Despois da visión xeral sobre o conxunto dos chiringuitos de praia da Illa de Arousa, e por recomendación de Flori e Luis -falan del entusiasmados-, hoxe ao mediodía tocunos visitar máis polo miúdo o Coco-Bao, na praia do Bao.
De entrada salientar que, escriba o que escriba, escoitedes o que escoitedes, estamos a falar dun chiringuito. Nin máis nin menos.
É que case o único que ten de chiringuito de praia o Coco-Bao é a estética.
A caseta de madeira e feitura rústica co balcón para atender, a pizarra á altura do camiño para captar turistas, o cartel dos xelados, mesas e sillas pregables ciscadas arredor da caseta, sombriñas de cores variadas e rechamantes con cadanseu selo de propaganda, marcas publicitarias por todas partes, nos vasos, nas papeleiras, nos servilleteiros, polas paredes, na carta...
Cómpre salientar que as mesas están estratexicamente distribuídas para loitar contra o vento que, hoxe en concreto, é moi forte e apenas notamos. Tamén un cuberto para os máis mixiricas ou para condicións excepcionais de auga ou frío.
A partir de aquí entramos nun mundo por descubrir.
O primeiro, a carta. Moi ampla e cun par de pinceladas de orixinalidade que serven para afastala radicalmente da normalidade. A cociña, dentro da tradición, aporta leves toques de diferencia, un chisco de aneto empoado por aquí, un pouco de vinagre con personalidade propia esparexido por alá. O servizo, amable e próximo, solícito e rápido, atento á túa satisfacción e desexos, recomendando as especialidades ou os produtos especiais da xornada.
Malia o día -moito vento, finais de agosto, martes, apenas xente na praia- e os moitos lugares cos que conta, está practicamente cheo, pero apenas hai que esperar, o ritmo da cociña e do servizo son óptimos.
Onde moitos locais de máis categoría e ínfulas (baldeiras) mesturarían ás tolas os compoñentes para elaborar, por exemplo, unha simple ensalda, no Coco-Bao esméranse por seleccionalos, por casalos, por cortalos, por distribuílos de xeito que forman un conxunto colorista e harmónico.
Para beber pedimos un par de 'tintos de verán', versión moderna e reducida da clásica sangría. Frío e pecando de dozura entra ás mil marabillas.
As principais novidades da carta son as ensaladas -orixinais e variadas- e as algas. Estas están presentes en varias das ensaladas, nun revolto con gambas, tamén mesturadas con gambas ao allo ou simplemente rebozadas e fritidas ('espagueti do mar rebozado'). Optamos por unha ensalada con algas, a que bautizaron como 'Ensalda do mar' e que, ademais da leituga e a alga -himanthalia-, leva tomate, cebola, lombarda, gambas, meixóns e mexillóns; como condimentos, aceite e vinagre de boa calidade, algo de allo e aneto. O resultado, unha ensalada moi variada e diferente, ben conxuntada, moi rica.
A continuación pasamos a unhas croquetiñas.
Metade de mexillón e metade de marisco, están moi boas. Coa envoltura crocante e por dentro cremosas, untuosas, identificables, moi saborosas.
Ameixas ao aneto. Trátase dun prato especialmente recomendado. As ameixas son rubias e de primeira (non en van as rapazas do Coco-Bao no seu 'tempo libre' son mariscadoras -ver 'E aínda din que o peixe vai caro'-), e a preparación escapa da uniformidade da 'mariñeira' (que por certo cada quen interpreta como entende e quere). O mollo non é moi gordo e o aneto esparexido por riba é o que dá consistencia ao prato. Realmente moi boas.
De sobremesa un marabilloso flan de queixo que, en si mesmo desdí a súa orixe de doce dun simple chiringuito.
Por todo o anterior (un de cada da ensalada, das croquetas e das ameixas, dous tintos de verán, dous flans e un café) pagamos 17€ por cabeza.
Seica 17 euros por persoa nun chiringuito de praia podería semellar un pouco moito, pero se temos en conta a xenerosidade das racións, o produto utilizado, a atención, a orixinalidade e o esmero na cociña... o prezo antóllaseme bastante máis axustado.
O Coco-Bao, un chiringuito de praia na Illa que de chiringuito apenas ten o nome; un descubrimento que vén enriquecer a oferta gastronómica de Arousa; moito máis que recomendable e ao que -segundo o noso particular criterio de valoración- sen ningún xénero de dúbidas volveremos.
Chiringuito Coco-Bao
Praia do Bao.
A Illa de Arousa.
Teléfono: 661 215 052
Teléfono: 686 175 232
GPS: 42° 32' 46.73"N 8° 51' 46.83"W
Localización en Mapas de Google