A oferta era tentadora.
Menú de Entroido 2011. Sopa, lacón, faldra de tenreira, costela de porco, cacheira, touciño, chourizos, grelos, patacas e garabanzos; filloas doces recheadas de chocolate quente; viño Mencía, auga mineral, café e chupitos. Prezo por persoa 25 euros.
Como aínda non comeramos un cocido de entroido como deus manda (en realidade por estas datas deus manda máis a cacheira que o cocido completo), e coas boas referenzas que tiñamos do Plácido por parte de Luz e Luis, alá fomos e reservamos mesa para os catro o sábado de entroido.
A situación é inmellorable, en primeira liña da praia de Compostela, sobre o paseo, case entrando no casco de Carril. Hotel de catro estrelas, moderno, agradable, funcional, co vermello coma nota de cor sobre os brancos, negros e grises. O restaurante (máis propiamente o ‘Comedor’) bautizárono como Plácido e comeza a facerse un nome na variada e competitiva oferta do Salnés.
Bo comezo.
O mencía resulta ser un Casa Moreiras, de Pantón. Presume de facer viño desde 1692.
Tira do cocido con dignidade. Viño novo con toda a esencia de uvas e terra dos socalcos da Ribeira Sacra. Fresco. Afroitado. Agradable en boca; equilibrado, sen molestias, sen fisuras. Non moito corpo. Aprobado alto.
A sopa entoa os corpos e prepáraos para o que vén a continuación. Sopa do cocido, coa auga das carnes, moi rica. Persoalmente prefiro a sopa de cocer o porco co repolo, pero non lle fago ningún asco a esta.
No cocido, un pouco de todo, nubes e claros, nin fu nin fa, cal e area. As patacas, o porco e a tenreira, ben; o chourizo tirando a regular, a verdura (berza e non grelo) mal, brava, algo dura, sosa, sen cortar os cañotos… Apenas a probei… E un cocido sen verdura só é medio cocido.
Malia a experiencia regular do cocido (claro que, a toro pasado…, a quen se lle ocorre comer un cocido á beira do mar!, é como buscar en Lalín ameixas acabadas de apañar nas súas leiras), dicía que a carta do Plácido é unha mestura da zona (aquí si, non faltan as ameixas), e cociña internacional (mi-cuit de pato con vinagreta de pistachos e redución de módena), con propostas tan atraentes como o bacallao con romescu i escuma de pataca ou o arroz inflado con toffee e cremoso de arroz (estes dous pratos forman parte dun menú de temporada formado por dúas entradas, o peixe, unha carne (cordeiro confitado), e dúas sobremesas, todo, con café e copa de Moscatel, por 32 euros).
Prometo probar outras alternativas e informar con máis coñecemento de causa deste comedor Plácido que co cocido me deixou un tanto indiferente.
Comedor Plácido
Hotel Carril
r/ Lucena 18
Carril 36610
Vilagarcía de Arousa
Tlf: 986 511 507
Fax: 986 509 612
E-e: info@hotelcarril.com
Web: Hotel Carril
GPS: 42º61’30”N 8º77’39”W
Localización en Mapas de Google
Guía Repsol: Mencionado
Guía Michelín: Mencionado
o miolo