o miolo

Hai uns meses, quizá xa máis dun ano, a prestixiosa revista británica de arquitectura e deseño Wallpaper adicaba un especial á arquitectura contemporánea en Viana.
’Meca da arquitectura’ era o ‘galardón’ que lle outorgaba.
Web de Wallpaper
O que chamou a atención da revista foi a Praça da Liberdade, proxectada por Távora e completada coa biblioteca de Siza e (en construción) o multiusos do flamante Pritzker Souto de Moura. Ademais, no momento do destaque, a revista salientaba e analizaba a fondo o rompedor deseño do hotel Axis.
Souto de MouraEduardo Souto de Moura. Foto: Roberto Santorini   Alvaro Siza Vieira. Foto: JerominusSiza Vieira
A realidade é que poucas cidades do mundo (e non digamos entre as que poderían competir con Viana en tamaño) poden presumir dun único espazo urbano con tres obras asinadas polos tres mellores arquitectos da historia de Portugal, os tres con nome propio na arquitectura mundial, dous deles acreedores do Pritzker.
Praça Liberdade. Fernando Távora   Biblioteca de Viana. Alvaro Siza Obras do Coliseu. Viana. Souto
Távora                                                                     Siza                                                                 Souto
As imaxes de Távora e Souto son dun magnífico blog sobre Viana: Ollar Viana
Pero non só os máis grandes están en Viana, reunidos na Praça da Liberdade. Ultimamente temos fotografado outras moitas obras novas de calidade. Aí van algunhas:
Centro de Interpretacion da Citania de Viana. Paula Santos.  Hotel Axis Viana. VHM I Departamento de Arquitectura  Pousada da Juventude. Carrilho da Graça
Paula Santos                                                VHM Arquitectos                                                      Carrillo de Graça
Imaxes do centro de interpretación da Citânia de Santa Luzia, de Paula Santos (tamén ten un pequeno edificio de vivendas e locais comerciais na rúa João Alves Cerqueira), do Hotel Axis, de VHM I Departamento de Arquitectura, obra coordinada por Jorge Sodré Albuquerque, e a Pousada da Juventude, de Carrillo de Graça.
Pero, ademais, o auditório Lima de Carvalho tamén é de Fernando  Távora, a Biblioteca da Escola Superior de Tecnologia e Gestão, de Bernardo Távora, a rehabilitación da fantástica Praça da República, de Viana de Lima (outro día haberermos de falar do casco antigo de Viana e de todos os seus edificios clásicos, desde o gótico ao barroco portugués), ou o hospital comarcal, de Chorão Ramalho.

eduardo souto de moura

Arqtº. EDUARDO SOUTO MOURARecibo correo urxente de Alfonso no que me informa de que veñen de conceder o Premio Pritzker 2011 (algo así como o Novel de arquitectura) a Souto de Moura.
Alégrame. É case como se nos tocase un bocadiño a cada un de nós, como cando foi de Álvaro Siza. Porque Siza e Souto, xunto con Fernando Távora, son a escola de arquitectura de Porto. E porto  é unha parte de nós.
Hai varios anos, e durante tres veráns seguidos, ocupamos as vacacións de agosto a percorrer o norte de Portugal á caza das obras de Souto. Por suposto, Porto; pero tamén as terras de Bouro, Ponte de Lima, Viana, Braga, Maia, Bragança, Moledo, Aveiro, Viseu, Coimbra…
Porque Eduardo Souto de Moura é un arquitecto de grandes obras (edificio O Burgo, estadio de Braga, pousada de Bouro), pero tamén de ‘pequenas’ solucións prácticas e reais para un mundo real, útil, racional, práctico, integrado no contorno (adaptación dun vello edificio para museo, vivendas unifamiliares, pequena casa de cultura para unha pequena cidade do norte, adecuación e decoración dun mínimo espazo cultural nun gran centro comercial…)
Casa do Cinema de Manoel de Oliveira 06 1998-2003 Casa do Cine Manoel de Oliveira, Porto.
Edificio Burgo Porto 021991-2007 Edificio Comercial e de Oficinas O Burgo, Porto.
Estadio do Braga 012000-2003 Estadio Municipal de Braga, Braga
Bloque de Vivendas, R do Teatro 031992-1995 Edificio de Vivendas na Rúa do Teatro, Porto
Mercado Cultural de Caranda 041980. Mercado Municipal de Caranda, hoxe centro cultural, Braga
Pousada de Sta Maria do Bouro 121989-1997. Rehabilitación para pousada do Mosteiro de Santa María do Bouro, Bouro
Casas en Ponte de Lima 012001-2002 Dúas casas en Ponte de Lima, Ponte de Lima
Casa 2 no Bom Jesus Souto 52005-2009 Casa número 2 no Bom Jesus, Braga
Edificio de Vivendas e Oficinas, Maia 011997-2001 Edificio de Viviendas en Maia, Maia
Universidade Aveiro Geociencias 4Facultade de Geociencias, Universidade de Aveiro
Pabellon Portugal en Coimbra 32000. Pavillón Portugal para a Expo Hannover 2000, con Siza. Actualmente en Coimbra
E poderiamos seguir, pero creo que abonda.
A mágoa (ou máis ben vergoña) é que sendo Vigo unha especie de Porto galego, con todo o que nos une, e tendo Porto unha das escolas de arquitectura mellores de Europa, con dous premios Pritzker, non haxa en Vigo ningunha obra asinada por arquitecto portugués.

