o miolo

polo si ou polo non, vai de vivo

De regreso de Oviedo, do concerto de Víctor Manuel (Cen por cen asturianu), estudamos os informes do tempo e o horario de mareas para ver de parar na praia das Catedrais.
Malia masificación deste último verán, as Catedrais é unha desas marabillas da natureza á que, como ao santo Andrés de Teixido, hai que ir unha vez na vida.

IMG_0421IMG_0441

E, xa postos, para calquera amante da gastronomía galega tamén é obriga achegarse cando menos unha vez na vida ao restaurante Nito, na baixada á praia de Area, en Viveiro.
Nito vén ofrecendo unha cociña tradicional galega, baseada no produto, desde o ano 1970. Con case 45 anos de vida, non resulta nada fácil manterse na elite sen afrouxar nin un ápice nos principios que lle son esencia.

Nito
hotel_nito
nito_comedor
(Fotos da web do hotel)

Todo o contrario. Nito (xunto co seu complemento o hotel Ego) sabe manterse e actualizarse como poucos. Ocupa un edificio de estética moi actual e e loce unha coidadísima decoración interior acorde coas formas externas.

O comedor é amplo, luminoso, cun enorme ventanal aberto directamente ao mar, unha zona de terraza exterior e unha agradable zona de tránsito. Dado o día cambiante que temos, e pese a que a reserva era para a terraza, ao final optamos por esta zona intermedia.
Ao longo da comida pasamos por unha infinidade de vistas diferentes, desde o sol máis radiante a unha tremenda treboada adornada con luces e sons.

IMG_02782IMG_02862

A carta de Nito é clásica e, salvo apetitosas excepcións de auténticas carnes de Lugo, está baseada no mar.
Os entrantes van desde o marisco (ameixas, nécoras, percebes, zamburiñas…) á ensalada mixta, pasando polo caldo galego, os pementos recheados de marisco, o polbo á galega ou as croquetas e empanada caseiras.
Para o prato forte as recomendacións baséanse no bonito de Burela; pero tamén a pescada do pincho (á galega, á prancha, rebozada, á bilbaina), o linguado, a robaliza, o pixín…
Entre as carnes, diferentes cortes e preparacións da tenreira: costeleta, filete, escalopíns ao Tío Pepe, asada, solombo, entrecosto… 
Destacable adega. Bebemos auga e unha botella pequena de Lagar de Pintos.
O servizo é excelente. Entre a próximidade e a calor que lle corresponde como restaurante de hotel, e a profesionalidade dun local de categoría.

IMG_0459IMG_02842

Empezamos cunhas ameixas á prancha. Afeitos á ría de Arousa, poucos bivalvos hai que nos poidan sorprender; pero estas, grandes, carnosas, practicamente naturais, no seu punto de prancha… están, simplemente fantásticas.
Pasamos a compartir un salpicón de lumbrigante. O de salpicón é un falar. En realidade estamos ante unha boa ración de talladas de lumbrigante aderezadas cunha vinagreta suave e equilibrada. Auténtico bocatto di cardinale.

IMG_0462IMG_0463

Para o prato forte decidimos ir polas especialidades de Nito, Carmen polo bonito, neste caso en rolo, e eu polas luras frescas da ría na súa tinta.
Acerto pleno. O rolo de bonito, sen perder a esencia propia do peixe, é o xeito máis zumarento como se pode cociñar o bonito, e este de Nito é único.
Das luras só dicir que estaban case para untar. Unha ledicia.

IMG_0464IMG_0466

Para a sobremesa, Carmen o Xeado de chocolate e eu o Crocante de mazá.
Os doces son quen de manter o nivel medio da cociña de Nito.

 

Non estamos ante un restaurante barato. Polo menú anterior, café incluído, pagamos 60€ cada un.
60€ por persoa xa é un prezo considerable, dun restaurante por riba do normal, superior á media en todas as súas características, o espazo, o servizo, o produto e elaboración. E é que Nito cumpre con todos os requisitos; é un deses locais que pagas sen miramentos, convencido de que está no seu prezo xusto.
Sobre todo se falamos do menú, do salpicón de lumbrigante (35€ ración) e das exepcionais ameixas (uns 250 gr. a 80€ o quilogramo).
No meu estudo de restaurantes galegos (lembro: elaborado a partir de presenza en guías gastronómicas e en blogs en Internet), Nito ocupa o primeiro lugar entre os locais de cociña tradicional, 11º no listado total, só por debaixo dos ‘estrelados’ e lugares actuais de culto.

Restaurante Nito
Praia de Area
Viveiro 27850
Telefono: 982 560 987
Fax: 982 561 762
info@hotelego.es
Web
C,LE: 11º lugar de Galicia
Repsol: 1 sol
Verema: 8.2
Michelín: Si
6º lugar entre as marisquerías de España en Madrid Fusión 2014