o miolo

pequenos bocados para unha gran comida

Pronto haberá tres anos desde que publicamos aquel estudo sobre Comer no norte de Portugal segundo as guías (agosto de 2010).
Tres anos pode ser un mundo no tocante aos gustos e modas.
O restaurante do norte de Portugal que posiblemente ocuparía o primeiro lugar a día de hoxe, o restaurante do Yeatman Hotel, daquela nin existía.

Restaurante Bocados 01

Despois de sacar á luz o ranking elaborei o meu propio listado de restaurantes con alta presenza en guías gastronómicas marcados coa urxencia dunha pronta visita.
Non eran moitos. Se acaso tres ou cinco. Pero tiña que coñecelos xa.
Así 'caeron' dous hoxe imprescindibles, o Ferrugem e o Flor de Sal.
O terceiro en prioridade, do que cada vez escoitaba máis e máis referencias, era o restaurante Bocados, de Ponte de Lima, unha opción moi atractiva, pero de connotacións propias e, como veremos, moi particulares.

 Restaurante Bocados 15

Tentámolo dúas veces e ata hoxe non o conseguimos.
Si, esta é a primeira característica do Bocados: é imprescindible reservar.
Eramos seis (nós, Pepe, Luz, Merce e Luis) e viñamos de pasar a noite de São Joaninho en Porto.
Non vaias por alí 'a ver que pasa' porque resultará inútil e só acumularás decepcións; nós tentámolo ata en dous ocasións (dous sábados ao mediodía) e en ambos casos saímos co rabo entre as pernas pois non estaba nin aberto.

Restaurante Bocados 03Restaurante Bocados 04 

Segundo aspecto a ter en conta. O Bocados non ten carta. Desde o momento que reservas, ponse en marcha toda unha maquinaria para seleccionar o feixe de produtos de tempada que a cociñeira, e dependendo das motivación desa mañá, preparará en forma dos seus bocados do día.

 Restaurante Bocados 11Restaurante Bocados 08

Terceiro punto a destacar. O menú é atípico.
Non se trata do habitual esquema entrante-prato-sobremesa. Non. O modelo está formado por un número variable de entrantes en racións pequenas ('bocados'), un prato principal e sobemesa.
Hoxe a nos tocounos un menú de seis entrantes, dous pratos fortes e a sobremesa.

 Restaurante Bocados 13

E catro. Cando visites o Bocados tómao con calma. Sabes a hora de entrada pero descoñeces por completo a hora na que vas saír.
O mencionado esquema de comida, o local pequeno e moi agradable (algo así como o salón da familia na casa na que ti es un convidado), o contorno (estamos no rural de Ponte de Lima cun fermoso xardín arredor, o reloxo, aquí, é secundario)... e por riba de todo a calor, a entrega, a proximidade, a palabra fácil e documentada de José António, o propietario.

Restaurante Bocados 14 

A filosofía de José António Cunha e da súa muller, María Palmira Fonseca, ao mando dos fogóns, era a de ofrecer aos seus clientes un longo paseo pola gastronomía minhota a base de 'bocados' que permitisen alongar a andaina a base de pequenos pasos.
Cociña tradicional portuguesa con algún retrinco a un modelo de elaboracións máis actuais e evolucionados.

Murcelo 2008 01 Murcelo 2008 02

En Bocados recalan políticos, banqueiros e os veciños do pobo.
José António ten para cada caso o viño máis axeitado. Non en van, a súa adega ten sona e mesmo garda algunha que outra distinción. Ao final deixámonos enganar e comemos cun máis que recomendable Murzelo 2008, un 'reserva' do Douro que resulta doblemente fantástico: polo viño en si e polo prezo.

Bocados_Folhado
O primeiro bocado é un Folhado de queijo de cabra com compota de vinhão.

Bocados_Salmon
Segundo bocado: Salmão fumado com salada fresca e azeite e vinagre balsámico.

Bocados_esparragosBocados_espargos
Terceiro: Espargo fresco com pa de porco fumada e maionese.

Bocados_cogumelos
Cuarto: Cogumelos salteados con toucinho fumado.

Bocados_rojoes
Quinto bocado: Rojões.

Bocados_lingua
Sexto: Língua de vitela com favas tenras.

Bocados_bacallao
Primeiro prato: Caldeirada de bacalhau/Bacalhau á galega.

Bocados_porco
Segundo prato: Carne de porco confitada en vinho verde tinto.

bocados_sobremesa
Sobremesa: Bolo de coco com canela e doce de cerejas.

