Os 11 restaurantes, na mesma orde que os presenta a reportaxe, aínda que sen especificar o criterio para compoñer o listado, son: Pedro Lemos, DOP (irmán xemelgo do DOC), Shis, Mesa, Sessenta Setenta, Foz Velha, Grappa, Clube da Gula, bbgourmet Bull&Bear, Portucale, e Paladar da Alma.
Se o criterio para ordenalos fose o prezo medio que apunta a propia reportaxe, no lugar de honra estaría o Paladar da Alma (arredor dos 12 euros); a continuación o grupo dos que andan sobre os 25 euros por comensal (Bull&Bear, Clube da Gula, Grappa e Mesa). Xa máis carillos, sobre os 35 euros, o Sessenta Setenta, o Shis e o Foz Velha. Para un día especial o DOP e o Portucale (45 euros). E, xa por fin, no furgón de cola (ou de locomotora, segundo a lúa vaia de crecente ou decrecente), Pedro Lemos, 50 euros.
Segundo o tipo de comida, Clube da Gula, DOP, Foz Velha, Pedro Lemos, Mesa e Sessenta Setenta, son locais onde, en maior ou menor medida, se pretende dar un toque creativo-actual ás raíces gastronómicas portuguesas. Máis tradicional (o restaurante de sempre de Porto) e o Portucale. O Grappa é de comida italiana con influenzas arxentinas. No Shis conviven a cociña portuguesa, a asiática e a italiana. Por fin, o Bull&Bear actual é máis unha petisqueria que un restaurante, petiscos, racións, tentempés…. Nesta mestura de motivacións gastronómicas con xeografía, a ruptura coa materia está no Paladar da Alma, restaurante vexetariano.
…………………………………………………………………………………….
Por certo, no Escape atopo tamén un Roteiro por 11 locais para beber té e quecer a alma. Dos once, cinco están no Porto.
Á cabeza, a Casa de Chá da Boa Nova, en Leça, local para degustar o té desde dentro dunha construción que xa forma parte da historia da arquitectura moderna (Siza Vieira, ou de como integrar a construción na paisaxe).
Moi na liña, pero radicalmente diferente, a Casa de Chá da Fundación Serralves, nos xardíns, fiel tamén ao contorno, á súa raíz perdidamente romántica. Á cabeza, a Casa de Chá da Boa Nova, en Leça, local para degustar o té desde dentro dunha construción que xa forma parte da historia da arquitectura moderna (Siza Vieira, ou de como integrar a construción na paisaxe).
O Verde Tília – Casa de Chá. O último, á última. Requinte. Móbeis de deseño, tés traídos de Francia, vaixela de Vista Alegre…
Rota do Chá, en Miguel Bombarda, destila a esencia da zona, cultura, etnia, vangardimo, inconformismo…
Sukiya, na zona de Antas, é un algo de todo dentro dunha fermosa caixiña xaponesa, fiel ao seu nome. Casa de té, bar, restaurante tradicional portugués, librería, tenda gourmet, enoteca centrada no Douro, sala de eventos culturais….
O té en Portugal, en especial na zona do Porto, está un chanzo máis arriba do que pode ser unha simple cuestión de modernidade ou esnobismo, é unha herdanza máis do paso dos ingleses polo Douro. Así, con variacións ou adaptacións ao modelo propio, en moitos dos locais podemos acompañar o té cos británicos scones.
Ou senón, e no mellor dos casos, cun bolo de chocolate, cunha nata, cunha fatia de bolo rei, cun bolo de arroz, de amêndoa, de ovos moles, de bolacha…
(A referencia ao té, cunha lembranza especial para Luz e Luis)