o miolo

restaurante nixon. a estrada

Achegámonos a Lalín para coñecer a nova casa do Concello, obra de Tuñón e Mansilla. Espectacular. Moi bonito. Disque está inspirado nun poboado celta e todo nel é harmonía. Do mellor en moito tempo en Galicia.

P1080030     P1080038

Visitamos, ademais, Avilés (o Niemeyer pechado), a remodelación de Pasarón, un egocéntrico e infrautilizado edificio de Calatrava no centro de Oviedo (pechado), o faraónico (para maior gloria do faraón) Gaiás…

IMG_1140
P1080117

Pregúntome ata que punto a neurose por perseguir o ‘efecto Guggenheim-Bilbao’ axudou a meternos no pozo. Do que non teño dúbida é de que a ‘burbulla do deseño’ haberemos de pagala todos os españoliños de a pé durante os próximos lustros.
Non hai xeito de esixir responsabilidades?
Non existe o delicto de pésima xestión de fondos públicos?
Non está catalogada no código a utilización de fondos públicos e o endebedamento salvaxe das administracións en obras destinadas á maior gloria do faraón? ou dun rácano voto para o seu partido político?

P1080102

Menos mal que a comida en Nixon axudou a dixerir os malos pensamentos.
Nixon é un valor seguro que se mantén aí desde hai moitos, moitos anos, creo lembrar que desde o 75 do pasado século. 
Sempre dixen que algún día comería en Nixon a base de entrantes e sobremesas… Nixon arrisca nos entrantes e sobremesas e amósase bastante máis tradicional nos pratos fortes. As miñas pretensións quedan para outra ocasión, o salmón e as míticas carnes tiran con demasiada forza.

nixon

Sen grandes pretensións (local algo abigarrado, servizo bastante xusto) a experiencia de comer en Nixon vai estar sempre centrada na propia comida.
Nixon, por dereito propio, ocupa un lugar preferente na historia da restauranción pública en Galicia (Xantares).

Restaurante Nixon 06 Restaurante Nixon 07

Restaurante Nixon 09

Restaurante Nixon 12

Sen ser o de degustación, tiramos por un menú centrado no salmón: o crocante, as croquetas, o salmón con cinco salsas, a brocheta de salmón e vieira sobre risotto…
Se algo teño que dicir é que comer en Nixon non se presta ao sobresalto; non hai lugar para as sorpresas, a decepción non existe. Sabes ao que vas e sempre, sempre vai estar á altura das circunstancias.
Sexa na croqueta (suntuosa e intensa), no risotto (cremoso, suave, saboroso), ou no punto de cocción do salmón, cada bocado dá exactamente o que esperas del.

Restaurante Nixon 13 Restaurante Nixon 15

As sobremesas son míticas e paga a pena deixar un oco mesmo para un par delas.

Superada a primeira impresión, que pode botar para atrás ao máis pintado (nome inomeable, fachada anodina, entrada a través do bar), estamos ante un clásico absolutamente recomendable, digno de volver, de repetir unha e outra vez.

Restaurante Nixon
Avda. de Ponteareas 14
A Estrada. 36680
Teléfono: 986570261 / 986571353
GPS: 42° 41' 23.00"N   8° 29' 9.48"W
Localización en Mapas de Google
Michelín: Mencionado
Repsol: Destacado
TripAdvisor: Número 1 en A Estrada (1 voto)

as estrelas michelín non pinchan

Semella está a ser motivo de reflexión na escaseza informativa (!?) deste agosto.
Se o pasado 6 escribía de como ‘Os chefs deben adaptarse á crise ou morrer’, titular que foi do The New York Times de 23 de xullo, onte 26 de agosto, era El País quen nas súas páxinas dominicais dedicadas aos Negocios presentaba unha reportaxe sobre o tema que deu en titular ‘As estrelas Michelín non pinchan’.

elpais

Malia diferenza de enfoque dos titulares, Miguel Ángel García Vega mantén unha tese semellante á formulada polo NYTimes: os grandes nomes da gastronomía española están a capear a crise aínda que moitos deles, para conseguilo, deben diversificar a súa actividade.
Logo está a letra pequena, os matices: a ocupación dos grandes restaurantes mantense grazas á clientela estranxeira; desde o seu máximo en 2008 (232.000), 12.000 locais de restauranción ‘populares’ (‘bares, restaurantes e locais de copas’) houberon de pechar por mor da crise, volvendo así a niveis anteriores a 1999; e a caída libre continúa.
Andoni Luis Aduriz afirma que a caída de facturación nos restaurantes do seu grupo, fóra o mascarón de proa, o Mugaritz, vai polo 30%.

