O primeiro a destacar é a ubicación, ao norte de Ferrol, camiño das praias e de cabo Prior. O lugar chámase Balón e nós chegamos axudados por ese aparatiño tan útil en situacións como a presente que se chama XPS. A cuestión debe ter o seu aquel pois o reverso da tarxeta do restaurante é un pequeno mapa orientativo e, na parte dianteira, como dato más salientable, fóra o teléfono, claro está, aportan as coordenadas da súa localización: latitute 43 grados 29 minutos 49 segundos norte e lonxitude 8 grados 16 minutos 25 segundos oeste.
A Gabeira ocupa o espazo, reformado, da casa de comidas orixinal, fundada nos felices vinte pola familia Campos. Accedemos a través dun pequeno bar a un distribuidor con grandes cristaleiras á cociña e paso aos distintos comedores. A decoración resulta agradable, cálida, mestura de sobriedade e luxo baseados nos tons granate. Chaman a atención os pequenos detalles co cliente como as toalliñas individuais ou o pack desechable de cepillo e pasta de dentes, mecos que pouco a pouco van callando e se agradecen.
A carta é ampla e, como me ocorre nalgunhas ocasións despois dunha primeira ollada, estou tentado en comer a base de entradas: o polbo guisado con papada de porco ibérico, limón e patacas, os canelóns de matanza sobre crema se sopa de allo, a lasaña de centola, a tosta de maniñas de porco, boletus, cebola vermella e piñóns, ou o guiso de fabas de Lourenzá con erizos e berberechos. Por certo, e ligando coa festa do queixo de Arzúa e coas receitas en base ao queixo, teñen unhas filloas salgadas recheadas de champiñóns con crema de queixo de Arzúa. Deixando, tamén de lado, a oferta de mariscos das nosas costas, decidimos compartir un foie marinado con Pedro Ximénez e compota de marmelo: impecable.
Pero os pratos, ben de peixe, ben de carne, tamén tiran con forza. O lombo de raia con berza e garabanzos, a lubina con muselina de allos sobre fondo de grelos ou o tronco de solombo de tenreira con pementos do piquillo. Despois de moita indecisión e paladear todos os pratos na imaxinación decidímonos, Carmen por un bacallao en crocante de brona con pementos asados e eu pola paletilla de cordeiro con mollejas e espárragos trigueiros. Guau… o cordeiro… perfecto, en todos os sentidos; quizá non me casaban moito os espárragos pero tampuco molestaban, as pataquiñas, pola contra, ao mesmo nivel que o cordeiro. Debo recoñecer que hoxe quedo un pouco decepcionado pola sobremesa; creo que por culpa miña, xa me sentía un pouco empapuzado, aínda que a oferta tampouco me seducía demasiado. Acabei cun clásico xelado con chocolate quente e Carmen cunha cañas recheadas de chocolate branco acompañadas de xelado de mazá. Co viño, como di Pepe, deixámonos enganar e pedimos o que ofrecen como selección da casa, un Gran Feudo, Viñas Vellas, Reserva de 2004, feito a base de tempranillo, garnacha e merlot; un viño de feitura moderna nada, nada desprezable, con bos aromas nos que prevalecen os froitos do bosque e excelente boca, con corpo e persistencia, e todo isto por 13 euros. Con café e uns chupiños de herbas por conta da casa, 84 €.
Creo que non podo facer mellor eloxio que dicir que os catrocentos quilómetros que, ademais da comida, lle metemos ao corpo (volvemos dando toda a volta pola costa… Mugardos, Ares, Redes, Perbes, Miño, Cabanas, Sada, Oleiros…) pagaron sobradamente a pena e acabaron en todo menos en indixestión. Malia que non me casa moito coa estética dos Nove en detalles como a decoración, a falta dun menú de degustación ou as racións un tanto contundentes (cando menos para nós, que non somos de moito comer), si vexo detrás as esencias do grupo: bos produtos galegos (aínda que non exclusivamente), excelente técnica e tratamento deses produtos, boas doses de creatividade, etc.
Restaurante A Gabeira - Miguel Ángel Campos
Enderezo: Balón 228
Localidade: Ferrol (15705)
Teléfono: 981 319 057
E-e:
Web: Grupo Os Nove - A Gabeira
Tipo: Mercado-Creativa
XPS: 43º 29' 49" N 8º 16' 25" W
Localización en Mapas de Google
Gourmetour: Mencionado
Michelín: Mencionado
Repsol: Mencionado
Verema: 8,5 (1)
Enderezo: Balón 228
Localidade: Ferrol (15705)
Teléfono: 981 319 057
E-e:
Web: Grupo Os Nove - A Gabeira
Tipo: Mercado-Creativa
XPS: 43º 29' 49" N 8º 16' 25" W
Localización en Mapas de Google
Gourmetour: Mencionado
Michelín: Mencionado
Repsol: Mencionado
Verema: 8,5 (1)