Xa vedes, unha comida pantagruélica, nun local especialmente agradable, co servizo próximo, afable, falangueiro, case familiar de José António... Valores que converten ao Bocados nun local diferente e case máxico.
Cada quen ten os seus gustos e haberá quen lle faría ascos á lingua, ou quen diría que o bacallao estaba un pouco forte ou salgado (por certo, 'caldeirada de bacalhau', acláranos o patrón, no centro e no sur, aquí no norte dicímoslle 'bacalhau á galega'; por aquilo de estar preparado nunha especie de allada, digo eu).
Todos os pratos nunha liña moi homoxénea, a que defende a parella propietaria nos seus presupostos: cociña tradicional portuguesa, con produtos de mercado e boa elaboración, sen estridencias nin altibaixos; difícil destacar un prato, por arriba ou por abaixo. De ter que facelo, apostaría pola exquisitez dos bocados de salmón e ensalada e pola textura, polo sabor, pola tenrura, pola perfección da carne de porco confitada. No extremo contrario, e tamén obrigado polas circunstancias, apuntaría o bacallao, e neste caso por comparación, digamos, co orixinal galego.

Restaurante Bocados 18Restaurante Bocados 10

Nestas ocasión é un luxo engadido contar cos comentarios de Pepe. A súa memoria de aromas e sabores está moito máis estimulada que a de calquera de nós. Fainos ver, por exemplo, a homoxeneidade do follado, en especial o regustiño a 'adega' que queda na boca despois de chuchar na compota e o contraste extremo co queixo de cabra. Tamén destaca a preparación e resutado final das fabiñas. Defínenos, un por un, a especie e valor de cada cogumelo...

Experiencia excelente, sen fisuras, claramente para repetir. Pode resultar especialmente agradable en grupo. E non esquezades as premisas: reservar, ir ao que se lle ocorra a María Palmira nese día, e calma, moita calma para gozar de cada un dos bocados que, xuntos, forman unha gran comida.

Bocados Restaurante Bistró
María Palmira Fonseca Lima Pereira
 
Lugar de Carreiros, Arca.
4990-207 Ponte de Lima
Tfn: 351 258 942 501
E-Electrónico
Web
GPS: 41° 45' 50.10"N   8° 33' 50.94"W
Localización en Mapas de Google
Revista Wine
Boa Cama Boa Mesa
Restaurantes de Portugal-José Silva: Destacado (Net-Menú)
TripAdvisor: Nº 3 de 23 restaurantes en Ponte de Lima

Onte non entraba nos nosos plans comer fóra. De aí que non levaba cámara e teño que 'roubar' un par de imaxes do propio local.
Tiñamos un par de recados que facer polo mundo adiante e o tempo botóusenos enriba. Pillounos no centro comercial A Laxe e lembramos que hai un par de locais con credenciais para unha comida rápida.

napolitana

A Pizzería Napolitana naceu, alá por 2004, nun localiño nos arredores da Miñoca. Grazas á fantástica relación calidade-prezo comezou a coller moito pulo tanto para comer alí como para levar para casa (lembro que ademais das pizzas se falaba do polo asado con patacas para levar).
Pronto, 2007, o local foi insuficiente e houberon de cambiar a outro próximo pero máis adecuado ás necesidades (rúa do fotógrafo Ángel Llanos, 12).
Por fin, en 2012, e sen renunciar ao local do centro, colleron un espazo bastante xeitoso no centro comercial A Laxe.

napolitana_vistas

Hoxe sábado, 14.30, o local está a tope, pero atopamos a mesa que vedes, coas vistas que tamén tendes diante.
A carta é enorme. Sabemos que teñen unha sona especial as pizzas (á pedra) e as ensaladas; nun caso coma noutro, as variedades son case infinitas, suficientes para perderte e ter que facer verdadeiros esforzos para atoparte de novo. Pero, ademais, están as pastas, de elaboración propia, en variedades, tanto de pastas como de preparacións, que superan ás pizzas. As empanadillas de recheos case imposibles son outra das estrelas. Tamén teñen sona as sobremesas, sobre todo os xeados que eles mesmos elaboran.

pizzaxeados

Pedimos dúas cañas e mentres esperamos traen unhas cunquiñas cunha proba de ensalada de pastas variadas adozadas cunha maionesa de bonito moi lixeira. Rica, moi, moi rica.
Coincidimos na preparación (catro queixos) pero Carmen para unha lasagna e eu para uns espaguetis. Nos dous casos o resultado é espectacular. A racións son enormes e, con esta preparación tan contundente, corres o risco de que cheguen a empapuzar un pouco; hai que saber parar a tempo. En concreto a lasaña tería sido suficiente para comer os dous sen reparos, pero iso si, deixando un oco para a sobremesa.
Pagamos 12€ cada un. As pizzas son de tres tamaños a prezos moi asequibles; tamén por ración a 1,5€. As pastas andan entre os 9 e os 10€, pero xa vos digo, en racións familiares.
O beneficio, como está a universalizarse cada vez máis, está nas bebidas. As cañas saen por 2,4€ cada unha.
Claro que vamos agoniados pola carteira, sempre nos queda a auga...