estrelamichelin

A reportaxe de El País céntrase nos restaurantes con tres estrelas Michelín.
E cuantifica no 80% a porcentaxe de ocupación por parte de clientes estranxeiros, e analiza, un por un, os xeitos de diversificación profesional que adoptaron os Arzak, Berasategui, Subijana, Ruscalleda, Roca, Aduriz ou Arola para adecuarse á crise.
Locais de tapas, espazos para celebracións, restaurantes no estranxeiro… e, sobre todo, o asesoramento, en especial para os restaurantes de cadenas hosteleiras.

CasaFermin 

Casa Fermín. Oviedo

Non posúe ningunha estrela vermella, pero si dous soles Repsol, e tamén o recoñecemento maioritario da crítica nacional (leo no blog de Carlos Mariona en ABC unha crítica na que xustamente se queixa do xeito de ‘ningunear’ a este tipo de establecementos (en concreto esta Casa Fermín de Oviedo) por parte do cuase-monopolio Michelín.

IMG_1220

Estivemos en Casa Fermín un venres de agosto pola noite. Oviedo estaba exultante, moreas de xentes locais e moito turista nas terrazas de tardiña, a maioría dos restaurantes recomendados pechados… Deixámonos orientar polo TripAdvisor…
O nivel de ocupación de Casa Fermín era medio-baixo, digamos sete ou oito mesas a maioría con dúas persoas; todas, e repito, todas as mesas agás a nosa eran de estranxeiros… e para iso na nosa era Alfonso quen pagaba (lembro, en dólares).

IMG_1223 IMG_1227 IMG_1230

Unha mágoa, porque a cea resultou especial.
Local coidado, actualizado con criterio nunha historia que vén desde 1924, transmitindo sensacións de confortabilidade e acollemento; servizo no punto exacto, correcto pero asequible; carta baseada no produto e nun logrado equilibrio entre innovación e tradición. 
Sopa fría de tomate con xelado de aceite de oliva virxe extra (deliciosa delicadeza da casa), As anchoas especiais do Cantábrico con crema de queixo Afuega’l pitu, Sardiña en escabeche con guacamole e aceite de oliva Daura. As sardiñas, simplemente excepcionais.

IMG_1234 IMG_1239

As cocochas de pescada en salsa verde (unha para os dous) moi ricas.
O chocolate xelado con sopa de iogurt e froitas, no que coincidimos de sobremesa, recupera o nivel que raia na perfección.
Ceamos con cava, un Brut Nature Gran Reserva de Privat (Opus Evolutium) e a conta foise a algo máis dos 60 euros cada un.
Totalmente recomendable. Para repetir.

Casa Fermín
Luis Alberto Martínez
San Francisco 8
Oviedo (33003)
Tlfn: 985 216 452 / 985 216 497
E-Electrónico
Web
GPS: 43° 21' 43.06"N,  5° 50' 49.48"W
Localización en Mapas de Google 
Repsol: 2 soles
Michelín: Mencionado
Verema: 7,2 (10 opinións)
Tripadvisor: Lugar 7 (214) de Oviedo en base a 39 opinións.

tripadvisor

Persoalmente non teño a menor dúbida de que as mellores recomendacións de restaurantes chegan sempre de persoas que pensan e senten próximas a ti.
No momento que dispoñamos dun lugar minimamente fiable en Internet no que consultar a opinión doutros usuarios arredor dun restaurante, as guías tradicionais perderan gran parte do seu valor. 

booking trivago

Así como nos hoteis o modelo está perfectamente asentado (habitualmente utilizo Trivago ou Booking, leo opinións que me axudan a decidir en función das circunstancias concretas, normalmente o acerto é pleno), os sitios de valoración de restaurantes por parte dos usuarios aínda son minoritarios e polo tanto distan moito de ofrecer unha utilidade real.
O contraste brillará con luz propia. Numerosas valoracións en vez dunha soa; interese por informar e compartir fronte ao vender; opinións máis pegadas á realidade e non tanto ao elitismo, ás influenzas, á moda, etc. E, por riba de todo, un modelo claramente democrático fronte a outro, digamos, velada ou abertamente dictatorial e sempre con intereses económicos.

