o miolo

restaurante bull&bear, porto

Disque rectificar é de sabios.
De sabios que con anterioridade non o foron tanto pois meteron a zoca.
Sen maior pretensión que a de rectificar un grave erro meu, escribo esta entrada sobre o restaurante Bull&Bear.
O pasado 18, en Comer en Porto seguindo as guías gastronómicas, facía unha especie de clasificación dos restaurantes de Porto tendo en conta bullbeara súa aparición en diferentes guías de restaurantes. O criterio para ordenar os locais era, precisamente, e dentro das sete seleccionadas, o número de guías en que aparecían. Ao final quedaba unha lista de 14 restaurantes encabezados polo Foz Velha, o único que estaba presente en todas as guías; no resto, até catorce, había tres con presencia en cinco guías, e os demais, dez, valorados por catro.
A continuación facía unha breve interpretación dos datos partindo do meu coñecemento dalgúns dos locais e, xa por último, amosaba a miña extrañeza por unha sensible ausencia: o Bull&Bear da avendida de Boavista; os termos textuais que alí utilizaba eran:
Por último, e na liña de restaurantes modernos, está, segundo a miña opinión, (ou mellor non está) o gran ausente da lista: o Bull&Bear; o que para min foi a punta de lanza da cociña de autor en Porto ocupa o lugar inmediatamente posterior na lista (o 15), ao figurar unicamente en 3 das guías (NetMenú: (4/5), Repsol: mencionado e Expresso: mencionado desde o 2005 con Garfo de Ouro). No Bull&Bear fixen un dos meus primeiros menús de degustación (con viños diferentes, un para cada prato), e, co meu persoal criterio de valoración dos restaurantes, ‘repetín varias veces’.
bb-logo-pb-top
Pois ben, hoxe teño que rectificar. Como non estaba moi convencido do resultado, púxenme a mergullar na rede ata que atopei a xustificación a unha situación que se me antollaba difícil de asimilar.
Algunha vez escoitara referencias a un novo concepto gastronómico na cidade de Porto, o bbGOURMET. Atando cabos descubro que o bbgourmet é un novo grupo gastronómico formado por tres ofertas diferentes: unha tenda gourmet con doces e pratos preparados, un local para picar e facer comidas ou ceas informais, xunto ao anterior e os dous na rúa Antonio Cardoso (o bbMaiorca), e o buque insignia, o clásico restaurante de Porto Bull&Bear (bbgourmet Bull&Bear), reformado por completo na súa feitura física pero disque mantendo a filosofía de sempre e tamén a ubicuación en Boavista, nos baixos da nova Bolsa. Seica para os iniciados, o restaurante pasou a ser directamente o bbGourmet e así é como xa aparece nalgunhas guías.
Porto Bull&Bear Cartel
Deste xeito, o Bull&Bear pasa de estar presente en só tres guías, a estar en cinco (ademais de NetMenú, Repsol e Expresso, atopámolo baixo o nome bbGourmet na selección da revista Wine, con 3,5 puntos sobre 5, e nas recomendacións do blog OPortoCool. E, así, catapúltase, de non estar na lista de privilexiados a ocupar o segundo lugar compartido co Chanquinhas e co Terra.
Todo volve a estar no seu lugar.
A continuación actualizo o cadro de honra de restaurantes de porto segundo as guías e atendendo a esta modificación:


Restaurante Zona Tipo Prezo 1 2 3 4 5 6 7
Foz Velha Foz Aut 4 4 3,8 S S S GO 23º
Bull&Bear Boavista Med/Aut 4 4 3,5 S S GO
Chanquinhas Leça Tra 3 4 3,2 S Sol S
Terra Foz Med 4 3,5 S S S 80º
Portucale Centro Por 5 5 3,0 Sol S
Buhle Foz Med-Asi 4 4,9 S S 38º
Shis Foz Asi-Fus 3 4,5 S GO 69º
Os Lusiadas Matosinhos Mar-Pei 4 4 4,5 S GO
Góshò Boavista Xap-Fus 3 4,4 S S 48º
Artemisia Bombarda Int-Act 3 3,4 S S S
Cafeina Foz Int 4 4,2 S S S
Casa Branca Gaia Tra-Por 3 4 S S S
O Cometa Miragaia Aut-Por 3 4 2,5 S S
Sessenta Setenta Massarelos Aut-Int 3 3,5 S 60º
Don Juan Matosinhos Esp 3 4 4,2 S S

Lenda:
Tipo de Cociña
: Autor, Tradicional, Portuguesa, Mediterránea, Asiática, Fusión, Internacional, Marisquería, Peixe, Churrasco, Española
Prezo: De 1 a 5: De Moi Barato a Moi caro considerando o 3 como o Prezo Medio, arredor dos 25 € por persoa 
Guías:   1: NetMenú      2: Wine     3: Michelín     4: Repsol     5: O PortoCool     6: Expresso      7: Mesa Marcada
S: O restaurante aparece mencionado na guía correspondente
NetMenú: Valoración de 0 a 5 en valores enteiros
Wine: Valoración de 0 a 5 en valores expresados en décimas
Michelín: Est: Estrelas; Bg: BigGourmand
Repsol: Sol
Expreso: GO: Garfo de Ouro
Mesa Marcada: Posto na lista de todo Portugal, desde o 1 ata o 101
O nome do restaurante aparece en claro para dirixirnos á páxina web
Pinchando no nome do barrio en que está o restaurante accedemos á localización en Mapas de Google


Quédame a dúbida de se o cambio afectou á oferta gastronómica do B&B.
Antes de emitir a miña nova opinión debo visitalo de novo para ver se se trata unicamente dun cambio de imaxe ou o cambio afectou tamén ao concepto.