Con máis ou menos peso, a maioría das valoracións que facemos dun restaurante inclúe un apartado referido ao trato que recibimos por parte das persoas que nos atenden. Hai quen, desde unha valoración cuantitativa, outorga idéntico peso ao servizo, ao local e á propia comida (Que valorar dun restaurante, Guía Zagat, ou tamén, Que valorar dun restaurante, outras visións).
Por dicilo dalgún xeito, o servizo (xefe de sala, camareiros, sumilleres, en casos o propio xefe de cociña…) son a primeira imaxe do local e case que a súa única imaxe humana.
Esa imaxe pode ser moi diferente, incluso situarse en extremos contrarios, pero sen que isto signifique, necesariamente, que un é bo servizo e outro malo.
Daquela, a que nos referimos cando valoramos co tan socorrido ‘servizo correcto’?
Con que camareiro da serie se queda cada un?
Hai tempo, o polifacético periodista deportivo Bruce Buschel, escribía no New York Times Magazine un post que titulou ‘100 Things Restaurant Staffers Should Never Do’ (Primeira Parte, Segunda Parte). Ou sexa, e máis ou menos (o inglés non é o meu) ‘100 cousas que os empregados dun restaurante nunca deberían facer’.
O seu Blog no NY Times Magazine leva por cabeceira You're the Boss, e como subtítulo The Art of Running a Small Business (Ti es o Xefe. A arte de dirixir un pequeno negocio); é seguido coma un gurú dos negocios. A piques de se converter el mesmo en xefe, ao abrir a marisquería Southfork Kitchen, en Nova Iorque, escribiu a mencionada entrada sobre esas 100 cousas que nunca deben facer os camareiros dun restaurante.
Foron traducidas a medio mundo. Non sei se ao galego, pero por se acaso vou dedicar un par de entradas ou cinco (debidamente dosificadas) a unha tradución máis ou menos libre das recomendacións de Buschel aos que serían os seus camareiros.
Aí van as vinte primeiras.
100 cousas que nunca deberían facer os camareiros dun restaurante B Buschel (1)
1. Non deixe que ninguén entre no restaurante sen un cordial saúdo.
2. Non faga a unha persoa soa sentirse mal. Non pregunte: "Está esperando por alguén?" déalle a súa mesa e pregunte se lle gustaría sentar no bar antes da cea.
3. Nunca deixe de acomodar a tres persoas nunha mesa por esperar a unha cuarta que aínda non chegou.
4. Se a mesa non está lista nun prazo razoable de tempo, ofreza unha bebida ou un bocado de cortesía por conta da casa.
5. A mesa debe estar a nivel e sen moverse sen que o cliente teña que pedilo. Toda reparación neste senso debe realizala antes de que os invitados estean sentados.
6. Permaneza sempre neutral. Non tente influír no cliente con preguntas como "A auga será embotellada ou simplemente da billa?". Ambas augas están ben.
7. Non anuncie o seu nome. No gaste bromas, non coquetee, non se faga o gracioso.
8. Nunca interrompa unha conversa. Por ningún motivo. E menos para recitar as especialidades do dia. Agarde o momento oportuno.
9. Non recite os pratos do dia demasiado rápido, ou coma un robot, ou de xeito dramático. Non se trata dun soliloquio. Non é ningunha audición.
10. Nunca opine sobre as súas preferencias persoais ao recitar os pratos especiais do día.
11. Non induza ao prato de langosta. É dicir, no diga cosas como: "Unicamente nos quedan dúas langostas abandonadas". Mesmo se o único que queda na cociña son dúas langostas abandonadas.
12. Xamais toque os vasos polo bordo. Ou calquera outro vidro.
13. Manipular as copas de viño polo seu tallo e os cubertos polo mango.
14. Cando pregunte "Como está todo?" ou "Que tal foi a comida?" Escoitar a resposta e tentar arranxar o que non estivo ben.
15. Ante calquera pregunta nunca contestar "non sei", se non vai seguido dun "vou informarme."
16. Se alguén pide máis prebe ou salsa de carne ou queixo, poñer a salseira a carón do prato. Non servir. Deixe que o cliente mesmo se sirva.
17. Non recolla o prato baleiro dun comensal mentres o resto da mesa aínda está co mesmo prato. Espere, espere, espere.
18. Saiba, antes de achegarse a unha mesa, quen pediu que. Xamais pregunte, “Para quen son os camaróns?”
19. Ofreza ao cliente manteiga ou aceite de oliva co pan.
20. Nunca se negue a substituír unha verdura por outra.
o miolo