paparajotes

Pouco antes de que aparecese [o Cabreiro] co rabaño, [a avoa] ía á horta, escollía un feixe de follas de limoeiro, todas tenras, pequenas, do mesmo tamaño, i encerrábase na cociña a facer paparajotes, un doce barato aínda que moi traballoso, difícil de conseguir, porque non resulta doado rebozar as follas do limoeiro, nin fritilas sen que rompa a cobertura dourada, crocante, que se esparexe de azucre antes de que arrefríe...
Ines y la alegría, Almudena Grandes
Independentemente de ser quen de descubrirnos polo miúdo un episodio tan próximo como descoñecido, tan nimio como estratosférico, tan escuro como determinante (polo que puido ter sido, non polo que foi), Inés y la alegría, de Almudena Grandes, (Tusquets, 2010), está construído en base a unha millenta de deliciosos tesouros coma o que veño de reproducir. Pequenas xoias que, unha tras outra, encaixadas con mestría arredor da invasión do Val de Arán pola Unión Nacional Española en outono de 1944, dan pé a unha novela dificilmente evitable para todo español de ben.
Inés, a protagonista, exerce de cociñeira nun dos comedores de oficiais do posto de mando do exército da UNE en Bosost. Con este pretexto, as referencias aos fogóns, á cociña tradicional de moitos puntos de España, a como espantar as fabas ou o xeito de adobar o lombo dun porco acabado de sacrificar son o pan de cada páxina da novela.
Paparajotes
(Imaxe de Calohe, Blog: Las libretas de Calohe)
Hai un par de semanas (Doces de entroido), avogaba pola necesidade de manter vivas as receitas máis ancestrais da cociña popular. E falaba, en concreto, daquelas follas de limón tan populares nalgunhas parroquias como descoñecidas en outros moitos lugares dentro do propio concello de Gondomar.
Follas de Limón Follas de Limón Rebozadas
Como non podía ser menos, atopo (e reproduzo) a receita no meu libro de cabeceira de cociña tradicional galega, o de Cunqueiro (Everest, 1985).
Ingredientes:cunqueiro
200 gr de fariña
1/2 vaso de leite
6 ovos
Follas do limoeiro
Azucre moído
Manteiga de vaca
Mesturar a fariña co leite e incorporar os ovos batidos ata conseguir unha pasta fina na que se introducen as follas do limoeiro ben limpas; escurrilas ben e fritilas en manteca de vaca quente. Xa douradas, retirar da tixola, esparexer con azucre moído e servir. Resultan máis saborosas se non lles quitamos a folla. Tamén podemos facelas coas follas da laranxeira.
Por certo, O Cabreiro, a avoa e os seus paparajotes eran de provincia de Murcia.

restaurante altamira

Vilagarcía é unha praza complicada para facerse un lugar nas guías gastronómicas. Case todas as recomendacións desprázanse ao norte (Carril), ou ao sur (Cambados).
Lembro outros tempos en que o Altamira estaba sempre aí, entre o Chocolate e Loliña
Restaurante Altamira, Tarxeta Restaurante Altamira, Vista Exterior
Onte comemos no restaurante (Marisquería, anúncianse eles mesmos) Altamira e non acabo de explicarme moi ben a súa actual falta de notoriedade. Mantén o tipo máis que dignamente. O comedor, dentro do clasicismo, está perfectamente actualizado; pedimos mesa ao fondo, no reservado, a carón da cheminea, para que Luis e Luz quitasen a humidade que traían nos ósos.
Restaurante Altamira. Viveiro. Restaurante Altamira. Comedor. SONY DSC
A verdade é que estivemos moi a gustiño. A carta, como corresponde á súa dependencia do mercado diario, recitada e con recomendacións; non moi extensa pera si variada e suficiente. Os viños tamén ditos de palabra por denominacións; pedimos un ribeiro e o resultado é un Vilerma de 2009.
Cociña baseada no produto cunha elaboración tradicional impecable.
SONY DSC

Comezamos cunhas ameixas con allo.
Son como en prebe verde e están fantásticas.
Fresquísimas, da ría e directamente do viveiro
Creo que me paso un pouco mollando na salsiña.


