o miolo

un agarimo na feria do cocido de lalín

Desde hai uns poucos anos estase a converter nunha agradable tradición. Calquera fin se semana entre san Mauro e san Valentín achegámonos a Lalín a regalarnos un bo cocido. Pero iso si, nunca no odioso día da feira.
Paréceme unha mágoa (pero sobre todo unha vergoña) que o que deberían ser e medrar como auténticas festas populares (dopobo) teñan sido abducidas dun xeito tan escandaloso e cicateiro polos políticos. E como mostra, dous botóns, polo demais, moito máis que significativos: esta do cocido de Lalín e a Festa do albariño de Cambados.

feria_cartel 

Claro que sempre nos queda vivir a festa como (cada vez máis) a sociedade civil estamos a vivir a realidade cotiá: de costas aos (nosos?) políticos.

 Feira Cocido

En anos anteriores pasamos por restaurantes tan paradigmáticos como A Molinera, Mouriño ou O Cruce. Temos recomendacións para visitar A Estación, Taboada e outros varios. Pero este ano tocoulle a quenda a un local de ampla tradición e merecido prestixio, recoñecido con non poucas distincións, sen ir máis lonxe, o de preparar o cocido oficial desta XLV feria.

agarimo2  agarimo3

Falo de Agarimo, na avenida de Montserrat, fronte ao campo de fútbol.
Magnífica sona para unha casa de cocido, agarimo: cariño, mimo, meco, caricia... Un bo cocido deixa no padal a sensación dun número indefinido de sabores diferentes, pero todos eles, sen excepción, apoiados nunha textura sempre suave, delicada, agarimosa. E se a festa remata coa selección de sobremesas deste Agarimo, a evocación ao cariño, ao meco, asoma de xeito espontáneo, natural, case obrigatorio.

Agarimo5 Agarimo1

O Agarimo fica fóra do casco urbán, na saída cara a Botos, no baixo dunha casa de dous andares. Accedemos ao restaurante polo bar, adornado con fotos das moitas das visitas ilustres que nos precederon. O comedor asoma amplo, con abundante luz artificial e nun estilo que poderiamos bautizar como estilo Dallas: ampuloso, a base de madeiras, mármores, dourados e moito espello; coas súas lámpadas de lágrimas, coas sillas forradas e o forro atado con enormes lazos, certas reminiscencias neoclásicas, non moi recargado pero, para min, si algo excesivo e cargante.
En fin, disque para gustos se inventaron as cores, o estilo Dallas ten admiradores pero dista un bocado das miñas austeras preferencias estéticas.

agarimo6 agarimo7

Neste Agarimo ofertan o cocido tradicional e un 'cocido de crise'. A diferenza estriba no prezo (35-25 euros) e na variedade e cantidade dos complementos (o viño, as sobremesas, os chupitos, a queimada final, etc.) Por ser hoxe, homexaneámonos co cocido tradicional. O viño é un Algaira que molla moi decentemente o cocido.

 agarimo8

Comezamos cunha delicadeza da casa: uns mexillóns escabechados, servidos en lata, que están realmente bos.

 agarimo9

Seguimos coa sopa de pasta. Agradécese coa friaxe que vai na rúa, esa mesma que converte a Lalín nunha das capitais de cura do porquiño. Anuncia, sen ambigüidades, o que vén a continuación.

 agarimo10 agarimo11_2 agarimo13 agarimo12

O cocido.
Unha fonte con grelos e patacas; a cunca dos garabanzos (importación de castela, seica definitivamente adoptada polo cocido galego) cun anaco de lingua e os chourizos pingando por todo o vai por debaixo (chourizo de carne e chourizo de cebola); a bandeixa do lacón (con racións ben contundentes de magro pero sen faltar deses bocados que tiran á graxiña e á pel e que para min resultan moito máis saborosas e, xa postos, agarimosas) e os trozos de orella (en realidade moi pouco de orella e bastante de todo o vai ao seu arredor: bos bocados da cacheira); unha nova fonte, neste caso con unlla e costela salgada. Logo, aos poucos, haberá ofertas continuas para repetir de todos os bocados ou para probar algún novo, chámese rabo, galiñaa da casa ou só deus sabe que.

agarimo14 agarimo15 agarimo17 agarimo16 agarimo18

As sobremesas.
Sen menosprezar as bondades do cocido, destaca como elemento que identifica e marca a diferenza (e suaviza o prezo) deste Agarimo. Queixo con marmelada. Requeixo cunha mini-tella de améndoa. Leite fritido. Filloas con mel. Rosquillas da avoa. Torta de castañas. Todas en racións de bocado, suficientes e proporcionais á variedade. Todas un alarde de elaboración e de esemerada presentación. Pero, sobre todo, todas facendo honra á sona do local, bocados de textura morna, deliciosos, todos, un por un, auténticos agarimos.

 P1080030

Por certo, xa que estamos en Lalín, unha visita cada vez máis inexcusable é á nova casa do Concello. Comeza a ser unha auténtica icona da cidade. Proxecto de Tuñón e Mansilla, inserida no boom arquitectónico da burbulla, que, para min, es das obras que mellor agradece e xustifica toda a inversión que se teña feito nela.

Restaurante Agarimo
Avenida Montserrat 2
(36515) Donramiro. Lalín.
Teléfono: 986 780 902
Fax: 986 78 09 02
GPS: 42.651889N    8.124568W
Enderezo-E 
Web
Facebook
Localización en Mapas de Google