O colexio de Vincios foi o meu primeiro destino.
Xa choveu.
Falo de setembro do ano 1983.
Como Carmen tamén pasou por alí, e bastante máis tempo ca min, fixemos bos amigos e amigas.
Toda unha vida. Moitos, a maioría, xa están xubilados; o resto, os que quedamos, xa andamos aí, aí.
Juan, Mª Luisa, Fefa, Bea…
O venres reunímonos un puño daquelas vellas glorias para parolar dos vellos tempos arredor dunha botella de viño e un pincho. Quedamos pola noite, na Carpintería, un local bastante recente en Bouzas.
Está na rúa Alfolíes, ao fondo, case ao pé da igrexa de Bouzas, e ocupa o local dunha vella carpíntería.
A decoración conserva a esencia do taller orixinal; local moi alto, utensilios nunhas paredes pintadas en branco sobre os vellos materiais, mesmo a serra e o vello banco son utilizados como mesas para os clientes.
En xeral resulta acolledor e agradable e, a pesar de estar cheo, nada agoniante.
Oferta de tapas para compartir e tamén algúns pratos máis potentes. Durante a semana teñen un menú do día (12,5€) que publicitan a través do facebook.
Eramos 8 e compatimos dúas racións de:
Pincho de rabo de touro con foie
En xeral todas as racións estaban ricas; de ter que destacar unha por riba das demais, fágoo co rabo de touro: bocado especialmente saboroso, moi tenro, co toque de foie que non lle quedaba nada, nada mal.
Isto, claro, sen contar os doces.
Seica Elena Garmendia (a dona, el, Rafa Pérez é o cociñeiro) exerce de experta reposteira e ten un obrador no que prepara cada día unha chea de tortas e pasteis que poden facer as ledicias do padal máis tiquis. Torta de violeta, de chocolate belga, de moka…
En fin, un local moi recomendable para enriquecer aínda máis a xa saientable oferta de Bouzas. Tanto para tomar uns viños coas súas tapas, como para o horario de comidas ou ceas –sen esquecer as copas–, temos moito onde elixir. Desde os máis clásicos –poñamos por caso o Garfo–, ás novas incorporacións que xa se fixeron un nome –o PaTouro, o Ouso–.
Gastrobar Restaurante La Carpintería
Rafa Pérez
Reposteira: Elena Garmendia
Rúa Alfolíes 19
36208 (Bouzas) Vigo
Teléfono: 986 123 103
info@lacarpinteriarestaurante.com
Web
Facebook
GPS: 42º 13’ 33.9”N 8º 45’ 12.1”
Localización en Mapas de Google
Por certo, o nome da rúa, Alfolíes, esperta a miña curiosidade pola máis que probable orixe árabe. Busco información e atopo que, efectivamente, vén do árabe hispano (alhorí) e, á súa vez, do propio árabe (hury), puidendo ter antecedentes no exipcio mhr e no copto ahor. En calquera caso presenta dúas acepcións diferentes: granero ou depósito de gran e almacén de sal.
Non teño datos pero a relación con almacéns de sal paréceme algo máis que probable.
Alfolíes son, tamén, os saquiños que pasaban nas igrexas para que os fegreses depositasen as súas esmolas. A rúa vai dar ao lateral da igrexa, pero esta etimoloxía paréceme menos defendible.
Neste segundo caso, os alfolíes serían herdeiros directos da vella obriga do dezmo da tradición xudea, contemplada en diferentes pasaxes da Biblia.