atrapaloguiadelocioveremaviamichelin

Houbo e hai intentos.
Quen máis quen menos, todas as páxinas con algún tipo de relación coa crítica de restaurantes inclúen unha sección para que sexan os propios usuarios quen comentan e puntúan os locais.
Clásicos do lecer xeral, con moderado éxito, como atrapalo ou guiadelocio, apenas teñen unha opinión por local (de Casa Solla, por exemplo, Atrápalo ten 1 voto e na Guía del ocio nin está).
Dous casos de páxinas máis específicas: a vermella, na súa versión online, ViaMichelín, tampouco ten moito éxito coa participación dos usuarios (Solla, 2 votos).
Pola contra, algunha vez utilicei como referente Verema, está un par de chanzos por riba das anteriores, pero non máis (Casa Solla: 9 críticas de usuarios).

zagat

Estamos a anos luz de Zagat.
En Estados Unidos é o referente, superando claramente á Guía Michelín en fidelidade e fiabilidade. Non é difícil atopar restaurantes que pasan das mil ‘revisións’.
Zagat está empezando a entrar España, polo de agora, a través de Madrid e Barcelona. Collidos ao chou, Zalacaín xa conta con máis de 70 opinións, Santceloni, 48, e La Terraza del Casino pasa das 35.

TripAdvisor

Atopo con sorpresa que Tripadvisor empeza a destacar sobre os competidores no nivel partipación dos usuarios; trátase, aínda, de números modestos, pero xa me parecen significativos: entre as valoracións cuantitativas (ranking por cidades) e a lectura das reseñas, xa podemos facernos unha idea bastante aproximada e tamén elixir restaurante con bastantes posibilidades de éxito.
Seguindo co exemplo de Casa Solla, a día de hoxe podemos ler 31 opinións e valoracións de usuarios.

No caso de Tripadvisor, especialmente na consulta, vese favorecido polas súas apps, tanto para Apple como para Android e outros sistemas operativos, diferenciando a utilidade destinada a teléfono da de tableta.

Nunha próxima entrega veremos polo miúdo como e de onde saen as opinións dos usuarios de TripAdvisor para así ter máis referencias para a súa interpretación.

dúas novidades e unha confirmación

Coa que está a caer, os furanchos convértense nunha magnífica alternativa nas tardiñas deste atípico verán que estamos a sufrir.
Ollo!, unha vez máis debo deixar constancia de que non debemos falar barato e meter a zoca cando falamos de furanchos (ver Furancho ou Café-Bar).

Loureiro de Angel 02

Nas últimas semanas visitamos case todos os reincidentes; desde O Lourancho ata o de Juan; no medio, a maioría dos nosos clásicos no Salnés (Quintela, Gardenia ou Casa Enrique, por citar algúns dos de Covas).
Nestas últimas semanas, e con diferentes compañas, temos coñecido dous novos furanchos-café-bar: A roda, en pleno meollo de Cobas, e A de Pastora, en Simes, Meaño. Ademais, e entre os recuncados, quero facer unha mención particular a O furancho de Ángel.

Furancho A Roda 02   Furancho A Roda 05

A Roda está en pleno corazón de Cobas, no punto de máxima densidade de furanchos. A oferta é a común: tortilla, lombo, rinchada, etc.; cómpre destacar que o pincho para acompañar o viño era unha bacaladiña rebozada realmente boa.

Loureiro A de Pastora 01   Loureiro A de Pastora 05

Pastora é un clásico dos furanchos. Chegamos a el da man do gourmet Carlos Núñez e xa fomos un día a comer e outro á típica merenda-cea de verán. Nos dous casos moi ben; moi recomendable. Ademais da oferta obrigada modelo furancho (ampla e saborosa, con, por exemplo, os ovos fritidos con patacas e chourizo) sempre ten un prato forte a maiores; o día da comida un delicioso cordeiro estufado; normalmente contan con sobremesa caseira variada e nos viños, e a maiores dos da zona, ofrecen un Amandi.
Pastora é unha muller acolledora e entrañable; paga a pena achegarse onda ela e tirarlle un pouco da lingua.