Pizzerías Napolitana
Ángel Llanos, 12
Vigo. 36209
Tlfno: 986 247 245
Centro Comercial A Laxe
2º Andar, Local 5 
Tlfno: 986 126 632
Vigo. 36208
E-Electrónico
Web
Localización en Mapas de Google

o rexurdir da ave fénix

Na mitoloxía exipcia, a Ave Fénix representaba unha das encarnacións do deus Ra, o deus Sol, o máis grande, o que brilla por riba dos demais.
A Ave Fénix alude ao mito da vida eterna, presente en numerosas culturas. Segundo á cultura mitolóxica, é quen de autoinmolarse no lume que ela mesma provoca para renacer, máis grande, máis fermosa, máis poderosa se cabe, das propias cinzas.

fenixra

Os seguidores deste blog coñecedes a miña especial predileción por Toñi Vicente.
Teño afirmado (Unha comida memorable) que, xunto co Grupo Nove e Sergi Arola, forma as tres patas que marcaron o meu devir como afeccionado á boa mesa.
Vale, Toñi Vicente cometeu un erro, pero xa pagou o seu prezo, coa xustiza e coa sociedade; neste caso, aínda segue a pagar un prezo desproporcionado.
Creo que xa é tempo de enterrar o pasado e dar a Toñi Vicente a oportunidade que, por traxectoria, polo que arriscou no seu momento, polo que significou para a moderna gastronomía galega... por méritos propios, merece.

Restaurante Toñi Vicente 02

Coñezo en primeira persoa toda a súa traxectoria pública de restauración. Desde o Síbaris ata este último proxecto ('Toñi Vicente') que pecha un círculo vital e marca o seu regreso a Vigo.
No medio, o local en Compostela, o Laurel de Noalla (Toñi Vicente e Toñi Vicente II), o Laurel do porto de san Adrián de Cobres (Laurel).

Restaurante Toñi Vicente 01
Restaurante Toñi Vicente 03
Restaurante Toñi Vicente 04

Tocaba, pois, pechar tamén o meu círculo e coñecer o novo proxecto de Toñi Vicente en Vigo, na avenida de Atlántida, nos locais dun clásico como foi o Posto Piloto de Alcabre.

Restaurante Toñi Vicente 05Restaurante Toñi Vicente 06

O acceso é a través do reducido espazo da vinoteca-tapería; suficiente e coqueto. Viños, táboas (do mar e da terra) e variedade de racións.

Restaurante Toñi Vicente 15Restaurante Toñi Vicente 14Restaurante Toñi Vicente 13

A continuación pasamos ao comedor principal (ten outros privados, para grupos).
Hei de recoñecer que, a priori, tiña serias dúbidas sobre o xeito de adaptar o vello e gran comedor do Puesto Piloto á estética e idiosincrasia 'Toñi Vicente'.
O local non quedou mal. Amplo, aberto, luminoso, agradable..., pero fáltalle algo; en realidade non sei se falta ou sobra pero non o atopo totalmente redondo. Malia todo cumpre sobrado a súa función.

Restaurante Toñi Vicente 16

A carta, ampla, resulta da fusión dalgunhas das ofertas tradicionais das últimas etapas (a empanada, as croquetas, os peixes á prancha ou á galega, o san Jacobo...), coa recuperación de parte das creacións que levaron a Toñi Vicente a ser a primeira cociñeira galega con estrela Michelín, ou a única (ampliable ao masculino) con dous restaurantes 'estrela Michelín' simultaneamente (as marinadas, os carpaccios, a pescada en emulsión de limón e infusión de pemento verde, o solombo de tenreira á prancha, con mollo de pementa verde ou de queixo de Cabrales, coa súa gornición.
Ofrece, ademais, un menú 'de empresa' (entrante, prato, sobremesa, bebida e café) de 18€, e o clásico menú de degustación de 40€.
Para os máis nostálxicos, os xoves callos e os domingos cocido.
E, xa por fin, periodicamente e por tempo limitado, menús temáticos (Xornadas de Río, Menú de Primavera...)

