o miolo

comer en a illa de arousa

Cando chegas de novas a un lugar sen saber onde comer, cada quen ten a súa estratexia de supervivencia. Estratexia ou estratexias, que poden ser moitas. En primeiro lugar están as guías, multiples, heteroxéneas, e cada unha coas súas filias e os seus vicios, normalmente útiles para un determinado estilo de comida. Logo está o vello recurso que eu aprendín do meu pai e que non é outro que o de seguir a Vicente e ir a onde vai a xente: parar alí onde hai moitos coches aparcados á porta, en especial se estamos en estrada e os coches son camións; tamén funciona pero para locais, quizá, no segmeto oposto ao das guías. En terceiro lugar podemos falar de internet, recurso fácil, moi rico, variado… pero con exceso de información e, ademais, co problema engadido de que esta procede en cada caso dun fillo da súa nai do que nin coñecemos á nai nin ao propio fillo. Outro modelo é o de deixarse recomendar por amigos, por coñecidos, por coñecidos de amigos, por amigos de coñecidos de amigos; á hora da verdade os resultados non son moi diferentes aos anteriores.
Agora si, o método que case nunca falla é o de preguntar ás propias xentes da bisbarra, saber onde comen os lugareños.
No tocante á oferta de locais de comida, bebida ou café, a Illa de Arousa pode ser a típica representante das poboacións mariñeiras galegas: un restaurante, bar, café, logoilla mesón, fonda, tasca… por cada cinco ou seis habitantes; se a Illa ten un censo de arredor dos cinco mil almas… botade contas e non iredes moi desencamiñados. Na caracterización dos locais, estes son como a propia Illa; se esta segue a ser un territorio bastante virxe, que consegue manterse sen a lacra do bum inmobiliario desmedido, lonxe das mareas do turismo invasivo, os locais de comida tamén están nesta liña: son os bares e restaurantes de sempre. Se o que se quere é creatividade, cociña moderna, innovadora, mellor buscar antes de chegar á ponte.
A primeira vez que aterramos na Illa, utilizamos o método seguro e fixemos a nosa pequena enquisa entre as xentes de por aquí. Lembro que coincidían bastante e que se podían resumir na proposta, directa e contundente, de Chicho, o rapaz que atendía a oficina de ventas do edificio: primeiro están todos os locais do porto do Chufre, no Paseo Cantiño, son algúns dos máis tradicionais, dos vellos bares de pescadores, o Clube, a Meca, o Porto, o Campiño…, para tapas, o polbo da Illa, peixes e algún que outro arroz ou guiso sobre mantel de papel; a mención especial recae sobre a Meca (o Remanso), clásico polo seu salpicón, sempre tan cheo que case hai que reservar. Claro que para o polbo non hai outro como o Saratoga; pero pouco máis teñen que o polbo, os calamares e se cadra unha navallas. Nun chanzo superior sitúase A Salga, autodefinido como ‘restaurante-brasería’; local máis coidado, con ‘carta’, mantel e apropiado para celebracións. Pero se o que queres é comer ben a onde tes que ir é ao Oasis, comer, comes, claro que tamén pagas. Ultimamente entre a xente máis ‘fina’ está de moda a xamonería-vinoteca A Aldea. E está empezando, ou máis ben daquela empezaba, un novo que puxeron no faro de Punta Cabalo.  
Logo, aos poucos, coa axuda de Luís e Mari Luz, do outro Luís e Flora… fomos confirmando e afinando as nosas propias opinións. Para o estilo bar de toda a vida, sempre fiable e barato (barato en senso relativo e non absoluto: cada materia prima ten o seu valor e, partindo deste, cada quen cobra o que quere), cociña e servizo sen artiluxios, os bares de sempre; quizá por esta orde: a Meca, o Cmapaillaarousaortixo, o Clube… e logo onde atopemos mesa. Un polbo á feira no Saratoga sempre é recomendable. A Salga pode estar ben… pero tamén horrible; tanto podes saír plenamente satisfeito da comida como botar lume porque non che respectaron unha reserva ou porque aquel día tocou unha braxa demasiado viva que queimou o peixe; prezo medio e, o peor, esa sensación de lotería; durante a semana ten menú do día. Para menú do día tamén está o López. Ás veces non está mal unha merenda en A Aldea, un toque un chisco distinto na oferta que se traduce, como non podía ser menos, nuns prezos tamén un chisco por riba dos demais. A Illa conta, tamén, cunha pizzería (O Salva, pizzas e pastas), ben e a bo precio. Chegado o verán, en moitas das numerosas praias da Illa, e como se de setas se tratase, brotan os chiringuitos, por referencias, que non por experiencia propia, todos coas características que definen o chiringuito de praia e a prezos razoable; nas praias de o Vao, Area Secada, Lavanqueira, Cabodeiro, etc.
O que si debes evitar é saír da Illa sen ter tomado un café na de Fina Viñas. Ademais de ser o ‘Rick’ Café da Illa (todos en Casabranca van ao Rick), é o punto de reunión de siareiros e sede oficiosa do Céltiga.
Mención á parte merecen as tapas de callos que poñen os domingos (non en verán) co aperitivo en moitos dos locais da Illa. Tamén as festas gastronómicas que se celebran, estas si, case todos os domingos de verán, tanto ten que sexa do marisco, da navalla ou do polbo, en todas ofrecen o mesmo: empanadas, sardiñas, polbo, navallas, ameixas, tortilla, arroz, algún que outro marisco… todo isto nun ambiente rebuldeiro, ao aire libre, en grandes mesas corridas e a un prezo que sempre anima a repetir. A festa do polbo, no Campo, o resto, no porto do Xufre.
Dado que é o que está ultimamente de moda e o máis visitado pola xente que vén de fóra, pero sobre todo porque aínda non tivemos oportunidade de valoralo dun xeito definitivo, deixo para outro momento a análise completa de O Faro.
Algunhas ligazóns de interese para coñecer A Illa de Arousa: