o miolo

de cando as cousas están ben feitas

Podemos comezar polo nome.
Desde que inaugurou, pasaron apenas dous meses. Neste tempo o ruxeruxe dixital non parou de falar deles, desde as redes sociais ata os blogs máis sibaritas.
Tampouco no murmurio constante dos iniciados do que se coce en Vigo sen que os seus gostos pasen pola rede.
Onte fomos probar o seu sonado menú do día e comprendimos o porqué.
Grazas ao ruxeruxe, un vernes, a pouco máis das dúas, no RuxeRuxe non quedaba mesa no comedor.

ruxeruxeruxeruxe tarxeta

O RuxeRuxe está na rúa México, na cerna dunha zona viguesa especialmente activa no que ás cousas do comer se refire.
Despois dalgún que outro intento de recuperación fracasado, O RuxeRuxe vén ocupar o local dun vello amigo, un pioneiro que, en tempos de seca, cando a oferta de restauración en Vigo resultaba escasa e aburrida, marcou camiño en moitos aspectos; falamos, como non, de Doméstica Causa (a onde terán ido todos aqueles recordos do vello Tamberlick?).
Dúas zonas perfectamente diferenciadas, a entrada, viñoteca-tapería, con barra e mesas informais, e o comedor, ao fondo.
Ambiente e decoración alegres e desenfadados, variado e ecléctico no tocante a feitura de mesas e cadeiras na busca do deseño equilibrado.

Ruxe Ruxe 06Ruxe Ruxe 08

A oferta é completa e variada cunha proposta de viños moi interesante.
Carta de tapas (Leitón prensado con emulsión de 'ajoblanco' e tallaríns de porro, Tempura crocante de mexillóns e algas, Ovo de curral a baixa temperatura con fungos e feixonciños...) con prezos que van desde o 4 ata os 11 euros.
Menús: curral, curral especial e menú do día. Os menús curral constan de entrante, prato e sobremesa e custan 15 e 20€ respectivamente.

Ruxe Ruxe 02Ruxe Ruxe 03

O menú do día é, tamén, de primeiro e segundo pratos, que, xunto co pan, a bebida e café ou sobremesa, van aos 10,50€ no comedor e a 9,50 na zona de viñoteca. Son dúas opcións de elección para cada momento e cambian diariamente. Pódense consultar no Faceboock do RuxeRuxe.
Por último está a carta, con encabezamentos coidados e suxerentes:
Para quitar a fame (Carpaccio de carne vermella, vinagreta suave de verduras asadas e lascas de arzúa curado, A nosa vieira á galega, crocante de pan e vidro de pemento...; entre 6,5 e 12 euros);
Sen escamas nin espiñas ("Da lonxa depende", Pescada ao vapor con espinacas, san Simón cremoso e a súa pataca, Bacallau confeitado ao aceite de allos, risotto de trigueiros e tomatiños; arredor dos 15€);
Bestas e Fuciños (Leitón confeitado con puré de coliflor e tamarindo, Solombo de porco "de castaña", crema de marmelo e salteado de fungos...; sobre os 16€);
Só larpeiros (Tortiña de améndoa con mousse de Cebreiro e cristal de mel, Torrixa caramelizada ao ron torrado con xeado de canela, Sorbete de froitos vermellos -apto para celíacos-...; sobre os 4,5€ de media).
Tamén carta de dixestivos.

Ruxe Ruxe 04

Ao non haber mesa no comedor, sentamos na viñoteca. Tocounos un mal lugar, de paso, de comunicación entre espazos, pero aínda así a comida resultou agradable e non tan exposta como cabía esperar. Ademais era zona de 9,50€.
O servizo é atento, agradable, dilixente, profesional; malia ausencia de tontería no proxecto, sabe perfectamente por onde se move.
Respecto ao proxecto, pouco queda por dicir que non estea xa escrito. Simplemente que nace da amizade de dous profesionais dos fogóns, Carlos e Gerson, ou Gerson e Carlos, que tanto monta... Entre os dous, paso por unha boa media ducia das cociñas viguesas que máis están a dar que falar. A idea, cociña de mercado con concepcións actuais nas que se coida ata o mínimo detalle, desde o trato ata a presentación do pratos; pasando por algo tan atípico nun menú do día como pode ser un snack oferta da casa (uns bocadiños de queixo magníficos).
E todo con algo tan importante nos tempos que corren como é o realismo, a adecuación ás circunstancias sen renunciar aos principios e aos pequenos detalles (ou sexa, prezos marcados cos pés na terra).

