Aínda que así está bautizado, eles mesmos tiran por aquilo de o Furancho de Quintela, nome do lugar no que se atopa. Tamén teño visto por aí chamarlle, familiarmente, o Furancho das Irmás.
Se algo identifica o furancho de Quintela é a súa situación privilexiada, no mencionado lugar de Outeiro, no máis alto de Covas, cunha vistas á ría de Arousa marabillosas. Tamén o seu comedor ‘exterior’ ao acougo das viñas. Os espazos interiores, son limitados.
Merendar á tardiña dun día de verán, coa caída do sol no horizonte é unha gozada.
Ollo!, trátase dun furancho con moitísima aceptación (por algo será…) e, en días e horas punta pode haber unha demora que afea os tempos e o trato e mesmo a ‘caída’ por esgotamento dalgún dos pratos.
Atenden por rigorosa ocupación de mesa e completan o menú de cada grupo antes de pasar ao seguinte.
Xunto co viño e o pan, e por conta da casa, atípico pratiño de xamón con melón.
Oferta típica de furancho: tortilla, zorza, pementos de Padrón e vermellos, richada, calamares, ensalada de tomate, etc. Consabidos viños tinto Barrantes e branco Albariño.
Hoxe somos seis; o grupo habitual con Luís e Luz, enriquécese con Flora e Luís (2).
Tomamos lombo de porco, zorza, tortilla e pementos.
O prezo vén sendo o habitual, arredor dos 8€ por persoa.
Preguntamos polo mellor furancho dos de Covas (fóra, claro está, este das Irmás no que estamos) e as recomendación tiran polo de Juan e o de Adolfo. Polo de Adolfo haberemos de esperar á próxima tempada; disque son magníficas as cañas, pero, entre que xa acabaron o viño e que este ano a vendima vai un chisco adiantada, a día de hoxe xa está pechado.
Nunha das mellores noites deste desastroso verán acabamos tomando café na terraza da casa de Luz.
Licor café de Maribel e roscón de Mascato.
O furancho de Quintela
(Furancho Lar de Outeiro)
(Furanco das Irmás)
Outeiro, Covas.
36968 Meaño
Localización en Mapas de Google
GPS: 28º31’00”N 08º46’32”W