Loureiro de Angel 00   Loureiro de Angel 15

O de Ángel é un dos máis atípicos dos furanchos. Na súa reconversión habilitou un auténtico café-bar no piso superior, unha especie de saliña de estar para as cervexas previas e os cafés e copas posteriores. A cociña, apenas fóra da oferta dominante, é excelente, das mellores que coñezo; a destacar a tortilla; e outro dos distintivos da casa: as sobremesas; son famosas as caniñas e desta probamos unha mousse de albariño que estaba de rechupete. Salientar que eramos cinco adultos e pagamos 36 euros: viño branco, gasosa, un refresco, tortilla grande, zorza e catro sobremesas.

Furancho A Roda
Aldea de Abaixo
Cobas
36968. Meaño
Teléfono:
Localización en Mapas de Google
GPS:  42°28'44.15"N   8°46'40.14"W.

Furancho de Ángel
Aldea de Abaixo 9
Cobas
36968. Meaño
Tlfno: 986 747 162
Móbil: 670 518 577
Localización en Mapas de Google
GPS: 42°28'44.12"N  8°46'35.65"W

A de Pastora
Simes
36969. Meaño
Localización en Mapas de Google
GPS: 42° 26' 3.67"N,  8° 45' 57.53"W

Chega á miña cazola unha reportaxe do NY Times con este suxestivo título: Chefs in Spain Must Adapt to Economic Crisis or Fail.

newyorktimes

O artigo toma como punto de partida dúas premisas incuestionables: por unha banda que ‘España pode ser venerada como a cuna da gastronomía chic (ou cociña de vangarda)’, cunha gran oferta de cociñeiros e locais, e, por outra, que a crise económica está a golpearnos dun xeito especialmente virulento.


Pai 2009 Yayo Daporta 11

A continuación pasa a inferir a consecuencia lóxica da suma de ambas realidades: a crise está a ter unha repercusión sen precedentes na alta restauración española; para ilustrar esta realidade enumera unha importante lista de consecuencias reais e directas da crise nos restaurantes.
Logo, a conclusión final está clara e non é outra que a propia cabeceira do artigo: renovarse ou morrer.

R Pedro Roca Menu Postre 2

O periódico pon voz a varios restauradores no senso de que o cliente come menos, bebe menos e traslada moitas das súas celebracións á casa, e, claro, isto repercute dolorosamente nos restaurantes: son moitos os locais que houberon de desenchufar os fogóns nos tres últimos anos, locais de toda a xeografía española e de todas as posibles ofertas e categorías.
Ademais do bar da esquina do barrio de cada quen, hai casos de locais paradigmáticos que hoxe xa son historia (o Club 21 ou o Nodo en Madrid, o Ca’ Sento en Valencia, o Evo de Barcelona, etc, etc, etc.).

Restaurante Alborada 27

No lado positivo, na fenda á esperanza, están as medidas polas que segundo o periódico moitos restauradores optaron para adaptarse a crise:
Remodelación de locais e menús para transformalos en máis informais (e baratos).
Renunciar a estrelas Michelín para rebaixar expectativas, esixencias e prezos.
Entrar no mundo dos pintxos e das tapas.
Entrar no mundo da comida rápida de cualidade.
Dividir os locais diversificando a oferta. 
Reducir o volume das racións para reducir prezos.
Abrir a oferta sen limitarse a artigos e produtos exclusivos.
Incluír a posibilidade do descorche sen custo ou a prezos moi reducidos.
Campañas promocionadas polas autoridades locais ou rexionais.
Ofertar menús que se achegan ao modelo clásico e popular de ‘menú do día’.
E outras moitas que seguro hai por aí pero non son analizadas na reportaxe.


Agora que estou a piques de pechar esta entrada, semella bo momento para unha mínima aportación persoal. Tentando fuxir de dogmatismos, preconceptos e outros condimentos velenosos para toda reflexión, vou limitarme a lanzar ao aire un par de dúbidas que me pasan pola cabeza. E que sexa o aire quen as leve alí onde haxa un alguén que as queira ter en conta.
Ata que punto podemos falar do boom da gastronomía española nun senso próximo ao de ‘burbulla’?
Podemos ‘soportar’ a enorme e crecente oferta de locais de restauración que se disparan a prezos superiores (e as veces moi superiores) aos cincuenta ou sesenta euros por comensal?
Non sería necesario un proceso darwiniano de ‘selección natural’ que devolvese a auga das ofertas e prezos ao seu leito?
Será ese momento a actual crise?
Un adianto persoal á reflexión: eu pagaría calquera prezo por un Van Gogh, Van Gogh só houbo un en toda historia, non foron precisamente os críticos os que elevaron a figura de Van Gogh á altura artística que hoxe ten.