o miolo

Ou, o que é o mesmo, aquilo de falar da feria segundo che foi nela.
Ademais dos tópicos, modas, costumes e outras bagatelas, é o outra das grandes trampas coa que nos atopamos cando se trata de valorar un restaurante: a subxectividade. Abonda unha mínima parvada, un detalle nimio, o aleteo dunha mosca para encumbrar ou botar polo chan a credibilidade dunha casa de comidas.

crucerail

Isto das opinións funciona como as bólas de neve: é suficiente cunha pedriña, unha pequena saída do rail, unha elección equivocada para que a partir de aí o camiño se torza por completo e acabes onde non querias: valorando todo en negativo.
E tamén o contrario.
Un día de sol, a simpatía do persoal, unha especial predisposición poden axudar a limar asperezas e que todo che conduza a unha valoración en positivo na que esqueces as pequenas (ou non tan pequenas) eivas.

A Ponte

Foi así que nesta fin de semana decidimos saír do círculo de preferencias, abrir os ollos a novas refencias e repensar o tema das segundas oportunidades.
E foi así que o domingo acabamos facendo unha magnífica comida, e a moi bo prezo, no Bar O Risón, na Illa.

eltuno

Hoxe luns, para algúns afortunados ponte das Letras Galegas, era o momento de probar o número un dos restaurantes da Illa de Arousa segundo os internautas de Trip Advisor: o restaurante O Tuno.
Previa reserva, alá nos fomos con Maru, Diego e os dous rapaces.

O local, coidado, pero non di moito. Estética clásica, de mesón, con detalles mariñeiros polas paredes. Arredor de dez mesas no comedor interior e a terraza, no paseo do Cantiño, aproveitada ao máximo. Por certo, en hora punta, e a pesar de ser luns, practicamente cartel de completo.
As rapazas que nos atenden, extremadamente amables, próximas, solícitas, cunha preocupación extrema polo benestar dos nenos.

O Tuno A Illa 10

A carta é moi ampla. Baseada no produto do mar, aporta pequenos detalles de diferenza: o paté de mexillón, un salteado de polbo e lagostinos ou ese brazo de xitano de marisco que figura no prato do día de hoxe (primeiro, segundo e sobremesa, 10€). Pero, ademais, unha oferta moi significativa de carnes que van desde o churrasco (tamén un menú do día con churrasco, ensalada e patacas fritidas por 9€) a un chuletón de boi (43€), pasando pola grellada de carne (12€ persoa). Prato combinado por 7€.
Logo, o típico: ameixas (13€), mexillóns (5), pescadiños da ría (5€), pementos de Padrón (4)… Grellada de peixes (12€ persoa), arroces (marisco 15€/p, choco 8€/p, lumbrigante 24€/p), fideuás (ameixas 9€/p, mexillóns 8€/persoa) ou os peixes (rodaballo 18€, espada 15€, robaliza 18€…) preparados a gusto do comensal.

O Tuno A Illa 12 O Tuno A Illa 13

Para entreter, e por conta da casa, o paté de mexillón: realmente rico.

O Tuno A Illa 15 O Tuno A Illa 17

De entrantes tiramos por unha de Polbo á feira, unha de Croquetas de marisco e unha de Luras rebozadas. O único puntiño negro da comida foi o polbo un chisco duro; non moito, pero faltáballe ese punto para poder dicir que estaba perfecto (que si podemos afirmar tanto das croquetas como das luras).

O Tuno A Illa 19 O Tuno A Illa 22
O Tuno A Illa 23 O Tuno A Illa 20

De prato, dúas de Fideuá de ameixas e dúas de Arroz de marisco.
Houbo división de opinións. Quen dixo que o arroz estaba espectacular, fóra de serie, e quen opinou que a realmente fantástica foi a fideuá.
Discusión inútil. Tanto un como a outra simplemente fantásticos. Ao arroz non lle faltaba de nada (cigala, lagostino, navalla, ameixa, mexillón), estaba meloso, no punto exacto e, sobre todo, saborosísimo.
Para min o prato do día foi a fideuá. Cociñada tipo paella (totalmente seca, punto polo que alguén deu o votou ao arroz), a pasta estaba, como poucas veces, ao dente, cunha consistencia moi difícil de lograr. E, por riba de todo, como no arroz, o mellor de todo, un sabor delicioso.
Podo afirmar, e sen moitas dúbidas, que estamos ante o arroz de marisco e a fideuá máis ricos que probei, a día de hoxe, na Illa.

O Tuno A Illa 27 O Tuno A Illa 28O Tuno A Illa 29

Para as sobremesas: unha torta de tres chocolates, o flan de augardente, flan de queixo e xelado.
Non tomamos cafés pero si nos obsequiamos cunha botella de Santiago Ruiz (15€). Ademais, augas e refrescos. Racións moi abundantes; co arroz ou a fideuá para dous comen perfectamente tres persoas (de feito levamos un bo táper de cada para a cea).
E con todo o anterior, pagamos 112€, ou o que é o mesmo, pouco máis dos 22€ por cabeza. Broche perfecto para unha comida fantástica.
Absolutamente recomendable. Creo que vai quedar como o noso preferido cando haxa que homenaxear ás visitas que nos veñen á Illa.

O Tuno
Paseo do Cantiño 21
36626. A Illa de Arousa.
986 527 446
649 17 72 83
GPS: 42.563297N,  8.869087O
Facebook
Cociña. Tradicional. De mar.
Prezo: 10-35€