o miolo

paparajotes

Pouco antes de que aparecese [o Cabreiro] co rabaño, [a avoa] ía á horta, escollía un feixe de follas de limoeiro, todas tenras, pequenas, do mesmo tamaño, i encerrábase na cociña a facer paparajotes, un doce barato aínda que moi traballoso, difícil de conseguir, porque non resulta doado rebozar as follas do limoeiro, nin fritilas sen que rompa a cobertura dourada, crocante, que se esparexe de azucre antes de que arrefríe...
Ines y la alegría, Almudena Grandes
Independentemente de ser quen de descubrirnos polo miúdo un episodio tan próximo como descoñecido, tan nimio como estratosférico, tan escuro como determinante (polo que puido ter sido, non polo que foi), Inés y la alegría, de Almudena Grandes, (Tusquets, 2010), está construído en base a unha millenta de deliciosos tesouros coma o que veño de reproducir. Pequenas xoias que, unha tras outra, encaixadas con mestría arredor da invasión do Val de Arán pola Unión Nacional Española en outono de 1944, dan pé a unha novela dificilmente evitable para todo español de ben.
Inés, a protagonista, exerce de cociñeira nun dos comedores de oficiais do posto de mando do exército da UNE en Bosost. Con este pretexto, as referencias aos fogóns, á cociña tradicional de moitos puntos de España, a como espantar as fabas ou o xeito de adobar o lombo dun porco acabado de sacrificar son o pan de cada páxina da novela.
Paparajotes
(Imaxe de Calohe, Blog: Las libretas de Calohe)
Hai un par de semanas (Doces de entroido), avogaba pola necesidade de manter vivas as receitas máis ancestrais da cociña popular. E falaba, en concreto, daquelas follas de limón tan populares nalgunhas parroquias como descoñecidas en outros moitos lugares dentro do propio concello de Gondomar.
Follas de Limón Follas de Limón Rebozadas
Como non podía ser menos, atopo (e reproduzo) a receita no meu libro de cabeceira de cociña tradicional galega, o de Cunqueiro (Everest, 1985).
Ingredientes:cunqueiro
200 gr de fariña
1/2 vaso de leite
6 ovos
Follas do limoeiro
Azucre moído
Manteiga de vaca
Mesturar a fariña co leite e incorporar os ovos batidos ata conseguir unha pasta fina na que se introducen as follas do limoeiro ben limpas; escurrilas ben e fritilas en manteca de vaca quente. Xa douradas, retirar da tixola, esparexer con azucre moído e servir. Resultan máis saborosas se non lles quitamos a folla. Tamén podemos facelas coas follas da laranxeira.
Por certo, O Cabreiro, a avoa e os seus paparajotes eran de provincia de Murcia.