o miolo

casa gerardo

Continuando co modelo instaurado na anterior entrada (ver Un grande de España), hoxe tócanos entrar da man de Pepe en Casa Gerardo.

pepesolPor: Pepe Fernández

Dende fóra, casa Gerardo podería pasar por unha casa de comidas á beira da estrada, de feito eses foron os seus principios facéndose famosa pola súa fabada e o arroz con leite. Dentro, comedor cálido e acolledor (onde nós estivemos), de ambiente rústico con paredes de pedra e madeira, con boa iluminación artificial. A un nivel superior víase a cociña acristalada onde podes ver os movementos “apurados” do persoal baixo as ordes, ás veces en ton elevado do fillo, Marcos Morán.

Casa Gerardo. ExteriorCasa Gerardo. Comedor

Na carta aprécianse as dúas vertentes, os tradicionais fabada de Prendes, pitu de Caleya… cos creativos que van cambiando cada pouco.

CG_17

Decidímonos polo menú degustación CG que acompañamos cunha cervexa sen alcohol e unhas copas dun branco asturiano para a primeira parte e un rioxa para a segunda. O menú fórono presentando cun ritmo bastante axeitado, por veces parecía un pouco apurado, pero só parecía, e sempre con amabilidade exquisita e coas explicacións e recomendacións pertinentes tanto da composición do prato como da orde de degustación.

CG2

“Cóctel de tomate y el tomate en el cóctel”: Unha recreación do Bloody Mary que non estaba nada mal. Refrescante.

CG3

Os aperitivos completábanse cun “bocadillo crujiente de quesos asturianos” e “croquetas del compango de la fabada”. Unha delicia, a min sobre todo sorprendeume a croqueta, como dicía o camareiro “es de bocado”, é certo, de tamaño suficiente para meter na boca e gozar da explosión de sabores do compango.

CG5

“Consomé de morrones”. Un entrante de culler onde para min destacaba o sólido, moi aromático: tonka (semente tipo faba), con pistachos, rosas, arbeyos (chícharos) e cebolleta. O líquido feito con zume de morróns pareceume demasiado sutil.

CG6

Un dos pratos que me pareceron por baixo dos demais foi o “Nabo-Smith”: trátase de nabo e mazá, cortados en finas láminas e cun aliño lacto-cremoso.

CG8

Sen embargo o seguinte si que pagou a pena: “Ostra-plancton-limón”. Grandiosa ostra lixeiramente pasada pola prancha, cun pilpil de plancton e un mazapán de limón. Intenso e prolongado sabor a mar.

CG9

Para cortar e dar paso ao peixe presentan un “Plátano frío/caliente”, que tal como che explica amablemente o camareiro debes comezar polo anaquiño frío (semiconxelado) de plátano bañado en caipirinha e a continuación o quente. Divertido.

CG_10

A nós o prato de peixe tocounos un precioso lombo de salmonete presentado sobre unha crema untuosa de pataca aromatizada cun lixeiro sofrito. Gustounos moito.

CG_11

O segundo cortante, paso do peixe á carne, consistiu nun “Cóctel sólido de manzana”: unha versión de sorbete de cava. Trátase dun anaco de mazá bañado en “orujo La alquitara del Obispo” que cho fan coller coa man. Orixinal.
“Culón asturiano frito”: un anaco de tenreira fritido e con sal de viño. Aceptable.

CG_12

E despois de todo isto a famosa “Fabada de Prendes”. Simplemente excepcional, exquisita. Cando nos puxeron o prato de fabas diante, a reacción foi de “buff, onde imos meter todo isto” e o camareiro díxolle a Merce: “no se preocupe señora, esto es como las pipas, una vez que se empieza...” E vaia se o era, demos boa conta das fabes sen ningún esforzo; e o mellor de todo, que nos sentaron de marabilla. Paga a pena volver aínda que só sexa pola fabada.

CG_13

A primeira sobremesa foi “Choco-Martini-Pasión”: fortes contrastes entre os seus compoñentes, moi ben elaborado. Exquisito, refrescante, o complemento ideal para as fabes.

CG_14

Logo chegou a “Crema de arroz con leche requemada de Prendes”. Levamos unha pequena decepción. Claro que se trata dunha crema, non do arroz tradicional, pero eu creo que o punto de cremosidade non era o axeitado e o azucre queimado ás veces era requeimado. Unha mágoa porque é outra das tradicións estrela.
Con dous cafés cortados pagamos 146,19€ (O menú CG custa 60,18€ sen IVE).

Malia o par de baixóns, unha comida para lembrar moito tempo.
Ah! E prometo darlle outra oportunidade á crema de arroz con leite (e de paso ao resto).

Casa Gerardo
Marcos e Pedro Morán
Estrada AS19 Quilómetro 8
Prendes
33438 Asturias
Teléfono: (+34) 985887797
Localización en Mapas de Google
GPS: 43º33’21”N   5º45’53”W
E-Electrónico
Web
LMdeLG: 8,5 puntos
Michelín: 1 estrela
Verema: 8,3 puntos
Repsol: Tres Soles
Gourmetour: Si