Hai uns días, e baixo o título de A matanza do porco, falábavos da actividade que fixemos cos rapaces do instituto de recollida de fotos antigas. Alí deixaba unha pequena-gran serie de seis fotos que describían o proceso da matanza.
Hoxe quero completar a aportación con outra serie de fotos feitas por familiares dos nosos alumnos e alumnas e que eles trouxeron para a exposición. Hai fotografías de voda e dalgún acto relixioso, hai fotografías dos labores do campo e, en especial, hai retratos; todos son retratos particulares, feitos por afeccionados, nas condicións das que vos falaba na entrada da matanza do porco.
En todo caso son imaxes, desde o meu punto de vista, dun gran calidade; o tema da parella de noivos que vai polo camiño coa comitiva detrás, a composición do grupo de xentes que traballan na terra, o punto de vista da procesión, a exactitude na exposición do retrato das dúas velliñas…
En fin, disque unha imaxe vale máis que mil palabras. Aquí quedan. Cunha lembranza especial aos fotógrafos afeccionados que as fixeron. Un é un tal Pepe, outro Manolo, de Peitieiros, de Couso, de hai trinta antos, corenta, cincuenta. Tamén unha lembranza aos rapaces que fixeron o traballo de recompilar o material.