Taberna do Carril 05 Taberna do Carril 08

Os catro, sen diferenzas, perfectos.
Frescos, no seu punto de cocción e sal, saborosísimos, os catros, non sei a cal dedicar as máis ferventes loubanzas.

Peixes variados con preferenza para as preparacións á prancha e ensalada de gornición. Pedimos dúas de pixín para os catro. Mantén o altísimo nivel.

Taberna do Carril 09

Sobremesas variadas entre as caseiras e unha boa carta de xeados máis elaborados. Tiramos polos xeados.
Carta de viños curta pero suficiente; bebemos unha botella de Laxas e auga.
Café de pota e gotas.
Servizo acorde coa liña do local. O comedor, de tamaño medio, hai un momento no que está practicamente ao cen por cen de ocupación (sábado ao mediodía), pero non hai demoras salientables.

Taberna do Carril 10

Pagamos algo menos de 45€ por cabeza, prezo que consideramos bastante máis que razoable.
Coas matizacións feitas, absolutamente recomendable.

A Taberna do Carril
(O Farturas)
Rúa A Xalda 3, Carril.
(36619) Vilagarcía de Arousa.
Tlfno: 986 507 876
GPS: 42.614088N  08.773089W
Localización en Mapas de Google.