A resposta é sinxela. Unha mestura entre dúas das miñas afecciones favoritas, a comida e a fotografía.
Durante o presente trimestre, no IES Terra de Turonio (Gondomar), e uníndonos á experiencia de radio escolar galego-portuguesa Ponte nas Ondas, estamos a traballar coa rapazada a importancia deses tesouros vivos que son os avós. De como as persoas maiores gardan a memoria, a tradición, a cultura popular que xustifican unha parte importante de por que hoxe somos como somos, aínda máis, de por que hoxe somos quen somos. Entre outras actividades pedimos aos mozos e mozas que procurasen fotos antigas que topasen por casa e que as trouxesen, logo entre todos escaneámolas e montamos unha exposición.
Cando empezaron a chegar as fotos, a nosa sorpresa foi maiúscula; nunha zona rural como a nosa, con parroquias de acceso realmente complicado, incluso hoxe, xa no século XXI, descubrimos non menos de cinco grandes artista da fotografía; atopamos grupos de fotos, de diferentes procedencias, nos que fotógrafos anónimos dos anos trinta, corenta, cincuenta ou sesenta son quen de retratar con auténtica mestría desde unha procesión ata unha escena dos labores do campo.
Pregúntome quen serían estas persoas. Onde e como puideron aprender as técnicas, que cámara utilizarían e como a conseguiron, o que terían que facer para comprar carretes e logo revelalos, cantos quilómetros haberían de percorrer, a qué terían que renunciar para conseguilo, con quen poderían cambiar impresións da súa afección, onde podía alimentala, quen podía comprender as fotos que facían, cantas veces os tildarían de tolos por retratar aquelas cousas…
Hoxe traio unha serie de cinco fotos do mesmo autor sobre a matanza do porco. Do autor só sei que era de Peitieiros, unha das parroquias de Gondomar, e que era tío-avó dun dos nosos alumnos.
Non sei a quen podería corresponder a iniciativa, quizá a algún departamento da administración galega, talvez a un organismo para-oficial como o Consello da Cultura Galega, poida que a unha iniciativa privada na que nos unísemos todos os centros de ensino de Galicia, pero o caso é que habería que facer un esforzo de recompilación de fotografías anónimas do século XX no que quedase plasmada a memoria visual de todo un século de historia de Galicia. Se falamos de coleccións privadas, anónimas, hoxe xa se perderon unha boa parte dos soportes dos primeiros anos; e cada ano que pasa, o deterioro das fotografías esquecidas nos fondos dos caixóns de miles de casas galegas avanza de xeito irremisible, haberá un tempo en que xa non teña remedio e no que algúns nos tiraremos dos pelos.
Por certo, xa hoxe, ano dous mil dez, que mellor xeito de explicar á maioría dos nenos galegos, que xa non teñen nin idea do que é, en que consistía un festexo tan habitual e popular como a matanza do porco, como a través dunha colección de fotografías de innegable sentido artístico?