Restaurante Toñi Vicente 10 Restaurante Toñi Vicente 18

Lembrando que debemos a Toñi Vicente a nosa paixón pola delicatesen do fígado de parrulo (en especial Carmen; probou moitos e con moitas medallas e segue a ter como referencia o primeiro), e aproveitando que xusto mañá rematan unhas Xornadas do Parrulo, apuntámonos a este menú.
Vén precedido do saúdo da cociñeira en forma dun delicioso gazpacho.

Restaurante Toñi Vicente 20Restaurante Toñi Vicente 19
 

O menú, como non podía ser menos, abre cun Foie gras de parrulo (mi-cuit), tostas e redución de modena. Non por sabida nin sinxela deixamos de aprezar un bocado que chega ao delicioso cando é auténtico.

Restaurante Toñi Vicente 21Restaurante Toñi Vicente 23

Raviolis de foie de parrulo, crocante de verduras no seu propio mollo. Combinación suave e equilibrada, moi rica, cun leve aire aos canelones pero connotacións propias grazas as verduriñas salteadas e o mollo. Entra ás mil marabillas.

Restaurante Toñi Vicente 24

Coa terceira etapa chega o sumun, o punto álxido da comida, o clímax, o Escalope de foie de parrulo sobre torrada (con medio figo braseado). A 'Torrada da miña nai' é un clásico, un valor seguro, un dos selos imperecedeiros de Toñi Vicente; se por riba lle metes o fígado de parrulo tratado por unha das mans que demostraron facelo mellor entre todas as que coñecemos, o resultado non admite comentarios. Só deixarse levar polos sabores, polas texturas, polos contrastes...

Restaurante Toñi Vicente 26

A previsibilidade do prato forte tampouco desmerece o resultado, Magret de parrulo en redución de viño tinto (con pataca, mazá, cogumelo e cebola caramelizada).
Estamos ante outro valor seguro; ademais de axustar os sabores e as súas mesturas, o maigret non precisa máis que unha boa técnica para levalo ao seu punto exacto, e técnica é o que lle sobra á Gran dama da restauración galega. Soberbio.

Restaurante Toñi Vicente 27

Xelado de yuzu e froitos do bosque.
Teño que buscar na Larouse que é isto do 'yuzu' e atopo que é un cítrico procedente de Xapón, de feitura semellante á mandarina, con algo máis de acidez, que, grazas ao pulo que lle están a dar os grandes cociñeiros, empeza a adaptarse á produción en clima e solo mediterráneos.
Toñi Vicente é unha artista na elaboración dos xeados (o de piña foi o que elexiu para acompañar a torrada) e o puntiño de acidez do propio xeado e dos froitos compenétrase á perfección co aire de xarope.

Restaurante Toñi Vicente 12

E todo o anterior por 25€ persoa. Mágoa que xa acabaron as xornadas, eran para repetir cada pouco tempo. Varios do pratos das xornadas do parrulo están no menú habitual de Toñi Vicente.
Por certo, de bebida para as xornadas promocionan un Albariño (Pontellón) e un Ribeira Sacra (Regina Viarum), a 14€ a botella ou 3€ a copa.
O mellor, unha copa de cada, para que ninguén se moleste.

Toñi Vicente
Avenida de Atlántida 98
Alcabre. 36208. Vigo
Teléfono: 986 240 992
Móbil: 698 190 966
E-Electrónico
Web
GPS: 42° 13' 19.03"N, 8° 45' 40.23"W
Localización en Mapas de Google.

um brunch de cinco estrelas

Hai uns meses, alá por febreiro, falabamos da moda dos brunch na cidade de Porto (Un brunch no Porto).  Días despois comentabamos o noso feliz paso polo brunch da Taberna do Bonjardim
Hoxe quixemos ir un pouco máis alá e probar o que pasa por ser un dos máis selectos brunch da capital do Douro, o Sunday Brunch do Porto Palácio Hotel.

Brunch Porto Palacio 01

O Porto Palácio é un clásico da Avenida de Boavista. Un cinco estrelas máis que merecidas se atendemos á súa oferta gastronómica.
Seguindo as tendencias máis actuais, o Porto Palácio capitanea a tendencia a ofertar restauración de calidade nos establecementos hoteleiros da Invicta; en concreto conta con cinco espazos que cobren un amplo abano de sabores e experiencias.

