Onte celebramos o entroido no Instituto.
Pola tarde, estudando a programación que espera por nós en todo recuncho de Galicia, preguntábame ata que punto a chispa que prendeu a recuperación desta e doutras tradicións e manifestacións culturais non saltou dos colexios públicos de moitas das vilas do país.
Lembro o meu primeiro disfraz, nos primeiros oitenta, de pallaso, no cole de Vincios, (ao que daquela non chegaba o teléfono), xunto a Juan (Carrapuchiña) e Quique (vella); eu de retais vellos atopados na casa e cun lapis hinchable, enorme, que trouxera Alfonso para as rapazas.
Onte moi poucos entenderon o disfraz colectivo dos profes do instituto Terra de Turonio. Iamos de Friki-Likis, uníndonos á crecente marea de Anonymus que poida (ogallá) que sexa a chispa quen de ameazar a deixadez en que vive a sociedade por mor da porcallada que invade o mundo da política.
Claro que cada vez os disfraces son máis comprados e menos tradicionais, menos trapos vellos, menos ‘mascaritas’.
Os que romperon moldes este ano foron Alex e Xose, vestidos (ou espidos) de SuperGalegos; ademais da idea e da execución, estivo a posta en escea. Gustoume. Moito. Vivamos como galegos!
A gran novidade deste ano foi o concurso de doces de entroido. Establecemos catro categorías: flores, orellas, chulas e filloas; poderían ter sido máis (follas de limón, rosquillas…), pero a realidade ensinounos que as únicas que realmente seguen vivas son as orellas e as filloas; aquí si que houbo competencia; pola contra, en flores, só se presentaron dúas, i en chulas, ningunha.
Como en todo, resulta moito máis cómodo comprar na pastelaría da esquina. E así, as receitas tradicionais esquécense, morren, desaparecen.
Algo haberá que facer (non sei o que, tampouco creo que me corresponda a min sabelo) para evitar que as flores, as follas de limón… queden reducidas a simples receitas literarias en libros de cociña galega.
Pero por riba de todo, para min, a sorpresa do día foi a presenza de dous doces especiais para rapaces con intolerancia ao gluten; una delas si, pero o outro rapaz nin sabe el, nin ningún familiar, achegado ou coñecido o que é o gluten. Como presidente propuxen un premio especial do xurado para o biscoito de noces sen gluten.
Seica isto do respecto polas minorías (e non nos enganemos, sexa o risco diferenciador que sexa o que nos converte en minorías, todos, nalgún contexto, somos minoría) comeza a facer mella nos nosos rapaces.
Porque un puño de rapazas chegue a aprender isto, paga a pena o esforzo e o traballo de todo un curso como profesor de lingua galega.
Todo o demais que queiramos aprenderlles son puras andrómenas.
o miolo