Espero que esta si sexa a entrada definitiva para axudarnos a interpretar as recomendacións das guías gastronómicas de Portugal.
Despois de todos os posts anteriores (Algo sobre as guías gastronómicas de Portugal e Perder o norte), e o definitivo de onte para elaborar o listado de restaurantes recomendables de Porto (Comer en Porto segundo as guías gastronómicas), hoxe presento un par de reflexións ás que chego a partir de todas as observacións que fixen para elaborar estas entradas.
Igual que existen restaurantes con diferente tipo de cociña, tamén as guías (ou mellor dito, as xentes que elaboran as guías), teñen as súas propias debilidades.
Dun xeito xeral hai unha serie de guías que poderiamos considerar ‘clásicas’ ou de ‘cociña tradicional’, son as guías de sempre: o Net Menú, co seu destaque para a guía de restaurantes de José Silva, a Michelín e a Repsol; en xeral son guías cuxa versión principal é impresa.
Fóra o Net Menú (on line pero tomando como base a guía impresa), as guías de internet están máis actualizadas e responden a gustos relacionados con ‘outras’ cociñas (creativa, étnicas, fusión, etc.).
Se admitimos, inda que sexa coas salvidades dalgún cambio de posto ou dalgunha presenza-ausencia, que a lista presentada no post Comer en Porto segundo… pode resumir a realidade actual da restauración na cidade de Porto, atopamos un dato moi significativo.
Sen dúbida, hai dúas guías ou listados que destacan pola súa fiabilidade: a elaborada pola revista Wine e a do periódico Expresso. Os catorce restaurantes da selección están na guía do Expresso; ben é certo que o listado deste periódico é moi completo e, ademais dos catorce primeiros, analiza outros trinta e cinco restaurantes da cidade de Porto; cómpre salientar que dos catro locais aos que outorgan o Garfo de Ouro tres están entre os quince seleccionados; o cuarto sería o inmediatamente posterior na lista, o que ocuparía o lugar quince: O Bull&Bear.
No tocante á revista Wine, só un restaurante do top14 elaborado, o Casa Branca, non está na lista desta revista. Ademais dos trece que si están, analiza e valora outros vinte restaurantes de Porto. Ás veces falta coincidencia entre o posto que ocupa o restaurante na lista e a puntuación que lle outorga a Wine, pero a fiabilidade é moi alta. O único caso que chama a atención por nota moi alta no Wine (4,9/5) sen ter pasado o corte dos catorce é Le Coin, restaurante de luxo do hotel de cinco estrelas Le Porto Palacio (neste hotel tamén está o xaponés Góshò, que non sei se polos prezos moito máis razoables, pero cunha maior aceptación).
Dos oito restaurantes recomendados pola Guía Repsol catro están na selección e catro non; os dous destacados cun Sol si están e aparecen nos lugares 2 e 4 do listado cunha coincidencia que podemos considerar como alta. Fóra o Foz Velha, son todos restaurantes clásicos da cidade de Porto aínda que un deles, só un, de corte moderno (Bull&Bear) e como xa escribín, non pasa o corte pero queda aí.
De quince restaurantes recomendados pola Michelín 2010, hai máis que non están no listado definitivo (8) que os que si están (7); ningún dos restaurantes significados co Big Gourmand (Degusto e Machado) están na selección global. Os restaurantes que ocupan os tres primeiros lugares do top14 si están na Michelín. Esta guía ten unha tendecia algo máis importante que a Repsol para recomendar ‘novas’ incorporacións aos seus listados, aínda que siguen prevalencendo os de corte máis clásico.
Non podo nin quero ser tendencioso pero tampouco desexo pechar esta reflexión sen unha mención á miña debilidade coñecida polo blog OPortoCool. Podemos elixir este ou aquel, o que queiramos ou ao que lle teñamos máis predilección persoal, pero para axudarnos na orientación por un local ou outro de comida, sempre convén ter a man un blog de confianza. Así como son moitos os dedicados en xeral á gastronomía, ás receitas e tradicións, non hai moito blog personal portugués que se centre na análise de restaurantes. De feito O Porto Cool non é específico de restaurantes senón de todo aquilo que está quente na cidade de Porto. Aínda así, dos catorce restaurantes do top, dez están analizados e recomendados neste blog, os catro que faltan son o Chanquinhas, o Portucale, o Casa Branca e Os Lusíadas, ou sexa, os máis tradicionais do top. Fóra do top aínda habería outras trinta recomendacións dignas de ter en conta.
Hoxe non pretendía recomendar nomes concretos nin opinar este restaurante é mellor que aquel ou a min gústame máis. O traballo de hoxe era tentar analizar de que guías podemos fiarnos máis para elixir ese restaurante en Portugal que máis se axuste ás nosas preferencias de tipo de cociña. Non sempre será a mesma. Dependendo do corpo que tengamos ese día, podemos ir a unha ou a outra cunha idea da tendencia do que nos imos atopar.
Espero telo conseguido.
Pregúntome o que pasaría de facer estes mesmos estudos ao tratamento que dan as guías aos restaurantes galegos.
Quizá algún día…
o miolo