o miolo

a fonte. un tesouro por descubrir

Restaurante A Fonte 04 

Quen máis quen menos todos temos ese par de locais especiais que gardamos como se do mellor tesouro se tratase.
Adoitan ser bares remotos, sinxelos, familiares, perdidos en algures e que ou ben son herdanza de pais a fillos ou ben funcionan grazas a radio macuto.

Restaurante A Fonte 01

Onte estivemos en A Fonte, Armenteira, con Luz e Luis.
A eles faláranlle Flora e Luis, e a estes, uns amigos, e aos amigos outros coñecidos, nestes cuartos ou quintos coñecidos xa perdemos a pista, pero así seguimos ata atoparnos neste sábado de entroido cun local totalmente cheo.

Armenteira 1  Restaurante A Fonte 02

Falamos do mosteiro de Armenteira, a uns metros do arco, dun restaurante-café-bar que semella deses que levan aí toda a vida.
O comedor, ao que pasamos a través do bar, resulta dificilmente acolledor.
Pequeno, oito ou nove mesas, non máis; moi, moi branco, limpo, pulcro, case aséptico; mobiliario novo e impersonal; moitísima luz, intensa, branca, cálida en contra de toda lóxica; as mesas cos seus pratos, coas cuncas, con ese orixinal letreiro de mesa reservada. Todo moi preto, pero ao mesmo tempo extraordinariamente afastado do café-bar-tasca ao que quen máis quen menos estamos afeitos.

Restaurante A Fonte 06

Hai carta, pero o auténtico mérito, a elección case obrigatoria é a que escoitas de viva voz, a cociña caseira do día de hoxe. Sopa, callos, ovos con chourizo (estandarte da casa), galo de curral, carne estufada e cocido de entroido.
Facemos unha elección variada que cubre todas as frontes. Luis vaise pola sopa e o cocido. Os demais abrimos cuns calliños que completamos, Carmen cos ovos e o chourizo fritidos, Luz co galo e eu coa carne estufada, nos tres casos cunhas marabillosas patacas fritidas no momento.

Restaurante A Fonte 07 Restaurante A Fonte 08

Os primeiros son a fartar. Directamente na pota; quen di na pota di na sopeira, pero tanto ten, cantidade abondo para engordar a outros tantos como os que hoxe somos á mesa.
Os callos, de libro. Como a min me gustan: moita chicha, os garabanzos ben tenriños, un leve toque de picante, suficiente para alegrar o bocado e xusto para non espantar a lingua.

 Restaurante A Fonte 11 Restaurante A Fonte 15

Os callos, a carne, o galo... todo son sabores que lembran á avoa.
O tinto barrantes no meu caso regado con gasosa. Todo cen por cen caseiro, tan sinxelo como elaborado, sen artificios innecesarios, produto da sabedoría de séculos, de cociña de leña a arder toda a mañá, dunha conxunción aprendida da experiencia, do facer de cada día, de produtos acabados de coller na horta.

 Restaurante A Fonte 16

Do cocido só podo dicir que o aspecto é dos que directamente abren o apetito, que recibe o beneplácito cum laude do comellón de Luis, e que os demais opinamos que haberá que vir probalo antes de que remate a tempada do mellor cocido.
As sobremesas, algo frouxas: piña, melocotón, xelados, queixo con marmelo... e unhas orellas oferta da casa que veñen co café de pota, as pingas e os chupitos.

E, claro, o mellor broche posible: 15 euros por comensal.

Mosteiro de Armenteira 21 Ruta dos muiños de Lores 09

E logo, se cadra, unha visita ao mosteiro, ou unha pequena camiñada pola ruta da pedra e da auga, ou a ruta BTT das Fontes... E todo isto tomando como centro e punto de partida este restaurante A Fonte ao que seguro volveremos.

Restaurante A Fonte
Vilar, 5 - Armenteira
36192 Meis Pontevedra
Teléfono: 986 710 003
GPS: 42.464673N  8.741278W
Localización en Mapas de Google