o miolo

bar restaurante rojo

Empezamos falando de viños. Do último que me trouxo das súas viaxes, un Malvasía Volcánico de Tenerife bastante peculiar.
Sen saber como, saltamos á Ribeira do Douro e caemos no Pago de Carraovejas.
Estimo as opinións de Cándido coma se fosen propias. Cándido é compañeiro no instituto, pero, desde que foi o meu director e eu o seu secretario, establecemos unha relación na que o aprecio alcanzou a categoría de amizade. Por se fose pouco, compartimos paixón, gustos e criterios arredor deste mundo do bo beber e comer.
carraovejas-crianza
De Cándido (xa choveu!) escoitei as primeiras recomendacións sobre un localiño perdido no Salnés de sona O Paspallás. Tamén todo o que se pode saber sobre comer en Allariz. De alí é a familia da súa muller e alí, na bela botica, fabrican un dos mellores destilados galegos que hai no mercado, o Ziralla.
Onte falábame doutro local pequeno, en Vigo, polas intricadas ruelas de Santo Tomé e a Pastora, óptimo para un marisquiño e un peixe a bo prezo. E, por riba de todo, o lugar perfecto para beberse un ribeiro especial. Non en van, o dono do bar O Roxo (Manuel) é irmán de Emilio Rojo, unha das grandes sonas na rexeneración da DO Rías Baixas. Manuel etiqueta ribeiro propio. Disque as referencias ourensás dos propietarios chegan ao produto que ofrecen e, ademais do viño, e sempre que poden, teñen esa delicia que son as anguías fritidas; as carnes tamén as traen de Ourense.
Ata o día de hoxe non era normal a referencia a locais de fóra de Galicia e Portugal neste meu blog. Pero o entusiasmo co que me falou Cándido, unido á posibilidade real de que algún día o azar me leve ata alí, anímame a botar un cabo á miña deteriorada memoria deixando por escrito estas notas sobre o Restaurante José María, en Segovia. Como todo é un círculo, resulta que neste típico local segoviano o 'viño da casa' é o Pago de Carraovejas. Claro que José María, o dono do restaurante, é un dos ideólogos e propietarios da adega Pago de Carraovejas.
Restaurante José María. Web
Cándido fala dun local castelán, acolledor, dinámico, vivo, e esa noite concreta de semana santa, a partir das dez, ateigado ata a bandeira; imprescindible reservar. Carta ampla centrada na cociña castelá e con preferencia para os asados.
Primeiro (lembro que falou, por exemplo, dos  ‘Judiones del Real Sitio con todo su acompañamiento’; de prato (‘Cochinillo asado de nuestra corte y hornada’ e ‘Corderito lechal asado "Segolechal" Brazuelo pequeño para 2 personas’) e das Sobremesas (‘Nuestros raviolis crujientes con chocolate caliente’ ou as ‘Torrijas de Semana Santa’).
cochinillo
Co viño da casa, pan, servizo e demais, arredor dos 45 euros por persoa.
Cándido recoméndame encarecidamente que, de pasarmos por Segovia, non deixemos de comer no José María.
Restaurante Bar Rojo
Travesía da Pastora 1
36310 Vigo
Teléfono: 986 473 239
GPS: 42º 13’ 08”N   8º43’40”W
Localización en Mapas de Google
Restaurante José María
Cronista Lecea, 11
40001 - Segovia
Teléfono: 921 461 111 / 921 466 017
Fax: 921 466 129
E-Electrónico
Web
GPS: 40º57’01”N  04º07’22”W
Localización en Mapas de Google
Guía Repsol: Mencionado
Gourmetour: Mencionado
Verema: 6,5
Lo mejor de la Gastronomía: 6,5
(Habitual nos mellores asados casteláns de LMdG)