o miolo

bar restaurante o tropezón

O bar restaurante Tropezón é un deses locais dos que non podes dicir que paras nel animado polas guías, tampouco porque che atrae a súa feitura externa cando pasas por diante, non porque esperes unha desas refeccións que marcan época.
Ao Tropezón chegas porque alguén che falou del, ou porque pasas por diante e ollas a cantidade de coches aparcados na explanada enfronte, ou polo balbordo da xente que, con bo tempo, agardan o seu momento bebendo un viño na porta de entrada.
Nós chegamos grazas a Luz e Luís, os nosos sufridos compañeiros de papatorias polas terras do Salnés tomando como base de operacións a Illa. E a Luís alguén lle falou do Tropezón en Vigo, no choio, nese niño de gastrónomos que é Vulcano. De Vulcano saíu Benigno, o larpeiro da TVG; cando fixen o meu segundo curso de cata de viños coincidín con catro compañeiros de Vulcano que se sabían todas; un deles, Manolo, un gastrónomo exquisito que coñece todos os recunchos de Vigo e arredores para localizar a mellor empanada de veiras, o mellor mexillón, a mellor bica ou o mellor pan de forno.
tropezontropezon1
O Tropezón é un bar. Como moitos outros en Galicia caracterizados pola garantía absoluta; a estes locais acodes sabendo o que vas atopar, nada de luxos, nada de imaxinación, ningunha concesión. Un marisquiño, un peixe, unha sobremesa, un albariño embotellado e etiquetado por eles…
Tamén sabes que os mariscos non son espectaculares, pero si de garantía. Que o Restaurante Tropezon 2 peixe vai estar no seu punto exacto de elaboración, que as sobremesas son caseiras e que, como último recurso, sempre está a tarta ao wisqui.
A última vez que estivemos no Tropezón, o sábado, compartimos unhas cigalas, unhas ameixas á mariñeira, unha de pescada rebozada e dúas mousses de limón. De beber, refresco, auga e un vaso do albariño da casa. As cigalas eran dez, pequenas pero saborosísimas; as ameixas, na liña de sempre, quizá hoxe se lles escapou un pouco a man no pemento. A pescada é practicamente o único peixe da carta e a protagonista absoluta do Tropezón é a pescada con allada; no Tropezón todo o mundo toma a pescada… por algo será. Se cadra ese día toca algún peixe pequeno, do día, ou o filete. Pouco máis.
Iso si, por todo o dito, dúas persoas, pagamos 35 €.
O tropezón está xusto na foz do río Umia, nas marismas, no lugar de Ponte Cstrelo, así que despois de ben comer e mellor beber, sempre podemos facer a dixestión cunha pequena camiñada seguindo o curso do río ou polas marismas, achegándonos ás vellas tellerías.

Restaurante Bar Tropezón
Enderezo: Ponte Castrelo - Sisán
Localidade: Ribadumia  (36638)
Teléfono: 986 542 409
E-e:  
Web:
XPS:  42º30'00"N / 8º48'14"W
Localización en Maps de Google