Ruxe Ruxe 10Ruxe Ruxe 11

Hoxe, de primeiros, unha Cazoliña de feixóns verdes con chourizo e pataca, e a Crema de porros con carochos. Sorprende que o chourizo dos feixóns (moi rico, de moi boa calidade), vén fritido e sen cortar, por riba; sen embargo, e estando os dous a un gran nivel, quedo co sabor e a suavidade da miña crema.

Ruxe Ruxe 13Ruxe Ruxe 12

Segundos: Albóndegas de tenreira en mollo de cervexa, e Grellada de peixes con pataca rota e emulsión de allos tenros. Pido as albóndegas; veñen sobre unha camiña de arroz branco e o mellor afago que podo facer delas é que, sen ese chisquiño de especias, ben poderían ser as de casa. Pero nesta ocasión quedo cos peixiños na grella, no seu punto, con esa variación de alioli moi suave que resulta un acompañamento magnífico.

Ruxe Ruxe 15Ruxe Ruxe 14

A miña sobremesa foi un Flan de queixo afumado con toffe e as Carmenes pediron a Mousse de mascarpone e froitos exóticos. A cada cal mellor.

Por se alguén ten a dúbida, as racións son abundantes e non hai sorpresas: coas cañas de bodega pagamos 9,50€ cada un.

Cando as cousas se fan ben desde un principio, e á apócema de catro boas mans para a cociña se lle engaden unha pingas de orixinalidade, un petisco de pés na terra, un puño de profesionalidade e mans cheas de ilusión e traballo, o éxito está garantido.

Espero que lles vaia ben.
E, utilizando o meu clásico baremo de puntuación, que eu poida velo e gozalo de novo; paga a pena.

RuxeRuxe. Espacio Gastronómico 
Carlos Barreira e Gerson Iglesias

r/ México, 10
36204. Vigo.
Teléfono: 886 490 969
E-Electrónico
Web
Localización en Mapas de Google
GPS: 42.233536ºN  8.715234ºW

a tixola, cociña responsable itinerante

Onte, para comer no Gastromanía, aparcamos a carón dunha especie de caravana que lucía o nome de A Tixola.

A Tixola 1

Uliscando que detrás pode haber algo interesante, e como can de présa, bótome a buscar información de primeira man; atópoa no seu propio facebook.
O novidoso proxecto autodefínese como 'a cociña responsable itinerante', nace da man de Nacho Rodríguez Bello (Gastromanía, Casa de Xantares) e Lucas Requejo (Prato DO), e responde ao antiquísimo principio universal de que se Mahoma non vai á montaña...

A Tixola 3

Toda unha declaración de intencións:
'Nunha ocasión escoitamos dicir a un cociñeiro trotamundos que levando unha tixola na mochila podía ir a calquer parte do mundo e facer feliz á xente, no noso caso é a tixola a que nos leva coa mesma intención, facer feliz á xente ainda que sexa por só un instante.' (do facebook de A Tixola).

A Tixola 5 

As liñas de acción:
'A pé de praia  ou “O Mar por Bandeira” (na Praia de Cabío en A Pobra do Caramiñal, do 26/07 ó 30/09/2013)´.
Ás Agachadas ou “A Vida son Experiencias” (onde ti queiras, a partir do 15 de outubro poderás realizar o teu soño).
E De Caminho, ou “ Percorrendo os caminhos, atoparemos O Caminho” (achegarse a calquer sitio de Galicia onde exista un camiño, coa entrada da primavera comezaremos a camiñar).
' (do facebook de A Tixola).

A Tixola 6

En A pé de praia, a caravana sitúase nun piñeiral que fai as veces de comedor para 20 persoas, a estética é a dun camping e presenta diversas opcións moitas delas baseadas na grella con olor a fume e sabor ao mar de Arousa. Pratiños, racións, presadas... Percebes, navallas, tortilla, salpicón de peixe porco, vieira en masa de empanada, navallas con maniñas de porco...

A última etapa De Caminho, ata o momento, foi a Boimorto para o benéfico e cada vez máis prestixioso Festival da Luz.

A Tixola 2

Manuel Gago, nas súas Paparotas de Capítulo 0, dedicoulles unha pequena entrada na que, baixo o título de A Tixola: nostalxia do camping na Pobra do Caramiñal, nos descubría algunhas das claves do proxecto.