SONY DSC
Unha nécora (mediana) por cabeza.
Catro femias como catro soles.
Tamén da ría de Arousa con paso polo viveiro ata o momento da cocción (chegan á mesa mornas)
Tres moi boas e a cuarta non tanto. Tócalle a Luz…

SONY DSC
Peixe sapo guisado.
O guiso, saborososísimo.
O peixe sapo non é das miñas debilidades peixiles pero recoñezo que está no seu punto, coa textura perfecta.
De novo me paso co pan.


A oferta de sobremesas caseiras, moi ampla, coidada, rompe todas as espectativas.
SONY DSC SONY DSC SONY DSC SONY DSC
Browni
Cuarteróns de mazá asada con xeado e chocolate quente
Cañas de crema
Xeado de turrón
Ata aquí, todo perfecto. Absolutamente recomendable, para repetir.
A discusión chega coa conta, con opinións bastante encontradas. Saímos por algo máis dos cincuenta euros por persoa e algún pensa que é un pouco de máis.
Volvemos ao de sempre. A cociña galega de produto (de produto autóctono de calidade) é cara. As ameixas e as nécoras da ría de Arousa, o peixe sapo, o celo por gardar a tradición… hai que pagalos.
Restaurante Altamira
Estrada Vilagarcía-Pontevedra, Rubiáns.
36619 Vilagarcía de Arousa
Teléfono: 986 503 481
GPS: 42º57’51”N 8º72’77”W
Localización en Mapas de Google

bar a meca na illa de arousa

Creo que se nalgún momento tiven dúbidas ao respecto, (Comer en a Illa de Arousa), hoxe disipáronse por completo. A mellor oferta da Illa dentro do seu estilo (por certo estilo maioritario) é a Meca.
Tarxeta do Bar A Meca           O Cantiño. A Illa de Arousa
A Meca presume de bar e de non pasar por outra cousa, o bar de sempre, un dos incontables bares dos incontables portos pesqueiros de Galicia, neste caso no Cantiño, na Illa de Arousa.
Un deses bares de barra de mármore, botellas de licor baratas nos estantes do fondo, quizá un espello comido polos bordos, e ruído, moito ruído. E serraduras, envoltorios de azucre e cabichas sementando o chan. Ben, o de cabichas, cada vez menos.
Foto aérea da Illa de Arousa
Procesión do Carme na Illa de Arousa
Un bar onde alguén da familia canta a comida do día, a que cada día chega da mar, básica, sen complicacións, directa aos sentidos, algún marisquiño, peixes, arroces, o inevitable polbo á Illa. Hoxe, luns de entroido, día grande de comparsas e desmadres, unhas filloas a pelo, só co po de azucre.
Un bar con manteis de papel e paredes empapeladas en cadros, de nós mariñeiros, da procesión do Carme, da foto aérea da propia Illa, aquí o modelo a escala dun barco de pesca de altura e alá un corcho que vende un motor fóra-borda a prezo de risa, que anuncia a berbena da noite coa orquestra Pontevedra, que convoca xuntanza de mariscadoras para fixar as quendas de vixiancia nas praias, o xoves, ás cinco, no lugar de costume.
Un bar onde, se estás de sorte, podes ver entrar a un mariñeiro co froito do día acabado de apañar, froito que, tamén con sorte, dez minutos despois pode estar no teu prato.
Bar a Meca. Calamares.   Bar a Meca. Navallas   Bar a Meca. Zamburiñas.
Estamos con Ana, Merce e Pepe e abrimos cuns calamares, unhas navallas e unhas zamburiñas. Todo fresquísimo e o pouco que hai que facer, feito con mestría. Cada bocado unha bocalada de mar, sen aditivos, nin falta que lle fan.
Bar a Meca. Fideos con ameixas.   Bar a Meca. Fideos con ameixas.   Bar a Meca. Arroz de marisco.
De prato forte pedimos dúas de fideo con ameixas e dúas de arroz de marisco.
Persoalmente quedo cos fideos; saborosísimos, coa consistencia perfecta, húmidos pero non afogados, en fin, un prato dez. Coincidindo en que os dous pratos están de refregar o prato con pan, Pepe e mais eu coincidimos en destacar o fideo, Carmen e Merce votan polo arroz. Eu son fan de comer e facer arroces e, por comparación cos fideos, este pareceume un puntiño eslamiado, con menos forza, con menos presenza que aqueles.
Bar a Meca. Filloas de entroido.
De sobremesa, filloas para todo o mundo. 
De bebidas, unha botella de albariño da casa, unha auga grande, unha coca-cola e unha cervexa sen alcol. O pan, que tamén conta, dos máis ricos que probei nos últimos tempos.
… E toda a bacanal anterior… 22 euros por cabeza.
Xa non para repetir, para ir cada día que non apeteza cociñar na casa.
Pero iso si, reservando antes, que onte luns (si, ben, luns de entroido na Illa, pero luns) non collía un alfinete. E se o tempo acompaña, quedar nas mesas de fóra, en plena beirarúa, no centro da movida, donos exclusivos do sol e de toda a frota do porto do Cantiño.
Bar A Meca
Paseo do Cantiño 12
36626 A Illa de Arousa
Tlfno: 986 551 551
GPS:  42º56’31”N  8º86’79W
Localización en Mapas de Google

