Nesta ocasión o título agocha unha dobre intención.
Todo depende de que falemos de camiños ou do Camiño.
E hoxe calquera dos dous tería sentido válido.
Onte chegamos de facer o Camiño…
Desta foi en coche, en oito etapas con final en hoteis de catro estrelas, sen cansazos nin suores, con motivacións disimuladamente culturais (convertendo a fotografía e a gastronomía en elementos básicos da cultura).
2290 quilómetros e 2485 fotografías…
Comimos pintxos en Pamplona e pinchos na rúa Laurel de Logroño.
Comimos cocido Maragato.
Comimos Lechazo-churro en campos de Castela.
Comimos un menú centrado na cereixa.
Comimos bacallao á rioxana.
Comimos o menú de degustación do restaurante Alhambra de Pamplona.
…E cerramos a festa na Parada das Bestas de Palas de Rei.
Aos poucos, temos todo o verán por diante, irei desvelando algúns dos mellores momentos do noso Camiño Gastronómico a Compostela.
Na outra vertente da cuestión, hai ocasións, nesta viaxe foron tres, nas que a comida che pilla en ningures. Ves que son as dúas, as dúas e media, as tres… e ti liado coas igrexas, os castelos, as paisaxes e as fotos. Cando aterras de novo, cando volves ao mundo das necesidades fisiolóxicas primarias é cando pensas, ‘e agora que?’
Estamos a falar de comer no camiño ou na carreteira.
A primeira comida, en autopista, no Autogrill Iberia do Desfiladeiro (Área de Servizo na AP1, nos arredores de Pancorbo), foi un fiasco absoluto. Prato do día: combinado de xamón ibérico (un pouco de xamón fritido, un ovo, algunhas patacas e pemento) con iogurt natural (pan e bebida á parte), total 9,50 persoa.
Xusto ao día seguinte inauguramos o camiño co tramo Jaca-Pamplona. A hora da comida pillounos desviados, visitando san Xoán da Peña e a santa Cruz de Serós (por certo, ambas as dúas visitas moi recomendables). Estiramos o tempo ata chegar a comer a Ponte la Reina (de Jaca), ben pasadas as tres. Paramos no primeiro local á entrada da vila ao pasar a ponte, á dereita, ‘Mesón de la Reina’. Comida de batalla perfecta. Menú do día con primeiro, segundo, sobremesa, pan, bebida e café (para cada un dos tres pratos do menú, seis ou sete opcións de elección), total 12,5 euros cada un. Comida caseira (menestra, croquetas, ensaladilla, pata de cordeiro estufada en viño, natillas…) ben elaborada e racións moi abondosas.
Todas as comparacións son odiosas?
Onde está a clave? Como facer para acertar?
Simplemente teño para min que non existe a poción máxica. Se acaso, a sorte mal disimulada baixo o apelativo de ‘intuición’.
Existen guías específicas con recomendacións para comer en carretera. Non é o caso. Non podemos converter o coche nunha sucursal da nosa libraría turística. Os libros son para os preparativos, a viaxe é para viaxar.
Existen vellos aforismos como aquel que recomendaba parar alí onde houbese moitos camións. Na maioría dos casos tampouco nos valen. Nunca mellor dito, resultan ‘vellos’, son doutros tempos moi distintos aos actuais.
Claro que sempre gardo na recámara o infalible recurso de preguntarlle a Vicente. Vicente é, en cada caso, aquel lugareño que vai comer onde comen as xentes do lugar… É o máis fiable… pero tampouco nos vale en moitos dos casos. Nos asolados campos de Castela, aos corenta grados das tres da tarde (ou nos morriñentos bosques da Galiza ás dez da noite dun inverno asolagado), Vicente está ben protexido das inclemencias do tempo na súa casa.
En fin, como vedes, camiños, haber hai moitos…
Nos próximos días andaremos xuntos algunhas das etapas do Camiño de Santiago Gastronómico.
o miolo