Para celebrar o Día do Libro o clube de lectura Espazo Lectura de Gondomar, organiza a tercera edición da súa actividade Dar de ler coma quen dá de beber.
Espazo lectura é unha iniciativa privada de xentes que viven no concello de Gondomar, que gostan do libro e da lectura, e aos que non lles importa perder un anaco do seu tempo de lecer para organizar actividades arredor dos libros.
Este ano no día do libro reúnense na xamonería Catro Camiños para dar de ler coma quen dá de beber, ou sexa, para organizar as súas lecturas na taberna. Así, o venres 23, a partir das 19.30 horas, haberá distintas persoas lendo en voz alta diferentes textos literarios; poderemos achegarnos a xamonería, pedir un viño e unha tapa e quedar alí o tempo que queiramos comendo, bebendo e escoitando.
A xamonería Catro Camiños é un local sempre aberto a actividades deste tipo. Situada na rúa Manuel Alonso, en Gondomar (localización), ten unha boa oferta de viños (en botella ou por copa) e varias billas de cervexa de importación; para empurrar, táboas de embutido, queixo e xamón. Ademais, os domingos pola mañá achégase por alí unha pulpeira acompañada, unha vez ao mes, de Benito e os seus amigos gaiteiros para organizala.
As actividades da semana do libro e a lectura organizadas polo Espazo Lectura por mor do Día do Libro desenvolveranse ao longo de toda a semana do 19 ao 24 de abril. Van desde actividades específicas para as diferentes idades (Contomar, entre 3 e 9 anos, Club de lectura compartida Lendo contigo, de 8 a 11 etc), a un Obradoiro de Ilustración ou ao Club de lecturas debuxadas no que se traballa arredor dunha banda deseñada. Para máis información sobre a semana e o propio Espazo Lectura podedes visitar o seu blog que, ademais de moita información, resulta moi atractivo.
o miolo