A Tixola 7

Seica isto das foodtrucks ou, o que é o mesmo, as caravanas gastronómicas móviles, están de moda e en Galicia entran da man de Nacho Rodríguez e Lucas Requejo.
Longa vida a esta comidacamióngalega.

(Nota: Neste caso todas as imaxes proceden do propio facebook de A Tixola; moitas delas veñen, á súa vez, de Capítulo 0)

A cita é de Carlos de la Cruz Iglesias, do seu relato Regreso a Itaca, gañador do III Concurso de Micro-Relatos Martín Berdugo.

_1110344Gastromanía Palmeira 11

Copio da etiqueta traseira da botella de Martín Berrugo, Crianza de 2006, Ribera do Duero que nos bebemos co menú de degustación da Gastromanía, Casa de Xantares.
Grazas á comida, o día converteuse nunha festa.

Gastromanía Palmeira 02

En plena reflexión sobre o que resulta asumible e o que non, sobre o prezo e o valor do que comes, sobre a necesidade de recortar gastos e seleccionar cada vez máis os restaurantes aos que vamos... nun momento no que acosan as conciencias por uns prezos que poden escandalizar e un gastos que poden chegar a ser indecentes, atopamos esta perla ata agora oculta para nós.

Gastromanía Palmeira 01

O Gastromanía está en Palmeira, en plena estrada xeral que vai de Ribeira á Pobra, nun emprazamento que a verdade non anima demasiado.
Logo, cando entras, a cousa cambia: local pequeno, decorado nunha psicodélica estética 'anos 60', con toques divertidos e desenfadados que lle dan personalidade e fan que o comedor resulte acolledor e agradable.

Gastromanía Palmeira 05Gastromanía Palmeira 08Gastromanía Palmeira 04

A sensación de acollemento aumenta coas atencións do camareiro, un rapaz novo que sabe estar á altura do guión, amable, próximo, con chispa, moi correcto. Mesmo rebela algúns dos secretos da cociña...
Tiñamos reserva de mesa pero non de menú, e seica serven menú de degustación unicamente por encargo; solícito vai á cociña e despois dun bocado (o necesario para montar unha proposta de 6 pratos) regresa para sometelo á nosa aprobación.
Sen necesidade de coñecelo polo miúdo dicimos que si, que está ben, e pedimos para acompañalo unha botella pequena do viño antes mencionado e unha de auga (do tempo, que o día está de cans).

Gastromanía Palmeira 12Gastromanía Palmeira 13
Gastromanía Palmeira 14Gastromanía Palmeira 15 

Como para alabar as bondades dos pratos individualmente me faltan calificativos (abondaría co 'fantástico'), e antes ou despois caería na repetición, resumir en que se trata dun menú realmente especial.
Aí van, por orde, os pratos que, por certo, coinciden cunha carta que resulta non moi longa pero si atractiva e a prezos moi asequibles:
Un caldiño ardente para abrir boca e quecer os corpos.
Os buñuelos de bacallau (cen por cen pataniscas portuguesas).
O salpicón de peixe sapo e lagostinos con xema de ovo.
Arroz negro con chopos.
A pescada en tempura sobre base de cebola e pemento.
O lombo de vaca con setas.

Gastromanía Palmeira 16Gastromanía Palmeira 17

Os pratos, quizá, un pouco excesivos para o número de propostas.
Chegamos con dificultade á carne e non a valoramos na que creo sería a súa xusta medida: foi o bocado que menos me convenceu. Pola contra, e de ter que destacar, o arroz pareceume excepcional, e, a continuación o salpicón.

Gastromanía Palmeira 18

Momento doce: unha torta-empanada de mazá sobre masa follada acompañada de crema de iogurt con vainilla; morniña, acabada de saír do forno, contraste de temperaturas, de texturas, de sabores... gustoume moitísimo.

Gastromanía Palmeira 10

O menú deste Gastromanía que vides de escoitar ten un prezo de 30€ (30!!!) por persoa; xunto coas bebidas ímonos a pouco máis dos 35.

Ah!, xa me esquecía! :)
A alma mater deste local e artífice do menú é Nacho Rodríguez.
Se a miña información é correcta, antes de pórse pola súa conta aprendeu dos fogóns de Atrio (Cáceres), España (Lugo), Solla...
O resultado: as ideas perfectamente claras nunha liña de sinxeleza e autenticidade case a contracorrente que hai que agradecer.
Produto (basicamente do mar de Arousa). Mercado. Sinxeleza. Pureza. Técnica. Ausencia absoluta de concesións á galería, nada de efectismos nin disfraces, ningunha sorpresa. A pescada, por exemplo, pescada, cun aire de cocción y un rebozado perfecto, sen máis (pero tampouco menos).
Pequenos toques (pan morniño) que fan pensar nun local de prezo disparado.

En resumo, produto de mercado, tratado con moito sentido e agarimo e a un prezo que anima a volver canto antes para probar novos bocados da sabia man de Nacho Rodríguez. Gustoume moitísimo.

Gastromanía Casa de Xantares
Nacho Rodríguez Bello
 
Rúa do Norte, 22
Palmeira.
15950. Ribeira.
Teléfono: 687 746 302
Localización en Mapas de Google
GPS: 42.583721ºN   8.957389ºO
E-Electrónico
Web (en construción)
Web (en Wix)
Facebook

arrocería o tamboril en compostela

Son un fanático dos arroces
Gústame facelos pero sobre todo debezo por comelos. Disque non teño mala man. Do que non cabe dúbida é de que o que si teño é moi bo dente para a maioría deles. Son de arroces secos, pero váleme case calquera; non me teño por nada purista.
Agora si, loitaría a capa e espada con quen hai uns días defendía as bondades dunha paella valenciana feita na ola a presión.

Arrocería O Tamboril 01Arrocería O Tamboril 02

Tiñamos referencias varias e, aproveitando esta ponte de santos, alá nos fomos a Compostela a probar os arroces de O Tamboril.
A ubicación está ben, no ensanche, en República Arxentina, a medio paso do parlamento galego. A carta da porta anima: entradas varias (falsa tortilla paisana con ovos de curral, tixola de chipiróns ao tomillo limonero, polbo gratinado con queixo do país...), arroces (negro con chocos da ría, de peixes en caldeirada, de galo de curral, de xarrete de vaca...), pastas (frescas ou en fideuá), e larpeiradas surtidas (disque son especialmente boas); ademais, un menú do día consistente en aperitivo, arroz de setas de outono, xeado ou café e bebida, por 15€.

Arrocería O Tamboril 07Arrocería O Tamboril 05

O local é bastante recollido, a decoración pouco definida, sen unha liña clara, pero consegue resultar moi agradable. Servizo atento e profesional.
Comezamos polo aperitivo da casa, unhas olivas e variantes en vinagre e, para confirmar a temporalidade da carta (o arroz de setas do día fala ás claras), pedimos as croquetas de boletus. Deliciosas.

Arrocería O Tamboril 08
Arrocería O Tamboril 10

Difícil decisión a do arroz.
Hainos á moda terra-mar (de berberechos e panceta afumada), rompedores (de lagostinos en crema de nécoras) e outros especialmente atractivos (o de croca de tenreira). Para ser a primeira vez e poder valorar tiramos por un clásico, o arroz abanda (con peixe sapo, calamar, gamba e lagostino).
Vén en barro, sequiño, no seu punto, coa costra por riba. Cun aire de alioli ou a pelo, sen disfrazar, son dous bocados radicalmente distintos pero os dous igual de fantásticos.

Arrocería O Tamboril 11Arrocería O Tamboril 12

Os problemas volven coa carta de sobremesas. En realidade están a mudar o menú e as sobremesas cantadas non coinciden coas anunciadas na carta.
Pedimos a Torta de galleta, crema e chocolate quente (Carmen) e a Escuma de iogurt con puré de mazá.
Efectivamente, calquera dos dous simplemente espectacular.

Arrocería O Tamboril 15
Arrocería O Tamboril 14

Co viño (un Pago del Vicario, Petit Verdot, Rosado de 2012, un Terra de Castela peculiar, escuro, case tinto, moi afroitado e aceptable de corpo, perfecto para o arroz), dicía que co viño e o café pagamos algo menos dos trinta euros por barba, prezo que considero moi axustado; un valor engadido a unha comida que xa tiña valorada como moi boa.

Local a ter moi en conta en Compostela para os arroces; deixar un bo oco para a sobremesa e valorar a conveniencia dun entrante, inda que sexa compartido.
Contando con que a carta cambia para adaptarse á tempada, seguro que volveremos a probar outros arroces.

Arrocería O Tamboril
R/ República Arxentina, 5
15702, Santiago de Compostela
Teléfono: 981 565 485
GPS: 42.873513ºN  8.545480ºO
Localización en Mapas de Google
Facebook