salsa&loureirogoshoportobeerBrunch Porto Palacio 06

O Bar Nautilus ofrece diariamente, de segunda a sexta, un buffet de produtos seleccionados para a comida do día a día.
O Restaurante Cervejaria Portobeer responde ao concepto de 'comer en Porto', no que son as clásicas 'cervejarias', cunha ambientación actual moi coidada e prezos que tamén responden á filosofía 'cervejaria'.
O Góshò logrou un posto destacado na oferta xaponesa e de fusión na cidade de Porto (por certo, moi ampla e de calidade). Prezos equilibrados.
O Salsa&Loureiro é o buque insignia da oferta gastronómica do Porto Palácio. Baixo a dirección do mediático chef Helio Loureiro, e nun espazo decorado por Paulo Lobo, a oferta baséase na tradición culinaria portuguesa de cualidade, actualizada pola man de Helio Loureiro.

portopalaciohotel Brunch Porto Palacio 00

E, por fin, está o Vip Lounge, no piso superior do hotel (19 alturas), un bar de todo momento que os domingos ao mediodía se transforma para acoller este espectacular brunch.
O espazo é acolledor, moi luminoso, cunhas vistas inmensas sobre toda a cidade.
A oferta responde máis ao concepto clásico de buffet (moi popular en Portugal) que á modernidade do 'brunch'.
É que, despois de todo, en que consiste en realidade isto do brunch?
Non será unha invención do marketing para atraer incautos a un modelo que sempre ten existido e que había que revitalizar?

Brunch Porto Palacio 09Brunch Porto Palacio

A oferta do buffete é ampla e de calidade a un prezo pechado de 30€ persoa (rapaces ata os 4 anos non pagan, e ata os 12 o 50%); a bebida consiste nunha copa de benvida (espumante ou zume de laranxa), auga e o café.
Calquera exceso hai que pagalo.
Pido unha copa de Post Scriptum 2010, un tinto do Douro, de Chryseia, altamente recomendable, pero non hoxe. Moito coidado cos prezos dos viños.

Brunch Porto Palacio 15
Brunch Porto Palacio 16Brunch Porto Palacio 17Brunch Porto Palacio 23Brunch Porto Palacio 24

Comezamos pola mesa dos entrantes, na que, entre pans variados, atopamos embutidos, táboa de queixos, milfollas recheados, espárrafos, salmón, melón, minibocadillos, quiche...
De ter que salientar, e estamos ante gustos persoais, tiraría polos fantásticos espárragos, polos queixos e polos sempre exitosos folhados.

Brunch Porto Palacio 11Brunch Porto Palacio 12
Brunch Porto Palacio 25Brunch Porto Palacio 26Brunch Porto Palacio 28Brunch Porto Palacio 27

Ensaladas. Hai variedade de ensaldas completas (de bacallao, de atún, de calamar, de salchichas afumadas) e ingredientes para completar as anteriores ou crear unha nova ao gusto do consumidor; selección de salsas.
Tamén un logrado cóctel de marisco.
Cústame seleccionar, pero quizá o cóctel e a ensalada de bacallao.

Brunch Porto Palacio 13

A continuación, e seguimos con pratos fríos, atopamos unha selección de sushis que, pola calidade, semella subida directamente do Góshò.

Brunch Porto Palacio 14

A transición aos pratos quentes ten a súa base nos ovos. Tortilla, ovos mexidos, ovos escalfados e uns cogumelos en salsa. Tostas de pan de molde para acompañar.

Brunch Porto Palacio 20Brunch Porto Palacio 21Brunch Porto Palacio 22

A parte máis contundente comeza cunha tradicional sopa de legumes.
Filetes á prancha e pescada con bechamel; acompañamento de patacas ao forno e arroz. Fetuccini salteado con gambas e cogumelos...
De novo toca elixir e tiro por esta última pasta e pola pescada.

Brunch Porto Palacio 31
 Brunch Porto Palacio 35Brunch Porto Palacio 33Brunch Porto Palacio 34Brunch Porto Palacio 32

E, xa por fin, as sobremesas.
Podemos comezar recuncando nos queixos ou pasar directamente a unhas froitas laminadas (laranxa, piña, uvas, kiwis); tamén os dadiños de xelatina de diferentes sabores para os máis cativos.
E a parte doce. Torta de laranxa, filloas, pastel de chocolate, leite creme, mousse...
E para completar ou combinar cos anteriores, selección de cereais, compotas variadas, chocolate fundido...

Brunch Porto Palacio 08Brunch Porto Palacio 37
Brunch Porto Palacio 39

Unha experiencia altamente recomendable a un prezo que, vista a oferta, resulta razoable. Hai que pensarse moi ben o tema das bebidas.

Vip Louge do Porto Palácio Hotel
Avenida Boavista 1269
Porto  4100-130
Teléfono: 351 226 086 600
E-Electrónico
Web
GPS: 41º09'33"N   8º38'21"W
Localización en Mapas de Google