o miolo

Había tempo que tiña ganas de coñecer as preparacións de Marco Varela.
Desde que escoitei falar del polo primeiro lugar no concurso galego de cociñeiros. Desde que o escoitei falar despois do terceiro no nacional, sen axudas, sen políticos, contra vento e marés.
Palacio de Sober. Tarxeta  Hotel Palacio de Sober. Vista Xeral  Palacio de Sober. Tarxeta
As primeiras impresións do hotel son magníficas.
O xardín, a fonte, o acceso principal, a decoración, o ambiente…
Gran luxo. Como ben se define a si mesmo.
Logo, no exterior, cae un pouco. A sensación que percibo é como de perda de proporcións, todo se fai algo excesivo movéndose nesa perigosa liña que ás veces separa o luxo da chabacanería. Dado que as bases do palacio orixinal do Conde de Lemos son mínimas, ás veces temos a impresión de estar diante dun produto máis do chamado estilo ‘neopazo’.
 Hotel Palacio de Sober. Detalle da decoración  Hotel Palacio de Sober. Detalle da decoración  Hotel Palacio de Sober. Detalle da decoración
O comedor, o que nos trouxo aquí, resulta moi agradable, confortable, equilibrado, aquí si, nada fóra de lugar, unha interesante mestura de luxo clásico con modernidade, acertados toques rompedores como a decoración a base de fotografías ou os dous paneis vermellos da parede do fondo.
Sentamos a carón dunha ventá con vistas á parte máis fermosa do exterior: a terraza do bar e o pequeno xardín francés.
Restaurante Dona Branca. Vista xeral  Restaurante Dona Branca 2
Carta de tradición galega con máis dun retrinco á cociña internacional e enfoques con evidentes aportacións persoais. Pratos que, pola sona, teñen moi boa pinta.
A carta de viños pareceume curta.
Aproveitando que dona Branca participa ‘Na mesa con Cunqueiro’, pedimos o menú de degustación cunqueriano (39€) e un Algueira 2010 para acompañar.
Restaurante Dona Branca. Sopa de melón e Brandada de bacallao   Restaurante Dona Branca. Proba de aceites e sales
Comezamos cos presentes da casa, copa de cava, degustación de aceites e sales, ‘Sopa de melón con virutillas de jamón’ e ‘Brandada de bacalao con huevas de trucha’. A sopa e a brandada, fantásticas. O principio non podía ser mellor.
Restaurante Dona Branca. Empanada de polbo  Restaurante Dona Branca. Canelóns de marisco
O menú abre cunha ‘Empanada de pulpo’ e uns ‘Canelones de centollo y bogavante’. Os entrantes manteñen a liña dos aperitivos; a empanada, sen tapa, coa base triscante, cama de ceboliña moi pochada e o polbo con pemento por riba; moi ben, rico, conxunción perfecta. Os canelóns, espectaculares, saborosísimos.
Restaurante Dona Branca. Troita escabechada.    Restaurante Dona Branca. Codorniz confitada e figos
Despois de ler o menú tiña todas as miñas esperanzas no prato de peixe, ‘Timbal tibio de trucha escabechada y su crema’.  Son adicto á troita e a todo alimento que veña escabechado; a suma dunha boa troita co escabeche promete. E quizá polo exceso de expectativas quedo un pouco desilusionado; a troita está ‘OK’; perfecta de cocción, de textura, de acompañamentos… pero un pouco neutra, fáltalle chispa, quizá no propio escabeche.
Coa carne pásame algo parecido. A ‘Codorniz confitada e higos’, estando boa, non me di nada excepcional; resulta algo gris; a impresión que teño é máis dunha suma de elementos que dun prato único e redondo.
Restaurante Dona Branca. Requeixo con mel    Restaurante Dona Branca. Torta de Mondoñedo
Coa primeira das sobremesas recobramos parte das sensacións perdidas. ‘Requesón con miel de la Ribeira Sacra’; o requeixo, case escuma, suavísimo ao tempo que ateigado de sabor, toque perfecto de mel licuada que dá dozura e non chega a empapuzar, améndoas garapiñadas que outorgan o toque de solidez ao prato. A ‘Tarta de Mondoñedo’, unha especie de deconstrución: o biscoito denso, con améndoas picadas, xugoso, acompañado con froitos vermellos e xeado de canela.
Para acompañar os doces pido un Pedro Ximénez.
Sen dubidar prefiro outros viños de sobremesa, menos densos, non tan pasificados, menos empalagosos, máis suaves. Sendo entre si moi diferentes, un Tawny con anos, un Moscatel de Setúbal, un Moscatel de la Marina…
Restaurante Dona Branca. Petit Fours     Restaurante Dona Branca. Petit Fours
Cafés, chupitos de herbas e licor café e petit-fours (nube, gominola, chocolate branco e trufa) por conta da casa.
Saímos por 44 euros.
Canabal     Estación de Canabal 
Toda comparación resulta odiosa. Sobre todo se pretendes facelo entre dous locais nos que pagas practicamente o mesmo. pero nun deles por dous comensais e noutro por catro (ver Hotel-Restaurante The Yeatman).
Vista en conxunto a comida paréceme ben. Coidaría ou puliría os pratos principais e a valoración global subiría sensiblemente.
En contra de dona Branca xoga a localización. Fóra dos circuítos, das rutas, a case 150 quilómetros (e outros tantos de volta) se vas de Vigo.
Claro que para min é case como volver a casa. A familia do meu pai, e el mesmo, eran os ‘Reis’ de Canabal e tiveron moito que ver coa estación de Renfe.
Río Sil Solcalcos 03     Río Sil Marco 03
E se aproveitas a excursión para saborear a estrada que sube de Ourense a Monforte abeirando o Miño, se paras nos Peares, se coñeces o Sil, os canóns, os socalcos, o Miradouro dos Torgas, San Estebo, San Pedro de Rochas…, tés o desprazamento máis que amortizado. (Ver localizacións en Mapas de Google)
Restaurante dona Branca Hotel Palacio de Sober
Chef: Marco Varela
Camiño do Palacio s/n
Sober
27460 Lugo
Teléfono: 982 455 182
Fax: 982 460 449
E-Electrónico
Web
GPS: 42º27’46.27”N  07º34’50.04”W
Localización en Mapas de Google