Debo recoñecelo. Sen medias tintas. Son fan incondicional de Víctor Manuel.
Como non selo dun tipo que escribe esas letras coas que me idenfico máis que se as tivese escrito eu mesmo?
Cada un é como é, Onde caben dous caben tres, Digo amor e digo liberdade, Todos temos un prezo ou Nada sabe tan doce como a súa boca, son frases, títulos de cancións de Víctor Manuel, que xa levo impregnadas no meu ADN.
Aínda é máis. Ás veces dáme por imaxinar que o Juan de O Cobarde non é outro que eu mesmo, que a canción, de principio a fin, do primeiro ao último verso foi escrita pensando nas miñas teimas.
O pasado venres 12, en Oviedo, Víctor Manuel celebraba os seus 50 anos sobre o escenario. E, para acompañalo, unha chea dos seus amigos, dos meus ídolos. Milanés, Serrat, Aute, Miguel Ríos, Rosendo, Ismael Serrano… Xentes tan diversas como Miguel Poveda, Wyoming o Soleá Morente. E alí estabamos nós, tamén, no medio de case tres hora ininterrompidas de puro éxtase.
Inolvidable.
A interpretación final de Asturias, con todos os invitados e o público acompañando a Víctor Manuel, fanme devecer por un Víctor de Galicia e en galego.
O sábado pasamos o día en Oviedo –exultante no primeiro día das festas de san Mateo–. Para comer achegámonos aos arredores da rúa Gascona: o bulevar da sidra.
Levabamos unha nota, de Rafa Palacio, pero non demos coa recomendada casa Marcial, así que, xa sen referencias, procuramos un local fiándonos da intuición e de que a oferta da pizarra para atraer turistas fose o menos turística posible, que tirase ao máis tradicional.
E así caímos nesta sidreria La Manzana.
Como iamos a o que iamos, comemos cunha botella de sidra (e unha de auga).
Estaba rica. Fresquiña e no seu punto de batido.
O pincho da casa do día, unha tosta con bonito e un delicado mollo de tomate e redución de módena. Rico rico.
Serviron a fabada como manda a tradición: por unha banda as fabes e por outra o compango. Estaba boa, moi boa. De sabor, de punto de cocción, de textura, de gordura, de untuosidade…
Pero a sorpresa do día estaba por vir.
Xa que estabamos no país do 40 queixos, despois da fabada pedimos unha táboa de queixos asturianos.
Aí tendes o que nos trouxeron:
Era, en efecto, unha táboa: unha gran táboa de madeira na que viñan cinco pratos, cada un cun ou con dous queixos diferentes (en cantidades xenerosas), un puño de froitos secos, unha rodela de mazá e unha porción de marmelo ou marmelada axeitada a cada queixo concreto.
Unha gozada.
Cabrales, Afuega'l pitu (con pemento picante e sen pemento), Pría… Marmelo de mazá, doce de abóbora, marmelada de framboesa…
En fin, case sen querelo, acertamos de pleno; unha moi boa comida cen por cen asturiana pola que pagamos 19€ por cabeza.