comedor plácido do hotel carril

A oferta era tentadora.
Menú de Entroido 2011. Sopa, lacón, faldra de tenreira, costela de porco, cacheira, touciño, chourizos, grelos, patacas e garabanzos; filloas doces recheadas de chocolate quente; viño Mencía, auga mineral, café e chupitos. Prezo por persoa 25 euros.
Como aínda non comeramos un cocido de entroido como deus manda (en realidade por estas datas deus manda máis a cacheira que o cocido completo), e coas boas referenzas que tiñamos do Plácido por parte de Luz e Luis, alá fomos e reservamos mesa para os catro o sábado de entroido.
Comedor Plácido do Hotel Carril Comedor Plácido do Hotel Carril 2 Comedor Plácido do Hotel Carril 3
A situación é inmellorable, en primeira liña da praia de Compostela, sobre o paseo, case entrando no casco de Carril. Hotel de catro estrelas, moderno, agradable, funcional, co vermello coma nota de cor sobre os brancos, negros e grises. O restaurante (máis propiamente o ‘Comedor’) bautizárono como Plácido e comeza a facerse un nome na variada e competitiva oferta do Salnés.
Restaurante Plácido do Hotel Carril. Comedor Comedor Plácido do Hotel Carril. Mesa Comedor Plácido do Hotel Carril. Vistas desde a nosa mesa
Comedor Plácido do Hotel Carril. Viño Mencía Casa MoreirasBo comezo.
O mencía resulta ser un Casa Moreiras, de Pantón. Presume de facer viño desde 1692.
Tira do cocido con dignidade. Viño novo con toda a esencia de uvas e terra dos socalcos da Ribeira Sacra. Fresco. Afroitado. Agradable en boca; equilibrado, sen molestias, sen fisuras. Non moito corpo. Aprobado alto.
A sopa entoa os corpos e prepáraos para o que vén a continuación. Sopa do cocido, coa auga das carnes, moi rica. Persoalmente prefiro a sopa de cocer o porco co repolo, pero non lle fago ningún asco a esta.
No cocido, un pouco de todo, nubes e claros, nin fu nin fa, cal e area. As patacas, o porco e a tenreira, ben; o chourizo tirando a regular, a verdura (berza e non grelo) mal, brava, algo dura, sosa, sen cortar os cañotos… Apenas a probei… E un cocido sen verdura só é medio cocido.
Comedor Plácido do Hotel Carril. Sopa do Cocido. Comedor Plácido do Hotel Carril. As carnes do cocido. Comedor Plácido do Hotel Carril. Patacas, verdura e garabanzos do cocido.
Malia a experiencia regular do cocido (claro que, a toro pasado…, a quen se lle ocorre comer un cocido á beira do mar!, é como buscar en Lalín ameixas acabadas de apañar nas súas leiras), dicía que a carta do Plácido é unha mestura da zona (aquí si, non faltan as ameixas), e cociña internacional (mi-cuit de pato con vinagreta de pistachos e redución de módena), con propostas tan atraentes como o bacallao con romescu i escuma de pataca ou o arroz inflado con toffee e cremoso de arroz (estes dous pratos forman parte dun menú de temporada formado por dúas entradas, o peixe, unha carne (cordeiro confitado), e dúas sobremesas, todo, con café e copa de Moscatel, por 32 euros).
Comedor Plácido do Hotel Carril 21 Comedor Plácido do Hotel Carril 22 Comedor Plácido do Hotel Carril 23
Prometo probar outras alternativas e informar con máis coñecemento de causa deste comedor Plácido que co cocido me deixou un tanto indiferente.
Comedor Plácido
Hotel Carril
r/ Lucena 18
Carril 36610
Vilagarcía de Arousa
Tlf: 986 511 507
Fax: 986 509 612
E-e: info@hotelcarril.com
Web: Hotel Carril
GPS: 42º61’30”N 8º77’39”W
Localización en Mapas de Google
Guía Repsol: Mencionado
Guía Michelín: Mencionado