o miolo

bar a meca na illa de arousa

Creo que se nalgún momento tiven dúbidas ao respecto, (Comer en a Illa de Arousa), hoxe disipáronse por completo. A mellor oferta da Illa dentro do seu estilo (por certo estilo maioritario) é a Meca.
Tarxeta do Bar A Meca           O Cantiño. A Illa de Arousa
A Meca presume de bar e de non pasar por outra cousa, o bar de sempre, un dos incontables bares dos incontables portos pesqueiros de Galicia, neste caso no Cantiño, na Illa de Arousa.
Un deses bares de barra de mármore, botellas de licor baratas nos estantes do fondo, quizá un espello comido polos bordos, e ruído, moito ruído. E serraduras, envoltorios de azucre e cabichas sementando o chan. Ben, o de cabichas, cada vez menos.
Foto aérea da Illa de Arousa
Procesión do Carme na Illa de Arousa
Un bar onde alguén da familia canta a comida do día, a que cada día chega da mar, básica, sen complicacións, directa aos sentidos, algún marisquiño, peixes, arroces, o inevitable polbo á Illa. Hoxe, luns de entroido, día grande de comparsas e desmadres, unhas filloas a pelo, só co po de azucre.
Un bar con manteis de papel e paredes empapeladas en cadros, de nós mariñeiros, da procesión do Carme, da foto aérea da propia Illa, aquí o modelo a escala dun barco de pesca de altura e alá un corcho que vende un motor fóra-borda a prezo de risa, que anuncia a berbena da noite coa orquestra Pontevedra, que convoca xuntanza de mariscadoras para fixar as quendas de vixiancia nas praias, o xoves, ás cinco, no lugar de costume.
Un bar onde, se estás de sorte, podes ver entrar a un mariñeiro co froito do día acabado de apañar, froito que, tamén con sorte, dez minutos despois pode estar no teu prato.
Bar a Meca. Calamares.   Bar a Meca. Navallas   Bar a Meca. Zamburiñas.
Estamos con Ana, Merce e Pepe e abrimos cuns calamares, unhas navallas e unhas zamburiñas. Todo fresquísimo e o pouco que hai que facer, feito con mestría. Cada bocado unha bocalada de mar, sen aditivos, nin falta que lle fan.
Bar a Meca. Fideos con ameixas.   Bar a Meca. Fideos con ameixas.   Bar a Meca. Arroz de marisco.
De prato forte pedimos dúas de fideo con ameixas e dúas de arroz de marisco.
Persoalmente quedo cos fideos; saborosísimos, coa consistencia perfecta, húmidos pero non afogados, en fin, un prato dez. Coincidindo en que os dous pratos están de refregar o prato con pan, Pepe e mais eu coincidimos en destacar o fideo, Carmen e Merce votan polo arroz. Eu son fan de comer e facer arroces e, por comparación cos fideos, este pareceume un puntiño eslamiado, con menos forza, con menos presenza que aqueles.
Bar a Meca. Filloas de entroido.
De sobremesa, filloas para todo o mundo. 
De bebidas, unha botella de albariño da casa, unha auga grande, unha coca-cola e unha cervexa sen alcol. O pan, que tamén conta, dos máis ricos que probei nos últimos tempos.
… E toda a bacanal anterior… 22 euros por cabeza.
Xa non para repetir, para ir cada día que non apeteza cociñar na casa.
Pero iso si, reservando antes, que onte luns (si, ben, luns de entroido na Illa, pero luns) non collía un alfinete. E se o tempo acompaña, quedar nas mesas de fóra, en plena beirarúa, no centro da movida, donos exclusivos do sol e de toda a frota do porto do Cantiño.
Bar A Meca
Paseo do Cantiño 12
36626 A Illa de Arousa
Tlfno: 986 551 551
GPS:  42º56’31”N  8º86’79W
Localización en Mapas de Google